Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Compás Social: O Muro Fendido

viernes, 27 de febrero de 2009
O titular que encabeza estas reflexións ven a ser un pequeno homenaxe ao sociólogo Xosé Luis Sequeiros que en 1993 publicou un libriño con esta suxerinte metáfora: “ O muro fendido”, cambio social e comportamento político en Galicia, onde analiza a lóxica causal inherente ao comportamento político do campesiñado galego. Tiven ocasión de parlamentar amplamente con Xosé Luís, f inado en 1999, sobre a transición das familias campesiñas da autosuficiencia a conexión e dependencia total do mercado, e as conseguintes consecuencias na mentalidade e comportamento político do campesiñado e doutros estratos sociais do medio rural.

Que é “O muro fendido”?
As comunidades aldeáns / parroquiais da Galicia rural eran, imaxinariamente, como unha fortaleza amurallada practicamente illada do exterior, pero con algunhas portas ben definidas por onde saían algúns excedentes (escasos bens para compravenda, persoas para emigrar) sen que entrase poboación foránea nin grandes cantidades de produtos industriais. A chave da cuestión estaba, segundo Sequeiros, na autosuficiencia económica e social da familia campesiña e dos comerciantes rurais que estaban dentro da muralla a marxe da sociedade exterior, especialmente do trafego da política que, a pesar das lealdades tradicionais ben afincadas, tamén explica o constante alto grao de abstencionismo. Mais o muro, empuxado desde dentro e desde fora, foi esmorecendo hasta fender polos flancos mais débiles. Nesa transición a maioría dos labregos convertéronse en gandeiros totalmente dependentes do mercado e da sociedade exterior que invadiu tódolos poros das comunidades rurais. Todo iso, pensaba Sequeiros, acabará traendo un cambio profundo na conciencia colectiva do campesiñado, un crecente grao de necesaria participación política.

Podemos asumir as liñas esenciais da achega de Xosé Luís Sequeiros, sempre que non se interprete de forma ríxida e lineal, pois o resultado ó que estamos chegando é moito mais complexo, como el mesmo previra. A estas alturas do primeiro decenio do século XXI, e a vista dalgúns síntomas actuais, xorden determinados interrogantes: ¿está pasando o campesiñado de estar a marxe a estar marxinado?; transformouse o caciquismo en clientelismo?; superáronse as vellas lealdades afectivas en favor de novas identidades e intereses?; realmente, ¿hai algún partido dos actualmente en liza que represente, con vontade eficaz, os intereses da poboación rural? Posiblemente estamos nunha mestura de todo iso. Estas preguntas non pretenden crear escepticismo paralizante, senón suscitar unha actitude reflexiva e activa nas persoas do medio rural, promover un reflexo de unidade ante unha situación de crise colectiva. Esa sensación de impotencia, coa que tantas veces tropezamos, debe superarse e desaparecer.

Que propoñen os políticos?
Se ollamos o contido concreto dos programas electorais de tódolos partidos con posibilidades de gobernar Galicia, facilmente constatamos que, ademais da correspondente visión ideolóxica e abstracta, todos eles anuncian unha serie de programas e prometen numerosas medidas concretas para os diferentes sectores económicos e sociais. Non obstante, os graves problemas da Galicia rural -dispersión de asentamentos, deficiencias de vías e medios de comunicación, minifundio, peche exponencial de explotacións, despoboamento, envellecemento, desertización, etc... –non son afrontados de modo directo senón diluídos en programas transversais chamados servizos sociais, emprego local, políticas sectoriais, ordenación do territorio, reequilibrio territorial e outras categorías verbais xenéricas. Todos falan dun medio rural sostible ou sustentábel hasta a saciedade sen que saibamos moi ben en qué consiste ese sostemento. En conclusión, as previsión políticas para a sociedade rural van dos anacos retóricos a fragmentación e a indefinición.

A poboación rural actual, especialmente a diseminada, xa está bastante diversificada, -agricultores, gandeiros, comerciantes, profesionais autónomos, funcionarios, asalariados in situ o desprazados, xubilados e outras situacións-; pero case todos, ademais das carencias estruturais crónicas, están sendo agora tocados por unha crise económica galopante. Este panorama pode provocar a tentación de quedarse na casa o próximo domingo día 1 de marzo. Sería unha magoa que o abstencionismo volvese a instalarse na vivencia / conciencia colectiva do mundo rural. Sería desandar parte do camiño percorrido. Sería un van intento de ancorarse nun muro fendido, pero sen rebalo. Por favor, todos a votar, con elección reflexiva.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES