Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes. (2)

viernes, 08 de diciembre de 2023
O Rielo de Castro

"I entón as súas teinicas, o seu modus operandi,
non pode camiñar por vieiros de racionalidade.
Non pode, en modo algún,instrumentarse con
verbas intelixibebels e ten de se construir con
faceres siñificantes"

Otero Pedraio

O Rielo era un señor alto, grosiño de corpo, bo mozo, natural da parroquia de Silva. Viñera para Castro de Ribeiras do Lea desde Doncide porque casara coa señora María Antonia de Doncide.

Vivían en Castro de Ribeiras do Lea onde hoxe se atopa a tenda chamada "Máis", alí colleron unha casa pola renda e puxeron unha taberna que facía tamén de Menciñeiros, capadores e albeites. Vacas, feiras, tratantes e moinantes. (2) ultramarinos. O Rielo e a señora María Antonia, na tenda que abriran, daban pan e viño, copas, queixo, latas de sardiñas e polas feiras, que daquela caían todos os días oito e os derradeiros sábados de cada mes. Ademais de taberneiro, era carpinteiro e sabía poñer moi ben as chamadas cociñas económicas e aínda por riba de todo era un bo menciñeiro.

Todos o acordan no seu oficio, destacando o feito de que o señor Rielo sangraba moi ben as reses das dúas maneiras máis coñecidas: á táboa e á cola.

Como facía para sangrar á táboa? O sangrado á táboa consistía en atar un cordel ás vacas ou a outros animais polo pescozo ata que lles inchaba unha vea da gorxa moi pronunciada que se chamaba táboa e, despois cun bisturí ou cunha navalla ben afiada dábaselles un toque cun pau e saía o sangue que ía medindo o Sr. Rielo a cuncas de barro; ás veces chegaban a vinte, vinte e dúas ou vinte e catro, ou as que a el lle parecesen. Algunhas vacas xa tordeaban, para caer despois, abrindo as pernas que lles esbaraban, as pobres íanse escarranchando para non caer; logo, sacábaselles o cordel do pescozo e xa paraban de sangrar.

A outra técnica de sangrado, chamábase "á cola", para iso collíase a cola ou o rabo dos animais cunha man e coa outra petábaselles no rabo cun pau para que sangraran máis, tamén medía a cantidade de sangue extraída por cuncas despois de pegarlles un corte na cola. Polo xeral, esta técnica empregábaa cando a enfermidade era benigna pois adoitaba sacar neste sangrado unhas catro ou cinco cuncas.

Aínda que o Sr. Rielo era moi bo sangrador, tamén lles daba aos animais que trataba uns mexunxes que facía en segredo para que sandasen, eran bebedizos ou apócemas a base de herbas, pero o que máis lle gustaba era facer o sangrado á táboa, e poucos menciñeiros había, por non dicir ningún, que sangrasen coma el. Agora ben, todo hai que dicilo, o que máis lle custaba era capar os ranchos e os bichos.

Máis tarde comprou a casa na que estivo ata que morreu, coido que dun infarto, porque el mesmo dixo "non me vaiades polo médico, que teño un infarto", polo que foron foi polo cura de Duarría para que lle dese a unción dos enfermos e, cando mesmo chegou, así tamén morreu, deixando cinco fillos: Xosé Manuel, Xosé Benito, Enrique, Uxía e Sabino. Xosé Manuel marchou para Valencia, Enrique empregouse no chamado manicomio de Castro e morreu moi novo, Uxía viviu na casa patrucial e Sabino emigrou para Buenos Aires.

Texto: Xosé Otero Canto
Ilustracións: María Guerrero
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES