Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cabeleira dos libres cabelos da diversidade en Lugo

viernes, 15 de diciembre de 2023
O xoves 21 de decembro, ás 19 h., presentaremos cun recital multilingüe o meu libro "A cabeleira (Poema en 70 idiomas)", publicado pola Editorial Fervenza, no auditorio da Casa do Saber, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela e situado encima do museo A Domus do Mitreo, entre a catedral e a muralla romana de Lugo. Mais, alén dunha presentación convencional, do que se tratará será de mostrar un proxecto solidario e colaborativo, concibido en favor da diversidade cunha harmonía tan local como universal.
A cabeleira dos libres cabelos da diversidade en Lugo
A primeira edición políglota de "A cabeleira" tivo lugar en 1995 contando con catro versións: o meu orixinal galego e as traducións do mesmo ao inglés (por Diana Conchado), ao castelán (por Olga Novo) e ao francés (por María Lopo). Despois virían, espontaneamente, as traducións ao bretón e ao ruso en antoloxías diversas, mais logo as versións foron aumentando por decenas, o que provocou sucesivas edicións en 35, 60 e agora 70 idiomas dos cinco continentes habitados da Terra, que se foron presentando en recitais multilingües realizados nos lugares onde vivín e traballei dando clase (Galicia, Nova York, París e Bretaña), o primeiro dos cales tivo lugar en Lugo en 2015.
Creo que o poema "A cabeleira", escrito nos anos oitenta entre Fisterra, París e O Courel, se traduciu a tantas linguas por tratarse dunha composición antropolóxica e historicamente presentativa das orixes do seu autor e, por extensión, da nosa identidade galaica, pero tamén pola apertura nómade, erótica e libertaria dos seus longos versos libres, nos que o local se fai universal e viceversa. De feito, algúns dos seus tradutores me dixeron que se identificaron tanto co contido do texto que lles pareceu escrito para os seus respectivos pobos, como foi o caso do quechua, de América do Sur, ou do curdo, de Asia Menor.
A primeira edición políglota de "A cabeleira" foi ilustrada pola artista Sara Lamas, con debuxos que se mantiveron nas sucesivas edicións. Agora ben, todas estas acolleron nas cubertas o trazo dunha cabeleira cósmica e un caligrama no que os versos se transmutan en cabelos, ambos feitos pola escritora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela Carmen Blanco, cuxa longa melena inspirou o motivo concreto do poema e quen participará tamén na inminente presentación en Lugo desta nova edición actualizada de "A cabeleira (Poema en 70 idiomas)" por ser a autora das creacións artísticas que figuran nas cubertas da obra.
Tal libro se presentou xa este outono nas tres veciñanzas da provincia de Lugo, contando para recitar con decenas de escritores, profesores, estudantes e falantes dos idiomas en cuestión: a da provincia da Coruña, a da provincia de Ourense e a da comunidade de Asturias. En Lugo gozaremos de máis dunha vintena de lecturas debidas a outras tantas persoas vinculadas á literatura, ás artes, ao teatro e ao ensino en todos os seus niveis, pois o que se pretende é a integración na diversidade, máis alá de linguas, culturas, etnias, condicións ou mesmo idades diferentes.
De feito, por exemplo, mentres en Ourense leu en latín o octoxenario catedrático xubilado Xoán Luís Saco Cid, de longa traxectoria docente e cultural (e parente do escritor decimonónico Juan Antonio Saco y Arce, autor da primeira gramática da lingua galega), en Lugo, lerán, respectivamente, en catalán e en neerlandés, os adolescentes Mar Sasha e Bambú Naia Kuitenbrouwer Cuéllar (fillos de catalá e de holandés establecidos nunha arredada aldea, rehabilitada por estes mesmos pais con autosuficiente sostibilidade, na boscosa comarca asturiana dos Oscos), irmáns que xa leron neses idiomas no recital do centro de ensinanza pública de Grandas de Salime, nun emotivo e exemplar evento escolar organizado pola profesora Manuela Aira, quen xa acometera outro similar no Instituto de Arteixo.
En Lugo, tras a miña lectura do orixinal en galego, escoitaremos, en portugués, a Saturnino Valladares, poeta, tradutor, doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor na Universidade Federal do Amazonas en Brasil (con tradución da profesora Claudia Murici); en asturiano, a citada Manuela Aira, licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e profesora en Grandas de Salime (en tradución do poeta Xuan Bello); en castelán, a Valle López de la Villa, licenciada en Historia, con especialidade en Arqueoloxía e Historia Antiga, pola Universidade de Santiago de Compostela (con tradución da poeta Olga Novo), e, en catalán, á dita Mar Sasha Kuitenbrouwer Cuéllar, estudante no Centro Público de Educación Básica de Grandas de Salime, onde xa recitou esta versión (con tradución da poeta Marta Pessarrodona).
Seguidamente, en francés, declamará María Lopo, ensaísta, catedrática de Francés e doutora en Literatura Francesa pola Universidade da Alta Bretaña, quen xa participara nos recitais de Lugo, Santiago de Compostela e Brest (con tradución dela mesma); en italiano, Silvia Alonso, soprano, violinista, profesora e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela, quen xa lera esta versión no primeiro recital de Lugo (con tradución da filóloga Ana Rosso); en romanés, Adina Ioana Vladu, poeta, filóloga, tradutora políglota e doutora en Lingüística pola Universidade de Bucarest, quen xa participara nos recitais de Santiago de Compostela e Ourense (con tradución do poeta Ion Deaconescu), e, en latín, José María Anguita Jaén, doutor e profesor de Filoloxía Latina na Universidade de Santiago de Compostela (con tradución dos latinistas Aurora López e Andrés Pociña).
Tras este bloque latino e neolatino, será a xeira das linguas xermánicas. Así, en inglés, lerá JoDee Anderson, licenciada e máster pola Universidade de Kansas, doutora pola Universidade da Coruña e profesora de Inglés na Universidade de Santiago de Compostela (con tradución da hispanista Diana Conchado); en alemán, Tania Vila, artista visual, tradutora e licenciada en Filoloxía Xermánica pola Universidade de A cabeleira dos libres cabelos da diversidade en LugoSantiago de Compostela, quen xa lera esta versión no último recital na capital galega (con tradución da bailarina Regina Goerger), e en neerlandés, o devandito Bambú Naia Kuitenbrouwer Cuéllar, estudante, como a súa irmá, no Centro Público de Educación Básica de Grandas de Salime, onde xa lera esta versión (con tradución do poeta Germain Droogenbroodt).
Despois, en grego clásico, lerá Sula Repani, pintora grega afincada en Galicia, quen xa lera en grego actual no recital de Ourense (con tradución do helenista Stathis Papakonstantinou); en grego moderno, Irene Doval Reixa, doutora e profesora de Filoloxía Alemá na Universidade de Santiago de Compostela, quen xa lera na mesma lingua helena en anteriores recitais na capital de Galicia (con tradución da hispanista Theodora Grigoriadou), e, en ruso, Anne Nikitik, profesora e presidenta da Fundación Vacan, que promociona o legado compartido co artista e coleccionista lucense José Vázquez Cereijo, por certo, sobriño do excelente poeta tamén lucense Luís Pimentel (con tradución do hispanista Serguey Stepanov).
Das linguas asiáticas, escoitarase o coreano, por parte de Laura Aira, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e máster en Estudos Orientais pola Universidade de Londres (con tradución da estudante neoiorquina de orixe galaico-coreana Sujin Lee); o chinés, por parte de Alma López Figueiras, licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e profesora de chinés na Escola Oficial de Idiomas de Lugo (con tradución da hispanista Zhou Wei), e, en xaponés, por parte de Beatriz Pin, poeta, mestra, naturista e anfitrioa de turismo rural (con tradución do galicianista Takekazu Asaka).
A continuación lerase a única versión non incluída no libro por ser posterior a este, a realizada en barallete (xerga dos afiadores das terras ourensás) polo artista, profesor e ensaísta José Manuel Bouzas, que foi estreada no recital políglota de Ourense e que aquí será lida pola presentadora do acto naquela ocasión, a carballiñesa Laura Paz Fentanes, narradora, filóloga e doutoranda sobre o seu paisano ourensán e gran poeta amigo José Ángel Valente, na Universidade de Santiago de Compostela. Esta versión pode verse, xa, xunto ás outras setenta tradución na web dos cadernos Unión Libre: https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html
Tras ela, será o momento do idioma auxiliar universal máis estendido polo mundo, o esperanto, ao que tiven a honra de ser traducido pola filla de Floreal Conchado, esperantista de orixe galega exiliado en Nova York: a profesora, tamén neoiorquina, Diana Conchado. Cristina Fiaño, poeta, xestora cultural e graduada en Enxeñería de Deseño Industrial pola Universidade da Coruña e en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural pola Universidade de Santiago de Compostela, por onde tamén é máster en Servizos Culturais, será quen poña voz a esta lingua internacional tras telo feito xa no último recital en Santiago de Compostela e ter participado no resto dos acometidos en Galicia, case sempre lendo a versión castelá realizada pola súa mestra Olga Novo.
Por último, a directora e actriz de teatro Paloma Lugilde, realizará unha versión dramatizada do texto con dramaturxia propia consistente nunha performance teatral do grupo "Os sen nome".
En fin, non pode haber maior satisfacción para min que a de reunir neste recital persoas tan diversas, que tiven a sorte e pracer de ir coñecendo ao longo de toda a miña existencia, e ás que me uniron e me unen tantos amores na vida, na poesía, na escena, na docencia, na viaxe e na memoria histórica. Ademais, con cinco delas publiquei libros en común, a tres lles dirixín ou dirixo as súas teses doutorais, a dúas lles dirixín os seus traballos fin de máster e a outra mais lle dirixín o seu traballo fin de grao.
Porque, en efecto, coñecín algunha delas aquí en Lugo xa na nenez, durante o nosa ensinanza primaria, como é o caso de Irene Doval Reixa, e a outras na adolescencia, cursando eu a ensinanza media, como é o caso de Beatriz Pin e de Carmen Blanco. Sendo xa profesor, coñecín outras que formaron parte do meu alumnado lucense, como é o caso de Manuela Aira e de Saturnino Valladares. Igualmente en condición de profesor, coñecín, como colegas na docencia universitaria, a María Lopo, na Universidade da Alta Bretaña, ou a JoDee Anderson, Silvia Alonso e José María Anguita Jaén, no Campus Universitario de Lugo. Polo demais, o teatro deume a coñecer en Lugo a Paloma Lugilde, a poesía deume a coñecer na Coruña a Cristina Fiaño, a arte deume a coñecer de novo en Lugo a Anne Nikitik, a investigación deume a coñecer en Santiago de Compostela a Laura Paz Fentanes e a memoria histórica antifascista deume a coñecer a Laura Aira entrevistándome sobre o tema como xornalista en Santiago de Compostela, a Valle López de la Villa no primeiro gran encontro memorialista de Lugo e a Tania Vila no roteiro das mapoulas libertarias polo barrio proletario das Atochas na Coruña. E o propio multilingüísmo de "A cabeleira" propiciou que entrase en contacto, como rapsodas en cadansúa lingua de competencia, con Adina Ioana Vladu en Santiago de Compostela, con Sula Repani en Ourense, con Alma López Figueiras en Lugo e cos irmáns Mar Sasha e Bambú Naia Kuitenbrouwer Cuéllar en Grandas de Salime.
En suma, vidas cruzadas nos espazos e nos tempos, nos traballos e nas vocacións, nos afectos e nos compromisos, unidas aquí pola amizade e pola solidariedade cristalizadas nesa utopía que é sempre a poesía.
Tratarase, pois, dun recital multilingüe de poesía, pero de poesía políglota concibida en e pola liberdade lingüística e xeral, en e pola igualdade lingüística e xeral, en e pola fraternidade lingüística e xeral, en e pola diversidade lingüística e xeral e, en suma, activamente comprometida co coñecemento compartido, co entendemento intercultural e, en consecuencia, coa paz universal.
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES