Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coñecémonos (7)

martes, 12 de diciembre de 2023
Tipoloxía da personalidade

Unha tipoloxía é un ordenamento, unha clasificación sistematizada, de diversos elementos correspondentes a unha mesma categoría, que por iso participan dunha calidade común, pero teñen propiedades, especificidades ou gradacións diferenciais, e en certo modo características, polo que responden a diversos tipos, con forma de reunilos en agrupamentos típicos, preferiblemente seguindo unha secuencia progresiva en base ao factor ou carácter que determina a súa diferenciación, realizada especialmente con fins de exposición e estudio.

A tipoloxía da personalidade trata de establecer unha cantidade limitada de tipos, nos que podan inserirse, co meirande axustamento posible, as características que presentan a enorme variedade de personalidades individuais. Esta clasificación facilita tanto a comprensión das súas calidades como a predictibilidade dos seus comportamentos.

Os criterios para tipificar as personalidades teñen que referirse a certos compoñentes non excesivamente individualizados; por este motivo a meirande parte das tipoloxías da personalidade atéñense a aspectos xenerais e relacionados con compoñentes biolóxicos e psicolóxicos de índole temperamental. A indubidable especificidade que temos os individuos humanos fan difícil tipificar as variadísimas personalidades, e reducen o campo da tipoloxía a algúns aspectos principais dos comportamentos, aténdose soamente a algúns dos elementos que integran a personalidade.

-.-

Coñecémonos (7)
Hipócrates

(Xuramento de Hipócrates: Non levar outro propósito que non sexa o ben e maila saúde dos enfermos).

Atribúese a Hipócrates, contemporáneo de Sócrates e acreditado como o pai da medicina, ter realizado o que pode considerarse como a máis antiga das tipoloxías da personalidade humana.

Seguindo a concepción de Empédocles acerca da integración do cosmos cos catro elementos (aire, terra, auga e fogo), Hipócrates sostivo que estes catro elementos estaban contidos no microcosmos do home, en forma de humores (algo así como zumes, que posteriormente algúns equiparan ás secrecións endócrinas), e que o predominio dalgún deles determinaba o temperamento de cada individuo:

Coñecémonos (7)

O certo é que, pese á súa antigüidade, polo menos as denominacións dos temperamentos establecidos por Hipócrates, fai diso 24 séculos, seguen sendo empregadas como caracterización de certas personalidades, especialmente a nivel da terminoloxía corrente, e incluso da literaria.
-.-


Unha das tipoloxías máis empregadas, entre moitas que existen, é a desenrolada inicialmente por Heymans e Wiersma, a miúdo mencionada simplemente como tipoloxía de Heymans. Esta tipoloxía fundaméntase en que as condutas estarían determinadas por dous tipos de factores que se presentan en dous grados:
.- A emotividade, consistente na meirande (primaria), ou na menor, (secundaria) repercusión emocional do suxeito ante un acontecemento.
.- A actividade, consistente na meirande (primaria), ou na menor (secundaria) inclinación do suxeito a responder a un estímulo mediante a acción.

Á vez, os suxeitos que presentan as trazas indicadas en forma primaria son variables ou volubles; en tanto que os que as presentan en forma secundaria son constantes e organizados.

Estas trazas combínanse dando lugar a oito personalidades típicas:

Rasgos, trazos, de personalidade // Temperamento

Emotivo - Activo - Secundario // Apaixonado
Emotivo - Activo - Primario // Colérico
Emotivo - non Activo - Secundario // Sentimental
Emotivo - non Activo - Primario // Nervioso
non Emotivo - Activo - Secundario // Flegmático
non Emotivo - Activo - Primario // Sanguíneo
non Emotivo - non Activo - Secundario // Apático
non Emotivo - non Activo - Primario // Amorfo

Outro trazo da personalidade que se considera é a retentividade, consistente no grado en que as experiencias pasadas inciden na conduta, de maneira que o retentivo primario atende intensamente ás imaxes, recordos e pensamentos anteriores, en tanto que o retentivo secundario prescinde facilmente deses antecedentes e adáptase cunha facilidade meirande aos cambios e ás situacións novas.

Outra tipoloxía da personalidade moi utilizada é a presentada polo psicólogo alemán Krestschmer, en 1921, na que vincula o aspecto físico e biolóxico con tres tipos morfolóxicos de características definidas na súa personalidade, e que ten indubidable similitude cos tipos de temperamento antes relacionados:

-O tipo leptosomático, de aspecto físico delgado, predominantemente vertical, de ombros estreitos, colo largo, raxos faciais angulosos, pel seca, aspecto anémico e peso escaso. Psicoloxicamente presentan unha personalidade indiferente, con escasa capacidade afectiva, actitude taciturna, excesiva susceptibilidade, tendencia á irrealidade e a unha vida mental íntima imaxinativa. Son personalidades de tendencia esquizoide, que teñen certa propensión a vicios do tipo do alcoholismo.

-O tipo Pícnico, con importantes compoñentes horizontais no seu aspecto físico: estatura mediana, rostro ancho e brando, colo corto e macizo, ventre avultado, ombros con tendencia caer cara adiante. A súa personalidade é sociable, satisfeitos de si mesmos, bos organizadores, de afectividade insegura e variable, inclinados a asumir posicións extremas, propensos a rápidos cambios de estado de ánimo. Son personalidades de tipo paranoide, con certa propensión a caer en psicoses maníaco-depresivas.

-O tipo Atlético, coa presentación física de estatura mediana a grande, ombros fortes e o lombo plano, tórax voluminoso, ventre plano e terso, colo relativamente longo pero groso e forte, membros e corpo musculoso e con boa tonicidade muscular. Son personalidades estables, equilibradas e tranquilas; á vez lentos e tenaces no seu accionar, de temperamento analítico pero escasamente imaxinativos, de boa intelixencia racional, con ideas definidas, orientacións firmes á vez que prudentes, expresividade mesurada, concreta e precisa. Son personalidades sen tendencias esquizoides nin paranoides, pero que poden ter predisposición á epilepsia.
-.-

Maduración e inmadurez da personalidade


A personalidade humana é necesariamente evolutiva, se ben non en forma exclusiva, polo menos en forma predominante con diversas etapas do desenrolo biolóxico, que é connatural ao crecemento.

Nun senso máis amplo, pode considerarse que a maduración da personalidade ten lugar cando se acada a integración harmónica e equilibrada dos diferentes aspectos da personalidade en tódalas súas dimensións; a orgánico-biolóxica, a psicolóxico-espiritual-social nos planos intelectual, afectivo e da interrelación co medio social.

Sigmund Freud considerou que persoa madura é aquela que é capaz de amar e de traballar. Gordon Allport describe seis características dunha personalidade madura, que identifica coa idade adulta.

En certo modo, pode considerarse que cada unha das grandes etapas da vida humana (lactancia, nenez, adolescencia, idade adulta), teñen en si mesmas un ciclo de iniciación e un proceso de maduración; que salvo na primeira delas, fusiónase coa iniciación do seguinte.

Neste sentido, Erik Erikson, no seu libro "Infancia e sociedade" menciona a existencia dun estado de madurez que é aplicable a cada etapa do desenrolo do ser humano, e considera que na vida existen oito etapas:

1.- No período inicial da lactancia, que pode considerarse sexa o primeiro ano de vida, o ser humano, que necesariamente se desenrola nun ambiente social, atravesa unha crise de índole psico-social, que se manifesta nunha primeira actitude de desconfianza cara ao medio externo, que vai transformándose paulatinamente en confianza cara ao medio máis próximo, e gradualmente ampliándose fronte a medios sociais máis amplos. Polo que pode considerarse que a maduración da personalidade do lactante e do neno de moi curta idade prodúcese no momento en que adquire un sentido básico de confianza e percibe que o que recibe do medio que o rodea non é ameazador, e vai sentíndose crecentemente seguro.

2.- Na segunda etapa, de bebé, o neno debe obter uns grados de autonomía que lle permitan valerse por si mesmo; os pais deben darlle certa liberdade e evitar sobreprotexelo, sen incorrer nun exceso de permisividade, ao mesmo tempo que evitar burlarse del, o que pode determinar que se avergoñe e se intimide, retraéndose no seu desenrolo.

3.- Na terceira etapa, "idade do xogo", o neno presenta un proceso acelerado de coñecemento do mundo que o rodea, sendo o xogo un proceso de aprendizaxe e de desenrolo da súa motricidade. É a idade da curiosidade e das preguntas constantes, na que é preciso permitirlle que tome a iniciativa e procurar responderllas en forma sinxela, accesible, pero substancial.

4.- Na cuarta etapa, "idade escolar", o neno comeza o seu desenrolo intelectivo, ao mesmo tempo que perfecciona a súa motricidade e a súa destreza. A súa actividade, en asociación con outros nenos, inicia un proceso de socialización no que aprende principalmente a considerar os límites admisibles ao comportamento en situación igualitaria, sen os "privilexios" de que gozaba no ambiente e no medio familiar.

5.- A quinta etapa, a adolescencia, coloca aos rapaces nun proceso de estruturación interna e externa da súa propia identidade individual, no que unha certa turbulencia interior suscítalle inclinacións a buscar, a exteriorizar, diferenciacións formais como medio de mostrar a súa condición de persoa autónoma das restantes. Ao mesmo tempo adoita incorrer en condutas contraditorias con iso, de "mimetización", adoptando e cambiando facilmente "modas" diversas, e tratando de poñerse á vangarda nos seus cambios. Neste proceso de auto-afirmación desenrola unha tendencia a alonxarse das anteriores referencias formais (a familia, o centro educativo, os núcleos sociais), pero, ao mesmo tempo, na busca de supostas novas referencias e modelos, desenrola a tendencia a imitar líderes, e a erixir "ídolos" en manifestacións á vez moi intensivas pero cambiantes, o que, frecuentemente, é motivo de aberta comercialización, sobre todo no campo musical. Neste mesmo proceso de auto-afirmación e de substitución de referentes, as relacións de amizade con persoas do mesmo sexo e idade adquire gran importancia, que ocasionalmente poden insinuar trazas de homosexualidade.

6.- A sexta etapa, de xuventude, -cando se desenvolve en condicións de normalidade-, conduce á consolidación dos trazos da individualidade, estrutura unha orientación vital con expectativas de ser duradeira (elección dunha actividade económica e formación para ela), establece unha afectividade heterosexual máis firme con tendencia ao establecemento dunha parella de intencionalidade estable, e, sobre todo, xera unha introspección substancial e equilibrada.

7.- Na sétima etapa o adulto consolida a orientación vital no asentamento dunha actividade ocupacional; apunta ao establecemento dunha familia e á conseguinte constitución dos seus fundamentos económicos e afectivos; chega a asumir plena conciencia das responsabilidades; e participa de maneira racional nalgunhas actividades sociais, de maneira que unha personalidade equilibrada non é compatible cunha actitude individual e socialmente vexetativa, nin tampouco esaxeradamente alexada dunha axeitada atención dos obxectivos propios e da súa familia.

8.- A etapa octava, de madurez plena, implica o alcance dunha situación de consolidación no plano afectivo e dunha actividade produtiva, a estabilidade familiar e o encadramento social, o logro de certo nivel de coñecemento e recoñecemento no medio, a posibilidade de atopar un sentido vital propio inserido na sociedade, no que a integralidade da realización implica un suposto de reciprocidade entre o que se entrega e o que se recibe, unha progresiva satisfacción polo vivido e polo realizado.

A madurez da responsabilidade lógrase cando se acada un estado de equilibrio fundamental no comportamento mediante un balance consciente dos compoñentes da personalidade, no que a conducta é o resultado dun intenso dominio intelectual e racional do individuo sobre as súas reaccións, ante as distintas circunstancias que debe ir afrontando en toda a súa vida.

O trazo fundamental da madurez, en consecuencia, reside no obrar racional e reflexivo, aínda que non indeciso, e especialmente na sobreposición da vontade e da racionalidade sobre os apetitos e os instintos. Unha conduta centrada nun plan de vida, un conxunto de ideais non utópicos e axeitadamente escalonados no tempo, en conformidade coas propias capacidades, e a percepción da prioridade de proverse dos medios axeitados para acadar os obxectivos de vida; un grado de tesón e de tensión, mesurado pero continuado, que conduza a persistir en obxectivos de mediano e longo prazo, sen dar preferencia ao inmediatísimo nos goces e na dispoñibilidade do desexado.

A madurez está relacionada, necesaria e moi estreitamente, coa idade, en canto que permite adquirir experiencias, pero tamén é posible beneficiarse da experiencia e do coñecemento acumulado por outros, mediante o estudo, a observación e a reflexión racional, de modo tal que se evite incorrer en "saídas en falso" ou en actividades que debera advertirse que están fora do alcance, e que necesariamente han de conducir a frustracións.

Asimilar a frustración, aprendendo a non adxudicar responsabilidades externas cando a razón das frustracións reside nas nosas, propias, incapacidades, omisións de esforzo sostido, excesos de ambición ou impaciencia, é unha das condicións da maduración da personalidade.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES