Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Palabras contundentes. Sentencia de Rodil Lombardía

jueves, 04 de enero de 2024
Hai palabras rotundas que golpean coma un mazo. Sentencia é unha delas, o título do libro de José Francisco Rodil Lombardía que recolle a historia de Rafael de Vega Barrera, o médico de Lugo que foi encarcerado, sometido a un xuízo sumarísimo e fusilado en 1936. A súa lectura faime escribir, para ir máis alá do recoñecemento dunha obra ben contruída e cos mellores materiais.

Unha historia que comezara a contarse en La noche de las luminarias. Un relato baseado nun feito real co que batemos no Vello Cárcere de Lugo. Un feito que nos enfronta á inxustiza máis terrorífica, ao lado máis cruel da humanidade (aquel que Palabras contundentes. Sentencia de Rodil Lombardíaconsegue abater a luz unha e outra vez ao longo dos anos, as décadas... os séculos), a un tempo histórico que algúns seguen a querer ocultar como se as vellas insignias fascistas se fosen a removen nas tumbas dos seus antepasados cando eses emblemas continúan ondeando ao vento dun presente desencamiñado.

A novela consta de dúas partes, sempre narradas en primeira persoa pola voz do protagonista. Na primeira encara os días na cadea, a situación cruenta e de necesidade absoluta, a relación cos compañeiros de cela amontoados nun espazo minúsculo, as lembranzas (de cando era neno na casa dos pais) que van acudindo para agarrarse a unha esperanza ou máis ben buscando o colo no que arrolarse coma a crianza que foi, o terror enchendo a noite ante os "paseos". No medio desas lembranzas de infancia e mocidade, o encontro coa música "porque ela expresa aquilo imposible de dicir con palabras, pero que non poder permanecer no silencio".

Na segunda parte véñenlle os días nos que o detiveron e encara a realidade dun xuízo sumarísimo que o vai conducir á morte no muro do cemiterio, ante un pelotón de fusilamento. O absurdo entra nas mentes ante a incomprensión total, só hai unha razón, os golpistas teñen que acabar coa resistencia mediante o espanto, o terror que impida calquera movemento, a sinrazón enterrando calquera outro tipo de realidade. Logo actúan as envexas, os odios, os celos profesionais, o lado escuro que vai asombrando os ceos, sometendo a cidade ás forzas que camiñan de arrecú para acabar cos dereitos que se conseguiran, para que nada se mova no concerto social que leva séculos na man das mesmas familias sometendo sen caridade.

A novela é de lectura obrigada, especialmente despois de A noite das luminarias, unha lectura que doe, daquelas das que Emili Teixidor dicía que poden cambiarche, que podes decidir non ler porque che produzan unha dor irresistible porque responde á crónica dunha morte anunciada e véñenche ao pensamento a escena dos rapaces e as familias insultando ao mestre de A lingua das bolboretas.

Hai homes bos, médicos que loitan polo dereito á sanidade pública, profesionais que curan aínda cando o enfermo non teña con que pagarlle, sanitarios que crean a mellor das estruturas posibles para que a maioría da poboación poda conservar a saúde... Tamén hai xente disposta a facer negocio en tempo de pandemia, a abandonar aos máis débiles sen prestarlles a axuda que precisan... Dúas cores, dous bandos que saben o que queren e no medio os que "non fan política" (cando lle preguntan ao gobernador civil que acaban de nomear as forzas fascistas: o militar Bermúdez de Castro, pola política que vai aplicar de aquí en diante a resposta é "Ningunha. Nada de política, que todo o corroe e envelena... Nada de partidos. Queremos un solo partido, o dos españois"). No medio, os que votan contra si mesmos seguindo o paradigma da alienación, tal como se di na novela "Se a quen se lle dá o voto non se lle dá a escola, parece unha estafa" ou dáselle a escola que aliena o que aínda é peor ou hai que admitir que o coñecemento moitas veces non é quen de disolver o sadismo.

Asistimos naqueles tempos situados na Vella Cárcere de Lugo á perversión dos insurxentes, a esa intoxicación que verten sobre as mentes dos prisioneiros e poboación en xeral facéndolles crer que son culpables, dándolle a volta á realidade para situala ao seu favor, para humillalos aínda máis, buscando a aniquilación moral. Os golpistas eran os amotinados que arremeteran contra a legalidade democrática pero acusan do que tiñan que ser eles acusados, chaman aos demais polo seu propio nome. As forzas institucionais colocadas polos militares permitían e alentaban a eses mozos vándalos que baixo a bandeira da Falanxe lles achandan o camiño, o policía bo e o malo facendo o mesmo papel, só tácticas diferentes que responden á mesma estratexia. Violencia máxima e brutal para un castigo exemplar que leve á sumisión, para que non se mova nin unha folla. A xustiza ao servizo do fascismo para amedrentar á poboación.

Nas conversas entre prisioneiros imos escoitando e entendendo como que os fascistas nunca respectarán nada, un almirante é fusilado (por ser fiel aos principios militares e á autoridade republicana) polos seus subordinados, que se converten en verdugos. "Os sublevados saben que se descabezan á xente máis lúcida e capacitada, terán o camiño despexado. A rebelión será para eles un paseo militar." A afirmación de que "o inimigo non tiña que entrar (na cidade), pois xa levaba dentro todo o tempo con nomes e apelidos, urdindo a conspiración e tentando esmagar a alguén coma o doutor de Vega con ideas avanzadas, bonhomía, excelencia moral, dignidade, xenerosidade, competencia profesional, cos grandes coñecementos que poñen en evidencia a mediocridade dos que pretendían o seu posto... todo iso provocou a ese inimigo oculto, porque todo iso agrede o sistema caciquil, as recomendacións, o troco de favores", "Un pobo ignorante é coma as augas estancadas dunha lagoa, se non hai correntes que a removan, vólvense masa de detritos onde só medra a corrupción moral e a inmundicia: fascismo a condutas totalitarias" reflexiona o médico. Ou: "Matar médicos eminentes? Só a ignorancia e a barbarie, o seu maléfico enxendro, poden facelo" dise. Nin sequera importa que sexan necesarios en tempos de guerra porque como tampouco se pode entender o papel dunha Igrexa cómplice e maligna que un crente non pode asumir. Tamén imos sabendo dos nomes de coñecidos coma o fillo do pintor Fenollera ou o de Picadillo.

No momento final, o notario dille ao médico: O tempo e os homes de ben faranche xustiza porque esta é unha morte oprobiosa para o pobo que a consinte. Pero a Xustiza como a Historia está moitas veces ao servizo do poder e tarda décadas, o fillo pequeno do protagonista, tamén médico, volve a Lugo e poderá asistir á descuberta da placa que lle dá o nome de seu pai á rúa e á inauguración da escultura que se realiza setenta anos despois do seu asasinato, este libros acabou de imprimirse o 14 de outubro de 2022 oitenta e seis anos despois de que se ditara a sentenza de morte á que fai referencia o título.

De todos xeitos, hai algo que me ronda a cabeza máis alá da recuperación da memoria democrática: esa casa que me chamou a atención dende o primeiro momento na que a vin, a vivenda que foi deles e contén algo que agora entendo. Ás veces, son os propios obxectos os que nos reclaman.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES