Os 30 anos do CGAC celébranse ocupando unha planta do CGAC e outro do museo da Cidade da Cultura, nunha exposición que recolle a maioría das pezas da súa colección e que leva o título de Traballo en equipo, porque se realiza entre dúas sedes, porque nunha delas cóntase coa colaboración doutra comisaria e porque eses trinta anos son o resultado do labor de varios directores.
No folleto explícase claramente. Santiago Olmo, o director actual, lembra cada un dos anteriores dende a primeira exposición de Maruja Mallo comisariada por Pilar Corredoira

"un xesto que transmite a vontade de integración na modernidade recuperando o legado das vangardas e, en certa maneira, tamén do exilio (...) puxeron de relevo certos aspectos que vinculaban o traballo desta artista coas futuras derivas da arte feminista ou coa performance") ás direccións de Antón Pulido, Gloria Moure, Fernández Cid, Manuel Olveira e Miguel von Hafe. Puntualiza como foi elaborándose a colección e se vai xogando entre o centro de arte e o museo e as grandes exposicións que tiveron lugar. A exposición que visitamos na sede leva o nome de Unha historia posible do CGAC, polo tanto comeza co edificio e o seu arquitecto, creador tamén do mobiliario que pasa a ser exposto nunha das salas.
Afirma Olmo que "os retos do museo sitúanse en gran medida en centrar a tensión entre o máis próximo e o máis distante, entre o barrio e mundo, entre a proximidade e a conectividade", cada vez máis como museo ("desde 1999, e malia non ter perfil de museo, iniciase unha colección que responde á historia do centro") sen deixar de funcionar como centro de arte. Nesta colección que provén da Colección Xunta de Galicia e da Colección ARCO, as doazóns e as compras posteriores sitúanse as obras nun marco temporal que comeza en 1950.
A mostra repasa as exposicións a través dos catálogos e obras máis representativas e engade dúas intervencións de artistas galegos de media carreira. Suso Fandiño coloca "un rótulo luminoso para reivindicar o papel do museo e pór en valor a súa integración no tecido urbano, social e cultural da cidade. Visible de día e de noite desde diferentes puntos da cidade, esta icona de situación funciona como reclamo e como convite a reflexionar sobre os vínculos creados polos museos cos seus públicos". "O CGAC está aquí" aparece na parte superior da fachada.
Xa "formando parte da exposición individual no museo Pisando charcos e como expresión da vertente máis instalativa do seu traballo, Almudena Fernández Fariña concibiu unha pintura site-specific para as paredes do vestíbulo do centro. "Flor e acanto" vincula as liñas e os planos do edificio de Álvaro Siza Vieira coa ornamentación vexetal presente na fachada da veciña igrexa de San Domingos de Bonaval."