Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O libros de Rodil. Sutiles presencias.

jueves, 28 de diciembre de 2023
Rodil é veciño do noso barrio e polo tanto pertence á Plataforma Galeras. Esta non é unha asociación de veciños convencional, dun dos seus libros, La noche de las luminarias, mercou varios exemplares para que asociados e veciñanza en xeral puidera acceder a eles, pois é boa cousa coñecer as obras daqueles aos que atopamos pola rúa. Despois disto, realizou un roteiro, seguindo o argumento desta obra, por terras de Lugo e os Oscos.

E, publicación a publicación, vai seguindo o devalar do autor. Fíxoo con Sentencia e O libros de Rodil. Sutiles presencias.agora con Sutiles presencias. Un acompañamento que vai máis alá de asistir á presentación para prometer reunirse co obxectivo de comentar a obra, dentro dun tempo, cando todas as persoas interesadas a teñamos lida.

É, dentro deste contexto, no que a min me xurde a posibilidade de realizar uns comentarios sobre este libro de relatos. O primeiro que teño que dicir é que xira ao redor de evocacións, saíndo da realidade máis estrita para entrar nesa posibilidade de presenzas que non son tan certas, que entran no camiño da dúbida e da incerteza. Estamos a referirnos a aparicións, a lugares que poden matar, a misterios para os que non temos explicación, a estrañas coincidencias, a soños aclaratorios, a esas presenzas que non son visibles para todos, espectros que semellan acompañarnos...

Realidades nas que aparecen "sutís presenzas" que nos sitúan noutra dimensión. Unhas veces esa liña de separación entre a realidade e o misterio é case imperceptible como en "Lección póstuma" (dous alumnos repasan unha lección de anatomía organizando os ósos do seu mestre) ou en "Cándida" (cando pasado o tempo nese escaparate abandonado o protagonista, que xa non é rapaz, atopa a figura dese galo que compartiu coa dona). Outras faise moi evidente como en "Bagatela" (cando a adolescente con enfermidade dexenerativa sente un impulso irrefreable por un piano e unha peza musical, que se escoitará no momento no que ela abandona a vida) ou en "La mano del artista" (no que este sente que é a do pai, un humilde pintor, quen resolve os cadros que el, un artista de sona, pinta e que pode lembrar dalgunha maneira o caso de Picasso e as pombas). En "La sombra" asistimos a ese enredo do home que perdeu a súa sombra ou o home que non se recoñece a si mesmo mentres realiza o camiño de Santiago. En "Café Universal" volve o autor ao tema da recuperación da memoria histórica pois son as figuras dun profesor e a súa alumna as que el ve mentres toma café nunha cafetería que hai anos non existe; ese café desaparecido (para dar paso a un banco) semella o signo dos tempos igual que o silencio que envolve a historia dese fusilado inxustamente; esas sombras (por chamarlles dalgunha maneira que aparecen para reivindicar a historia negada son moi comúns nesta temática como podemos lembrar en títulos como "As sombras do faro" de Agustín Fernández Paz. "Nochevieja" lévanos a esa data tan destacada na que un accidente é fatal pois pouca axuda vas poder atopar, pero o personaxe dá cos antigos habitantes dunha aldea que se reúnen para convidarse (e, neste caso, convidalo) aínda que ninguén o poda crear. "Santuario" lévanos a un mundo antigo e cruel no que a relixión, ou o mito, era motivo e desculpa para o sacrificio dos animais, esclavos doutros pobos ou criaturas do seu cando non hai outra sangue a man; un mundo que coñecemos grazas ao soño do xornalista que acompaña ao equipo de arqueólogos que traballan con métodos científicos. "Fonda de las Ánimas" fala dos tempos de pousadas e fondas, de xente de paso que coincide por un tempo nun lugar ao coidado dunha ama que garda unha mesa sen usar por algunha razón. "Un caso de archivo" lévanos ao policíaco e detectivesco ante un suceso que lembra outro que tivo lugar no mesmo sitio e aínda non está resolto, porque os lugares non son inocentes, como non o son as sombras nin os homes primitivos.

Acompañando a estes hai outros misterios como ese tempo que é moito máis que o que el percibe, ao modo de san Ero, na historia do camiñante.

Moitos dos relatos están narrados en primeira persoa (porque entendo que é preciso falar dende dentro cando o enigma che envolve), algunha en terceira e un par delas comezan na voz dun narrador omnisciente para pasar á primeira persoa do protagonista que toma a palabra do relato nun momento determinado da narración para trasladarnos da visión xeral á particular das emocións. Esta última opción resulta moi orixinal e engádelle un plus ao relato ao sorprender ao lector cun cambio de perspectiva.

Máis alá dos argumentos hai un narrador con oficio, cunhas maneiras soltas e eficaces de contar e cunha riqueza léxica a proba de diccionario. Unha memoria portentosa que supera a documentación e nos fai reflexionar sobre a lembranza que permanece despois da desaparición dos seres e as cousas, o que queda cando se van... as sutís presenzas que son reais e irreais.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES