Grazas a todos, e ata sempre!
Domínguez Guizán, Jesús - martes, 02 de enero de 2024
Este camiñar polos noventa anos proporcióname en primeiro lugar a necesidade de dar moitas grazas a Deus por permitirme chegar a estas alturas do tempo, e a continuación recoñecer que teño que ir axustándome á realidade física e ir deixando actividades que requiren atención, dedicación e traballo para o que as forzas físicas me van faltando.
Despois das miñas obrigas como sacerdote en diversas parroquias do Concello de Begonte, a miña maior dedicación foi o Belén Electrónico, atendendo tanto o esencial aspecto relixioso como o cultural e social, que teñen feito a esta terra punto de referencia do Nadal e do belenismo e propician o nome de "Begonte do Belén" para un concello que vive o Nadal como o tempo especial que para todos nós é por tradición e por fe, e que desexo siga consolidándose no futuro.
Neste momento, teño que dar grazas a todos os que contribuiron a tanta ledicia, tanta atención, tanta devoción. Grazas que xa formulei ao inicio ao Señor por ternos da súa man e propiciar canto aquí se puido facer; grazas a todos os que crearon o belén, que o impulsaron e cuidaron, con especial mención ao creador, o noso Varela; e ao inspirador, meu irmán José; grazas ás institucións que apoiaron as nosas iniciativas, especialmente a Xunta de Galicia e o Concello de Begonte; grazas aos que comprenderon e axudaron a soster as nosas accións; aos educadores e aos alumnos; aos creadores literarios e artísticos, músicos e cantores... Aos pregoeiros, xurados, premiados... Aos incontables visitantes de varias xeneracións que cada ano veñen ao Belén. E aos begontinos que teñen o Belén como algo propio, representativo dun xeito de ser e de sentir.
E despois do agradecemento, que por moito que diga nunca poderei expresar con precisión, teño que dicir que o meu labor a prol do Belén e do Nadal, foi tamén un exercizo de amor fraternal, continuando o traballo iniciado polo meu irmán José, sempre co apoio de miña irmá Milagros, os dous xa no seo do Señor.
E, co total agradecemento á inmensa familia do Belén, quero sinalar que isto non é un adeus senón un ata sempre. Retírome da acción, pero quédome na fe, na compaña, no ánimo e na ilusión. Que, ben pensado, ese é o noso belén: fe, compaña, ánimo e ilusión, que agardo e desexo que o animen, e nos animen sempre.
Que a vida do Belén sexa unha permanente "Alba de gloria", que nos inspire, nos acompañe e nos conforte sempre.
Jesús Domínguez Guizán,
Presidente do Centro cultural José Domínguez Guizán

Domínguez Guizán, Jesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora