Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Noiteboa e festas do Nadal fóra do Calendario

martes, 19 de diciembre de 2023
Hai uns días tiven unha chamada de: - Xaquín, Ti onde pasas a Noiteboa este ano? - Pola mañá quero ir ao cárcere, acompañar soidades. E logo vou estar na miña casa en Narón. Todos os anos ía á casa paterna e logo retornaba de noite. Porén os meus ollos non se levan ben coas luces dos coches pola noite. E se chove, xa non che digo! Non debo conducir de noite. Xa vou maior. Pero non estou triste. - Pois eu: "Estas datas do nadal non as soporto. Fóra do calendario!" Todo é mentira, idioteces e comercialización. Non aguanto a soidade e a depresión. Só teño recordos moi tristes. Xa non están os que se foron. Este mundo é unha pura sen razón. (Ata aquí o laio fondo desta muller xa maior, hai catro días exactos).

Si. Sinto mágoa pola a grande dor desta persoa sen alegría e con pouca esperanza. E caín na conta da cantidade de soidade e desespero silencioso que hai no mundo. Lembro con moita tristeza un suicidio dunha persoa moi apreciada. Xusto nesta noite. Cando o foron buscar para a cea.

E parodiando o berro de D. Carlos Marx: "SOLITARIOS DO MUNDO, UNÁMONOS! TEMOS UNHA TRISTEZA A PERDER E UNHA ESPERANZA GRANDE A GAÑARMOS".

No ano 1968 eu acababa de chegar para PIÑEIROS, Narón, como primeiro párroco desta parroquia de nova creación. Había moitas familias: Nenos, homes e mulleres, maiores. Todos traballadores. Non había escolas, nin garderías. Non había médicos. Pero si había moito paro e "listas negras" e moito medo polos abusos institucionalizados desde os aparatos represivos da ditadura. Tampouco tiñamos templo nin nos metemos a el. Urxía máis dedicarse primeiro a crear a comunidade humana: Moitísima xente na emigración en Europa e tamén nas cidades españolas. Nenos cos avós. Matrimonios a miles de quilómetros de distancia un da outra. E moitos vellos en soidade. Canto sufrimento! Déronme a ler moitas cartas: Eran as bágoas do silencio en soidade.

Aquel Nadal mandei unha carta aberta á parroquia: "Se estás en soidade o día de Noiteboa, e se aceptas, ceamos xuntos na miña casa. Eu teño algo de queixo, leite e pan. Unha lata de bonito. Media ducia de ovos cos que podo facer unha tortilla francesa no cámping gas. E logo tres froitas, unha galletas, café ou manzanilla. Se vés, traes só un bocata. Co que a ti che veña mellor para ti. Logo compartimos. Hoxe o importante non é o que comemos nin a cantidade. O máis importante é estarmos xuntos unhas horas: de oito a once, se che parece". Sandar a soidade.

Un rapaz de vinte anos achegouse a saudarme. E foise. Tiña familia. Ao día seguinte, ás 12:00, na misa do Nadal veu falarme un matrimonio. Corenta e oito anos ambos. Foran emigrantes nas Américas. Había dous meses a nena de oito anos, a única, finara nun accidente: "Non non atrevemos a vir porque aínda non temos confianza abondo. Por dúas veces estivemos xa coa porta pechada para saír. Pero deunos para atrás o medo a molestar e a contarlle as nosas tristezas a quen ten dereito a ser feliz neste día. Canto choramos. Hoxe pesounos moito no ter sido máis decididos. Na vida nunca deberiamos ser covardes. Sobre todo o meu home". Outras dez persoas lamentaron non terse achegado. Hoxe. Moita xente soia sofre angustia, tristeza, depresión. Preocúpame. Teño unha idea. Vou pedir prestada unha parroquia onde xa estiven dez anos. Malo será que non nos deixen celebrar alí a Noiteboa.

Vouche dicir o meu programa: ás sete, quen queira, celebramos xuntos a misa. E dialogamos entre todos sobre o evanxeo: "NON HOUBO LUGAR PARA ELES NA POUSADA".

De oito a once comemos o noso bocadiño compartido xuntos e en frugalidade. Hai moitos que non teñen nada. Falamos, cantamos e planificamos o que nos pareza ben en amizade e compañía, con alegría e esperanza. Ao mellor estamos a comezar unha experiencia de vida.

Por favor, non traias máis que o que ti precises para ti. Aténdeme ben. Queremos unha cea sinxela, coma a de cada día entre persoas normais, sinxelas e pobres, como somos nós. Como cando imos de convivencia. Non é para comer. Non é unha enchente. Esta nosa cea é para compartirmos alegría na soidades. Esperanza nas escuridades da vida. É para abrirmos camiños de amizade e esperanza na noite das soidade. E dime o corazón que acertaremos.

Se queremos gastar, en vez de comermos nós lambetadas ou viandas especiais, dámoslle o importe a Cáritas, para que eles dean alimentos a todos os que nestes días teñen fame de pan e alimentos. Pois iso precisa xa dunha organización adecuada que nós non temos. Hoxe o noso é centrármonos máis en ir abrindo camiños de esperanza fronte á tristeza e soidade.

Apetéceche vir? Se queres contactar: xaquinderoca@gmail.com. Non teñas medo. Iremos facendo. E xa che conto. E se non podes vir. FELICES FESTAS PARA TODOS OS TEUS.
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES