Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'XXIII Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía'

López Fernández, Carlos - jueves, 21 de diciembre de 2023
Véñense de celebrar en Mondoñedo as "XXIII Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía" ás que desde hai algúns anos teño o costume de asistir.
Mondoñedo, a cidade de corpo pequeno e alma grande, que fai disfrutar aos ollos tanto desde a distancia -perspectivas espectaculares cando baixamos polas abas das montañas circundantes-, -como desde a proximidade- cando nos perdemos pola trama das súas rúas de ascendencia medieval e escoitamos a reverberación de voces e sons coma se estivéramos metidos nunha vella caixa de música, ou contemplamos como os seus edificios e monumentos resisten o embate da modernidade invasora.
'XXIII Xornadas Mindonienses de Arqueoloxía'Mondoñedo, onde tantos forasteiros coincidimos en que posúe unha das máis fermosas catedrais do país, aínda que non saibamos dicir o porqué. Quizais polo xeito de harmonizar nun todo indisoluble o románico, o gótico e o barroco. Quizais polas súas dimensións a escala humana que nos fan sentir inmersos nunha paz que descende desde o alto. Quizais polo silencio transfigurado en arte que habita nas súas naves ou no seu claustro.
Mais non nos enganemos. Mondoñedo non é unha cidade morta como se se tratara doutra "Comala" ancorada na Mariña, senon que nela hai vida, moita vida, e así nolo amosan as Xornadas ás que acabo de aludir e polas que farei de seguida un breve percorrido.
Cómpre dicir de entrada que estas Xornadas dificilmente chegarían a unha vida tan lonxeva de non ser polo seu incansable organizador, o arqueólogo municipal Abel Vigo, persoa dotada de envexables dotes de lucidez, talento e cultura. Gracias a el imos aprendendo ano tras ano novas realidades de Mondoñedo e a súa contorna, que doutro xeito nunca acabaríamos por descubrir.
Este ano subministróusenos abondosa información sobre as caleiras que ata hai ben pouco tempo funcionaron na zona de Masma. O primeiro día houbo unha sesión teórica a cargo de Abel e do concelleiro José Otero Rejes, fillo do último grande caleiro, que afortunadamente aínda vive. Ao día seguinte realizamos unha visita ao lugar de Outeiro (Masma), onde se poden ver varios destes fornos construídos para transformar a roca caliza da zona (carbonato cálcico) en cal vivo (óxido de calcio). Aproveitamos ademais para detérmonos nalgún que outro punto de interese arquelóxico.
Tivemos así mesmo ocasión de asistir a unha maxistral exposición sobre as covas do Rei Cintolo da man do doutor Marcos Vaqueiro, investigador do Instituto de Xeoloxía "Isidro Parga Pondal" e director do proxecto "Rei Cintolo: Objetivo 11.000 M.". Soubemos de como un grupo de científicos adican altruistamente e sen ningún apoio financeiro centos de horas de traballo creando modelos gráficos de gran sofistificación técnica para mapear as covas e achegarnos á súa complexidade morfolóxica, ao mesmo tempo que analizan a súa evolución mediante mostras de todo tipo: xeolóxicas, arquelóxicas, de fauna, de flora, etc.
E finalmente non faltou espazo e tempo para botar un vistazo ao tema da exhumación de restos humanos nas fosas comúns de lugares de Polonia. Isto correu a cargo da antropóloga social e bióloga forense Alexandra Staniewska da Universidade "Adam Mickiewicz" de Poznan.
Parabéns pois aos organizadores, que desta maneira seguen a manter acesa a chama que noutros tempos acenderon persoeiros da sona de Villamil i Castro, Lence Santar, Mayán Fernández, e outros varios, para dar a coñecer os secretos desta cidade senlleira.
López Fernández, Carlos
López Fernández, Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES