Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (87)

jueves, 28 de diciembre de 2023
Caldaloba en terra de Valverde de Xesús Rábade Paredes.

O poemario titulado Caldaloba en terra de Valverde, de Xesús Rábade Paredes, abre a testemuña das distincións co primeiro premio de poesía Torre de Caldaloba do Concello A misteriosa e incógnita Valura (87)de Cospeito, no ano 2018 e, do que tiven a honra de pertencer como xurado do devandito certame.

O libro, amais do título, que xa nos encamiña polas corredoiras valuras, iníciase co apartado encabezado desta maneira "Invocación no sitio da Balura", facendo a esta torre de Caldaloba pertencer por antonomasia e por sinécdoque denominala como Torre Valura, que é, por estar dentro do reino Valuro e ser a "que garda a voz secreta da Balura", e que contorna coas parroquias correspondentes ao concello de Cospeito como se fosen as máis implicadas na defensa outrora da Torre que se acha en Pino, onde Fernán Ares de Saavedra e dona Constanza de Castro loitaran contra os Reis Católicos, -que de católicos tiñan pouco, a xulgar polas falcatrúas que fixeran no seu reinado- despois de ser degolado o seu pai, Pardo de Cela, na praza de Mondoñedo, e como vinganza querer continuar cun Reino que desaparecía, froito dos desexos destes reis egoístas a mans cheas.

Séguenos informando o autor que na mesma Torre, na carballeira de Mato, fíxose asemblea Valura, -tal e como facían os nosos antepasados- tratando do achegamento entre Amida e Coeo, no solsticio de verán, apañando e recollendo as flores, que significan alegría (e que aínda hoxe polo Lume Novo se recollen por toda a Valura poñéndose nos furados das paredes e nos peitorís das fiestras) e con elas bautizar as augas e lavar os corpos:

"E despois, con esta flora,
así como está mollada,
tecen a serpe Saavedra,
que é dos Valuros sagrada,
e a unha, postos en rea,
saltan todos aquel lume
coa serpe alzada nos brazos
para protexer os cumes
de medorras e de castros".

Revive así o autor a presenza da cobra, chamada Saavedra, á que Alceo deu morte, o que supón, xa desde ese mesmo intre, a presenza e a difusión do cristianismo sobre as outras relixións Valuras, manifestadas na serpe dos Saefes celtas e dos Oestrimnios e que os Valuros manteñen viva a lenda neste pobo que a conserva na lembranza desde daquela.

Continúa Rábade Paredes con "O sitio de Constanza" despois, como vemos, de ir as orixes Valuras para localizar deseguido o feito lacerante da morte do Mariscal Pardo de Cela:

"Tristes días da Frouseira
nos que Don Pedro resiste
ata renderse á coitela
dos seus traidores, comprados
polas armas de Castela.
Dise que por Mondoñedo
resoa aínda un laído
que pon fin ao vello Reino"...

e á chegada da súa filla Constanza de Castro á Torre de Caldaloba, que asediada polos RR.CC., morre por beber a auga contaminada, mais aínda hoxe se escoita á nosa heroína nos días de inverno como pasa a súa voz na triste canción do vento. Despois de Constanza, a torre pasa a mans de Aldonza da Lobeira e á saga dos Montenegro.

Lémbrase tamén a existencia desde a torre dun pasadizo entre esta mansión e a Valura, onde habita unha gran cantidade de ouro que alí garda a meiga Amida.

O autor bota man dunha técnica narrativa moi empregada no cine e na literatura que consiste en ir intercalando na acción secuencias ou series referidas a un tempo pasado, tamén chamado analepse ou retrospección no tempo presente de Constanza de Castro, a finais do século XV e a meiga Amida do século V, cando vivían os celtas-valuros, porque Coeo, que era o señor do castro de Viladonga (obsérvese como aínda hoxe, existe a parroquia de Coea ao lado de Quintela, en Castro do Rei, pretiño doutro castro, o da Escrita, moi cerca de Balmonte, onde se sitúa Viladonga) que se namora da feiticeira Amida, e coa que fan promesa de unírense en Seixas. Xesús Rábade lémbranos tamén, como noutrora pola Valura tiveron asento os Calecos e en Sistallo estaba o rei Cospito para pasar posteriormente á revolta Irmandiña, onde, todo hai que dicilo, a nosa Torre Valura e a de Castroverde son as únicas perdoadas da súa derruba, e na que despois recalará Dona Constanza de Castro, da que...

"Din que nas noites de inverno
se oe o laio dunha dona
na triste canción do vento.
É o de Constanza de Castro,
quen, con Ares de Saavedra,
caera na acometida
desta acirrada contenda,
pois viña de Mondoñedo
escapando da coitela
que lle cortara a cabeza
a seu pai, Pardo de Cela."

Noutra retrospección o autor vén acordarnos doutro Valuro "Percibal Luden", o que sendo un home cultivado e tamén incauto, quixo facer unha república galega, sendo a Inquisición a que o queima nunha fogueira.
Xa no último capítulo, titulado "Caldaloba e Viladonga", no que Coeo e Amida deciden xuntarse e así poder compartir o terreo que abranguía A Valura e que Rábade Paredes conforma na súa maxistral poética, establecendo os lindes da nosa Valura, tal cal, porque está representada por ese termo latino, vallaturus-a-um, ou Valadura (Valura) entre montañas:

"E o dominio baluro foi logo derregado
nun vasto territorio sen alturas nin picos,
moito ben protexido de natural por marcos,
a saber, por arriba, Xistral, Carba e Toxizo;
Meira e Cordal de Neda no nacente,
coa meseta de Lugo por abaixo subindo,
e A Serpe e mais A Loba cerrando o poente".

E nós tamén cerramos este libro que recomendamos aos que non son Valuros mais tamén aos que o son por vivir entre estas montañas, e porque a súa lectura déixanos saberes e recendos ancestrais da nosa historia, que antes que chairega foi valura e que se levanta como a Torre de Caldaloba ou coma os outeiros dos nosos castros ao longo da historia.

Salve Valuria!


NOTAS:
RÁBADE PAREDES, Xesús.- Caldaloba en terras de Valverde. Ed Alvarellos. 2019. Santiago de Compostela.
Revista das festas de San Ramón e Santa María de Vilalba 2017 "Fragmento da lenda Valura".
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES