Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Relatos contemporáneos desde a colección CGAC no Museo Gaiás

jueves, 21 de diciembre de 2023
Trátase de revisar a arte contemporánea, dende os seus eixos actuais, en base a historia do CGAC que está a cumprir trinta anos. O edificio de Eisenman acolle parte da exposición que ten o seu lugar de privilexio na propia sede.

Entramos a través dunha obra de grandes dimensións de Jorge Perianes que nos presenta un bosque cunha casiña e, quen pode estar nese refuxio, quen pode querer entrar na casa da avoa?; un xogo que nos pon en relación co conto infantil ao que máis voltas se lle ten dado ao longo dos séculos e que nos fai esbozar o sorriso. A Gran Relatos contemporáneos desde a colección CGAC no Museo Gaiás Trituradora de Mona Hatoum, nese negro ameazante que impón polo tamaño da obra e se distribúe en varios obxectos, todos inmensos e relacionados coa cociña, a violencia, a muller e o que é ou non arte. O Retablo Hannnover de Leiro trae a cor e, de novo, o tamaño monumental coa cor nesas figuras que se moven sobre un estaribel que nos trae a idea de inestabilidade. As dúas figuras de Stephen Balkenhol coa madeira á vista, apenas unha notas de cor negro, figuras inexpresivas de camiñantes detidos que nos remiten aos nosos escultores dende Álvaro de la Vega a todos os seus seguidores, eses homes que esculpen coa máquina de cortar pinos ou a machada, en plan brutista. Rui Chafes trae a delicadeza de figuras descoñecidas que levitan nun negro impoluto. As madeiras que semellan móbiles sutís de Basallo. Croft cunha escultura que xoga co espazo e as súas xeometrías. As luces de neón aparecen nas pezas de Suso Fandiño nun xogo de mentiras e na de Mircea Cantor que nos retrotrae ao conto infantil O traxe novo do emperador ao xogar con crear, ver ou falar de algo inexistente.

Falan de obras que interactúan e están relacionadas cos feminismos, postcolonialismos, desequilibrios de todo todo nivel, belicismo, denuncia dos totalitarismos, macro e micro formatos, o diálogo co espazo e a arquitectura, a reflexión sobre o obxecto artístico (o atopado, o construído por outro/a, o realizado con material de refugallo, o que non ten valor máis alá do museo, o que vai máis alá da pintura e a escultura, o primitivismo, o brutalismo...) o potencial da construción, a artesanía, a relectura da historia da pintura e o papel dos artistas, o peso do concepto e a necesidade de interpretación ou máis ben explicación da peza que nos conduce a un canellón sen moita saída... do que o gran público desconfía.

Unhas das temáticas a ter en conta na arte contemporánea é a da emerxencia climática, a arte natureza, a ecoloxía que se atopa especialmente na obra de Fernando Casás con troncos queimadas sobre unha terra negra de cinzas. Atopamos tamén a conexión coa saúde nos cuartos de cores de Mónica Alonso, no que semella que cada un deles nos enmarca nun estado emocional ou na terapia precisa para a sanación.

Un gran panel con tres mulleres galegas: Berta Cáccamo, Mar Vicente e Julia Huete, tres maneiras de enfrontar a abstracción xogando, tamén, nas marxes da pintura. Acompañan a presenza de mulleres artistas os traballos dende a perspectiva de xénero que poden verse a través da civilización islámica ou da occidental nese vídeo no que se observa a violencia exercida sobre a muller nunha sesión de maquillaxe de Priscilla Monge. O humor aparece nos estandartes de Marinella Senatore que nos coloca fronte a eses símbolos masculinos.

Como sempre, aparece a obra que non sabes se o é, ese banco de Basbaum no que dubidas se sentarte ou míralo; só a cartela te salva.

E a que achega algo máis que a visión ou a escoita: o arrecendo dos loureiros aprisionados de Penone...

Agora toca continuar a exposición no CGAC, a súa verdadeira casa.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES