Lembranzas da Casa de Rielo, "O menciñeiro" de Castro
"Estou así desde hai máis de quince días e desfágome para non rascarme. As veciñas díxéronme que é o 'orballo dunha araña' pero non sei". Marisa Castro Cerceda.
Xa dixemos que a súa casa estaba diante da feira, no que hoxe se chama a Praza de Galicia, mesmo na esquina, onde, polas feiras, había tractores da chamada Colonización nos anos sesenta e onde hoxe se atopa a tenda nomeada "Máis". Era unha casa de pedra que desapareceu para facer novos pisos, como lle cumpría á puxanza do pobo de Castro de Ribeiras do Lea.

Os vellos recordamos que entrando na casa, á esquerda, había un mostrador feito de madeira, supoñemos que era obra do Sr. Rielo, pola súa habelencia coa madeira, enriba do mostrador había unha báscula de brillantes pratiños e de pesas de ferro, como era o acostumado ter nos ultramarinos e tabernas da nosa Galiza.
Á dereita estaba a cociña económica que puxera o mesmo Rielo, porque tamén era un home douto niso dos tiros e dos fumes, por dedicarse á colocación desas cociñas chamadas santanderinas ou bilbaínas; detrás da cociña estaba o comedor e máis detrás aínda estaba a tenda e a trastenda, para rematar nunha porta no comedor, á esquerda, que saía para a horta na que ornamentaba un pozo que tamén fixera Rielo.
Por diante da casa había que ir para a palleira na que había unha mesas corridas de madeira e bancos brancos lavados con lixivia e pegados á casa polo lado dereito, eran as que se utilizaban para comer nos días da feira, que cadraba todos os oito e os derradeiros sábados de todos os meses do ano, e falando de anos, fai disto máis de cincuenta anos ou se cadra máis, pois a memoria non me fai acordanza.
Daquela podíase traer comida da casa, cousa que moito se estilaba, para comela alí, levábase un touciñiño entrefebrado ou panceta e chourizos, entre outros víveres, e alí collíase o pan de trigo e viño e xa se ía un coma un Pepe. Tamén podía ir un ao polbo nas polbeiras ás que lles había que devolver o prato, ou tamén se podía levar o pescado fritido que fritían na feira, eran xurelos e pescados grandes e cheiróns que estaban reservados á xente que tiña menos cartos e que eran menos podentes.
E despois de todo isto, diredes vosoutros, e que ganaba o Rielo con todo isto?
Pois moi fácil, era o que poñía o pan de trigo, o viño, a gasosa, as copas e o café de pucheiro que se pagaba un pouco antes de marchar cada un para a súa casa.
Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero