Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nacer en boa noite

domingo, 24 de diciembre de 2023
Hoxe podemos ser quizais algo máis breves. Por dúas razóns distintas.

A primeira, aínda que poida semellar algo simple, é porque se dá a circunstancia de que o texto do evanxeo de hoxe é o mesmo có da festa da Inmaculada Concepción que celebramos hai só dúas semanas, o día 8 deste mes de Nadal. Cómpre, xa que logo, non volver tan axiña sobre o mesmo, deixando que a semente da palabra caída en terra continúe tranquilamente o seu proceso.

A segunda razón é algo semellante. Porque resulta que o 4º domingo de Advento que hoxe estamos a celebrar coincide xa case coa propia festividade do Nadal do Señor, que é mañá. E esta é unha festa na que a Palabra con maiúscula ten o seu verdadeiro lugar. Pois, como se nos di no evanxeo de Xoán, "a Palabra fíxose carne e puxo a súa tenda entre nós".

Ante a presenza desta Palabra con maiúscula sobran case palabras menores (as nosas), aínda que estas sexan coa loábel intención de falaren sobre ela. Polo tanto podemos dicir que sobran tamén en certo modo estas miñas pobres palabras. Así como ante a presenza do sol, polo día, as estrelas se retiran modestamente da escena, así tamén as nosas palabras deberían desaparecer ante quen é a Palabra. Esa Palabra humano-divina coa que Deus fala ó mundo e á que lle damos o nome de Xesús. Unha palabra que lles fala ós grandes (pensemos nos que chamamos os Reis Magos), mais tamén e de maneira especial ós pequenos, representados popularmente non só naturalmente por María e Xosé, senón tamén polos pastores, é dicir, polos sinxelos e humildes, os que viven tranquilamente achegados á terra nai.

Son estes días, os que preceden ó nacemento do Señor da Noite Boa, un tempo no que non nos deberiamos deixar abouxar polo ruído ou balbordo que nos chega desde diversos sitios. Porque é posíbel que todo iso non nos deixe oír nidia a Palabra que vén de arriba, mais que aparece aquí abaixo, na terra. Palabra tenra e balbucinte, por ela ser unha Palabra in-fante, é dicir, que non fala. A Palabra é un Neno que acaba de nacer, mais que está aí de feito realizando un potente e programático discurso coa súa soa presenza. Unha presenza tan desconcertante como clariña. Deus fala dende a febleza, dende a proximidade, dende o silencio da noite. Por iso, para oílo e velo ben, temos que achegarnos moi preto del.

As noites son tamén boas para pensar, para meditar, para lles dar voltas ás cousas, para falar con sinceridade e amor coas persoas, tamén para escoitarmos a Deus... Seguramente iso é así porque a Noite Boa é a Nai de tódalas noites. Da bondade da Noite Boa participan tódalas outras noites. Desa Noite Boa na que do seo de María xurdiu para a nosa alegría e felicidade o desexado de tódalas nacións. Desta Nai de Deus deberiamos aprender a sabermos concibir e amar a Deus nos nosos corazóns para llo ofrecer, coas nosas palabras e as nosas boas obras, ó mundo.

Dísenos na primeira Lectura de hoxe que o rei David tivo unha feliz idea. El vivía, para entendérmonos, nun bo chalé, nunha "casa de cedro" (que non estaría nada mal) e parecíalle que non estaba ben que o Señor, que se facía presente na Arca da Alianza, non tivese como casa máis ca unha pobre tenda. Tampouco ó profeta Natán, ó que David lle comunicou tan xenerosa idea, lle parecía mal en principio o proxecto do rei para a Arca da Alianza. Mais de noite (unha vez máis nunha noite “boa”) o profeta cambiou de idea. E Natán faloulle ó rei David dun futuro Reino, no que un seu descendente reinaría para sempre. Ese futuro rei sería Xesús, que tampouco tería casa para nacer, nin de cedro nin doutra nobre madeira. Iso si, tería un colo quente e cheo de agarimos dunha muller que o querería e amaría como ningunha outra o sabería facer.

A Noite Boa, co Neno Xesús, con María, con Xosé, co manso e humilde gando que lles fai tamén compaña e lles dan calor, é un modelo perpetuo de como se pode sentir felicidade aínda que se viva en épocas de carencias e de crises.

Do que, en calquera caso, non podemos prescindir é do amor: de sentírmonos queridos e de ofrecermos pola nosa parte axuda e amor a cantos non se senten queridos nin respectados na súa inalienábel dignidade como fillos de Deus e irmáns nosos. Feliz NOITE BOA!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES