Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Bo Nadal!: Mensaxe de Mons. Fernando García Cadiñanos á diocese

viernes, 22 de diciembre de 2023
Paréceme fermoso que durante estes días este sexa o saúdo que nos intercambiamos: Bo Nadal! Detrás destas dúas sinxelas palabras agóchanse moitos sentimentos e desexos nobres que transmiten a beleza do que celebramos. Cando os expresamos ás persoas coas que nos atopamos, parece que se converten nun belo imperativo que vén motivado pola íntima conexión que nos entrelaza. Eu creo que só aos irmáns, ás persoas que quero, pódolles desexar dese xeito tan elocuente algo tan fermoso como a felicidade.
Bo Nadal!: Mensaxe de Mons. Fernando García Cadiñanos á diocese
Pero o adxectivo "feliz" acompaña a un nome. E o nome non só menciona unha data no calendario, senón que fai referencia a un nacemento: porque o Nadal é, sobre todo, nacemento. No fondo, con esta expresión que sae dos meus beizos, estou a convidarlles a vivir a alegría dun nacemento. Ben sabemos que todo nacemento é belo e fermoso, porque nos fala de esperanza, de vida, de tenrura, de proxecto, de inocencia. Pero se o nacemento é, nin máis nin menos, que o do propio Deus... a tolemia, a sorpresa e o asombro aprópianse dun.

Porque o máis estraño para a nosa idea de Deus é precisamente nacer. Seica non afirmamos que Deus non ten nin principio nin fin? E se isto é así, Deus non pode nacer... Por iso, o misterio aprópiase de nós contemplando o belén. Porque o Nadal é misterio: e necesitamos ollos para ver o que, nunha primeira mirada, se nos escapa. Os sentidos non nos permiten acoller o que acontece. Deus faise un dos nosos! Deus faise compañeiro de viaxe! Deus quere facer historia de amizade contigo! Deus vén para compartir alegrías, penas e esperanzas! Por iso é polo que o asombro, o que descubrimos na cara dos nenos, sexa a actitude para vivir o auténtico Nadal.

Pero, atención, o nacemento non é só de Deus. Ao desexarche bo Nadal, estou a felicitarche porque ti estás convidado tamén a nacer de novo. Es ti o protagonista do nacemento, es ti o chamado a nacer. E é que o Neno Deus nos abre un camiño que supón unha nova vida. O seu encontro é a mellor experiencia e acontecemento que o ser humano poida vivir. O Neno Deus indícanos o camiño do autenticamente humano, desvelándonos o proxecto da boa vida. Deus que se fai home, para que o home poida facerse máis humano e máis divino.

Con todo, esta felicidade que hoxe nos desexamos, sabémolo, non é vivida por moitas persoas da nosa contorna. As dificultades económicas, afectivas, familiares, laborais… fan que a felicidade non atope acubillo no corazón sufriente de moitas persoas. Por iso, Cáritas provócanos durante estes días: "Ti tes moito que ver". Hai outros moitos nadais que se afastan das luces e do consumo. Hai outras moitas historias de desprezo e de falta de acollida como as da familia de Nazaret. Hai outras moitas vidas marcadas pola súa mesma pobreza, fraxilidade, vulnerabilidade. Hai familias que seguen fuxindo, como a de Xesús, Xosé e María, polo odio e a guerra. Nun mundo indiferente, como o do primeiro Nadal para algúns, só os sinxelos e os que estaban vixiantes, como os magos e os pastores, souberon descubrir e saír de si para percorrer o camiño feliz da acollida, a humanidade e a adoración.

Lembrando aos nosos irmáns de Terra Santa que sofren o horror da guerra, co recordo de moitos outros conflitos afastados e próximos, deséxoche de corazón un moi bo Nadal.

O voso irmán e amigo.

+ Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES