Pregón de Nadal 2023
Pérez Forneas, Isabel - viernes, 22 de diciembre de 2023
Boas tardes,
agradezo de corazón a súa presenza e agradezo, de igual xeito, a Manuel Romay, presidente da Asociación de Belenistas de Lugo a invitación que me fixo hai unhas semanas para dirixir hoxe estas palabras. A verdade e que non fun quén de negarme, non porque tivese a seguridade de saber facer o que se me encomendaba -que non a tiña daquela nin a teño agora- senón porque Manuel é a personificación da bonhomía, unha característica persoal que comenza a ser escasa nestes tempos e que supón un verdadeiro atranco á hora de negarse porque desperta a empatía do demandado e unha vez ahí... xa non hai remedio... Hai que aceptar!
Dixen "sí" sen ter unha idea clara do que se me solicitaba nin de quen me precedera nesta tarefa. Por un tempo moi curto fun só "medio consciente" da responsabilidade contraída, feliz na miña deleitosa ignorancia. Pouco durou. Porque cando caín do guindo, decateime do pouco que sabía sobre o belenismo e a súa historia malia que, coma case todo o mundo, axudei varios anos a montar un belén na miña casa e tamén visitei durante varios anos o Belén de Begonte pois era unha visita obrigada en decembro ou xaneiro da man dos meus pais.
No colectivo bibliotecario, naquelas persoas que traballamos en bibliotecas por auténtica vocación, dáse con frecuencia a circunstancia de que basta que se mencione un tema do que non temos moita información para que nos entren uns anceios irrefreables de saber todo sobre o asunto en cuestión con independencia mesmo do asunto en sí. É unha activación inmediata da "curiositas", é decir, do desexo natural de aprender sobre algo, de saber, de coñecer aínda que non teña unha utilidade inmediata...
Hai xa dez anos que Nuccio Ordine, profesor e escritor italiano, Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades deste ano, -premio que non chegou a recoller por falecer o 10 de xuño- publicou no seu ensaio "La utilidad de lo inútil" estas palabras:
"Ningún oficio puede ejercerse de manera consciente si las competencias técnicas que exige no se subordinan a una formación cultural más amplia, capaz de animar a los alumnos a cultivar su espíritu con autonomía y dar libre curso a su curiositas. Identificar al ser humano con su mera profesión constituye un error gravísimo: en cualquier hombre hay algo esencial que va mucho más allá del oficio que ejerce. Sin esta dimensión pedagógica, completamente ajena a toda forma de utilitarismo, sería muy difícil, ante el futuro, continuar imaginando ciudadanos responsables, capaces de abandonar los propios egoísmos para abrazar el bien común, para expresar solidaridad, para defender la tolerancia, para reivindicar la libertad, para proteger la naturaleza, para apoyar la justicia".
"Sobre todo en los momentos de crisis económica, cuando las tentaciones del utilitarismo y del más siniestro egoísmo parecen ser la única estrella y la única ancla de salvación, es necesario entender que las actividades que no sirven para nada podrían ayudarnos a escapar de la prisión, a salvarnos de la asfixia, a transformar una vida plana, una no-vida, en una vida fluida y dinámica, una vida orientada por la curiositas respecto al espíritu y las cosas humanas".
Ben. Por ese lado os bibliotecarios non somos docentes pero temos "certa" relación co ensino porque as bibliotecas públicas brindan ferramentas que axudan á formación ao longo da vida así que non hai problema por querer saber aínda que o aprendido se considere un saber inútil. So que tampouco é exactamente así...
Para empezar a saber algo do belenismo comencei por pescudar a lexislación vixente, - hai que suliñar que sen moita esperanza porque me parecía estraño atopar algo- pero as veces ata hai sorte: en xuño do pasado ano 2022 aprobouse un R.D., o R.D. 481/2022 de 14 de xuño polo que se declara o Belenismo como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Esta disposición describe no seu artigo 2 que "a acción de montar o Belén é unha tradición de relixiosidade popular que tivo a súa orixe na Europa medieval e que consiste en construir unha escenografía que se arma no Nadal e que evoca, direta ou indiretamente, pasaxes relacionados co nacemento de Xesús. Son construccións efémeras e estacionais, dun pequeno universo reducido que acubilla persoas, animais e casas... Hoxe o Belén trascende o estritamente relixioso para encadrarse nunha dimensión máis ampla, a cultural, convertíndose nun feito sociolóxico."
Pareceume marabilloso este achegamento ao tema e un gran acerto a súa adscripción ao concepto de cultura.
Tamén dí que "o Belenismo comprende tanto o arte de fabricar as figuras do Belén a través dos seus artesáns como o colectivo especializado en armar o Belén, empregando certos coñecementos e habelencias, transmitindo ao espectador sensacións emocionais e simbólicas". "Esta manifestación", abunda, "forma parte do noso patrimonio cultural inmaterial pois está interiorizada nos individuos e nos grupos humanos como parte da súa identidade, remitindo á biografía individual e colectiva. É un patrimonio vivo e dinámico, experimentado e rememorado en tempo presente e preservado tradicionalmente polas comunidades que o transmitiron no tempo e o recrearon de xeito interxeneracional."
Para quen pense que o belenismo non ten ningunha relación coa cultura e ven a ser, simplemente -e non sería pouco- unha tradición relixiosa, convén recordar as tres palabras coas que contestou Paul Valèry cando lle preguntaron qué era Europa:
- Europa é Atenas, Roma e Xerusalén; Europa é filla destas tres civilizacións.
Por qué Atenas? Pois porque Grecia descubriu a liberdade do cidadán, a responsabilidade dos cargos, a soberanía popular... Malia que a democracia grega era máis restrinxida e imperfecta que a de hoxe porque non podían votar mulleres nin escravos sí estaba rexida polo principio de liberdade. Liberdade mesmo de pensamento fronte aos mitos relixiosos. E entón os gregos descubren a filosofía: o pensamento filosófico é, tamén, formativo, e o seu obxectivo é educar á persoa na verdade, na bondade e na beleza.
Por qué Roma? Pois porque a súa gran herdanza foi conservar o legado grego pero tamén nos deixaron dúas cousas orixinais: por unha banda o iusnaturalismo, ou sexa a creación do dereito natural que entreverado despois pola filosofía cristiá do Medievo devirá nos fundamentos do liberalismo moderno e da democracia e por outra banda o concepto de organización do Estado.
Por qué Xerusalén? Pois porque a Igrexa Católica salvará a herdanza do mundo clásico -a língua, a cultura, o dereito- cando a esa herdanza a ameacen as invasións bárbaras primeiro e o Islam despois. E porque así como os hebreos falaban dun deus creador e os gregos dun deus ordenador -o demiurgo da filosofía platónica-, os cristiáns falarán dun Deus feito home.
Desta síntese entre Atenas, Roma e Xerusalén xurden tres grandes fitos da Europa medieval: a universidade, expresión máxima do espírito europeo; a catedral gótica que combina para a súa construcción ciencia, técnica e oficios e as compilacións de ciencia filosófica e teolóxica da época entre as que destacan as Summas de Santo Tomás de Aquino. Nótese, tamén, que cando se busca un retrato deste teólogo, filósofo e xurista aparece case sempre cun libro nas mans detalle que ao colectivo bibliotecario nos comprace fondamente malia ter como patrón a San Benito de Nursia.
Despois destas levísimas pinceladas sobre os alicerces da nosa cultura europea común deberiamos ocuparnos da propia historia do belenismo. Ainda que parece que non foi o primeiro belén, semella claro que foi "il poverello dAssisi", San Francisco de Asís, fundador da orde franciscana, quen quixo celebrar de xeito especial a Natividade de 1223 -hai exactamente 800 anos- recreando o nacemento de Xesús nunha gruta en Greccio, provincia de Rieti. Chamou a un amigo seu de nome Juan a quen estimaba moito e explicoulle a súa intención:
"Se queres que celebremos a inminente festa do Señor en Greccio, vai diante de min e prepara o que che digo. Gustaríame conmemorar o Neno que naceu en Belén e dalgún xeito ver cos ollos do corpo as penalidades coas que se atopou pola falta do necesario para un recén nado, cómo foi deitado sobre un pesebre e xaceu sobre a herba seca entre a mula e o boi."
O amigo preparou todo segundo as instruccións de Francisco. Chegados aquí é preciso suliñar un aspecto do carácter do "poverello": Francisco ama o concreto e quere amosar o esencial do Nadal: o neno nace en Belén para salvar o mundo e en condicións de extrema pobreza. Ao de Asís non lle gustan os discursos teóricos nin as abstraccións, o que quere é tocar sensiblemente o corazon e a vida do crente.
No que respecta a tradición española, veuse afirmando que foi Carlos III quen introduciu o costume do Belén en España e hai datos recentes que rexeitan alomenos parcialmente esta idea. Carlos III chegou ao trono de España en 1759 pero parece ser que eran xa numerosos os nacementos existentes previos á chegada do rei desde Nápoles.
O conxunto napolitano máis antigo conservado en España é o Belén de Xesús de Palma de Mallorca que foi realizado a finais do século XV.
Tamén temos noticia do encargo por parte dos virreis españois de obras de arte de gran importancia entre as que se atopan numerosos nacementos como o conservado no Museo do Mosteiro das Clarisas de Monforte de Lemos datado no século XVII que ten, seguramente, a súa orixe na doazón dos Condes de Lemos, virreis de Nápoles e fundadores do Mosteiro en 1622.
Coa chegada de Carlos III a España o belén convirtiráse nun divertimento elegante para a corte e ahí radica a súa principal aportación e novidade no país. O monarca estaba afeito á presenza dos pesebres en tempo de Nadal en Nápoles e fixo colocar grupos de figuras nos Reales Sitios. Do coñecido como Belén do Príncipe quedan moi poucas figuras da época de Carlos III entre as conservadas hoxe no Palacio Real de Madrid.
Á morte do rei en 1788, o seu fillo Carlos IV continúa coa tradición de montar e exhibir o belén que seu pai trouxera a España e fálase de que chegou a contar con 5.950 pezas
Xa entrado o século XX o belén napolitano máis famoso en España era o da Duquesa de Parcent que se montaba no seu Palacio da rúa Ancha de San Bernardo e que en 1920 prestou á Real Academia de Bellas Artes de San Fernando con fins benéficos.
Durante o século XX chegaron ao noso país tres importantes conxuntos adquiridos en Italia: o belén da familia Pérez Olaguer, o de Félix Alfaro Fournier, director da empresa de naipes de Vitoria Heraclio Fournier que despois deu en doazón á Deputación de Álava e o da Fundación Bartolomé March de Palma de Mallorca.
A finais deste século fíxeronse dúas compras estatais: o Estado comprou en 1986 a don Nicolás Sospedra González a antiga colección Juncadella na que parte das figuras procedían do antigo Belén do Príncipe e destinarónse ao Museo Nacional de Artes Decorativas. E en 1996 o Estado adquire o belén dos irmáns Carmelo e Emilio García de Castro Márquez con destino ao Museo Nacional de Escultura de Valladolid.
Este repaso histórico, veloz e incompleto, polo mundo do belenismo deixanos a idea de que é xustamente eso: todo un inmenso universo do que os cidadáns, por desgraza, coñecemos moi pouco. Desde a biblioteca pública trataremos de poñer remedio a esta situación. Aquí queda dito.
Pero seguramente teñamos que facer menos esforzo para visitar polo menos os nacementos que temos máis cerca de nós: o belén de Viveiro, instalado na igrexa de Santa María, o da Orden Tercera de Ferrol, o impresionante belén de Valga, o belén da Grande Obra de Atocha na Coruña ou o famoso belén de Begonte ao cal nos levaban, a miña irmá e a min, meus pais polo Nadal.
Xa para ir rematando vou contar aquí unha anécdota que eu xa coñecía pero da que non tiña referencia bibliográfica. Hai poucas semanas a miña sempre admirada Irene Vallejo, a autora desa fermosa obra "O infinito nun xunco", publicou en X, antes Twitter, unha entrada sobre a "Tregua do Nadal de 1914" tomada da obra de Rutger Bregman titulada "Dignos de ser humanos".
Noiteboa, 1914. É unha noite clara. Nas proximidades da Chapelle dArmentieres a lúa escintila sobre a neve que cubre a terra de ningúen entre as dúas liñas de trincheiras. O alto mando británico está inquedo e envía unha mensaxe á primeira liña: podería ser que o inimigo esté considerando un ataque durante o día de Nadal ou o de Aninovo; haberá que estar especialmente alerta eses días. Pero os xenerais non teñen idea do que se está cocendo na realidade.
Sobre das 19 h ou talvez as 20 h Albert Moren, do segundo batallón do Queens Royal Regiment, frega os seus ollos, incrédulo.
- Qué é aquilo que se ve ao outro lado? Cada vez acéndense máis luces [...] árbores de nadal?
De súpeto, oe claramente o son dunha melodía. Os alemáns están cantando Stille Nacht Heilige Nacht. Noite de Paz. Nunca lle soara tan ben un vilancico.
- "Nunca o esquecerei", recordaría Moren máis tarde. "Foi un dos puntos álxidos da miña vida".
Os británicos, naturalmente, non queren ser menos e entonan "The first Noel". Os alemáns aplauden e responden con "O Tanenbaum". Así seguen durante un pedazo ata que, finalmente, cantan todos xuntos "Adeste fideles". En latín, a língua que os une. "Foi incríble", recordaría anos despois o soldado Graham Williams, "dúas nacións cantando a mesma panxoliña no medio dunha guerra".
Se me preguntaran en qué consiste o espírito do Nadal, ese que recordamos todos os anos cando poñemos o belén, diría que está encarnado nese día 24 de decembro de 1914. Porque para iso celebramos o Nadal: para recordar que somos humanos, que somos boa xente, que nos axudamos, que é cando nos damos aos outros cando máis recibimos, que ese neno que naceu nun pesebre onde comían os animais, ese Deus que se fixo home e que nada tiña, que nada tivo nunca segue a ter como obxectivo primordial que nos recoñezamos como iguais, capaces de parar unha guerra para cantar porque o de enfronte é exactamente igual ca min.
Bo Nadal.
María Isabel Pérez Fórneas. Lugo, a 20 de decembro de 2023.

Pérez Forneas, Isabel