Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Exposicións no Gaiás: 'Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura'.

jueves, 07 de diciembre de 2023
No centenario da fundación do SEG, unha macro exposición comisariada por Ramón Villares ocupa un dos andares do Museo do Gaiás.

Esta institución dou un paso de xigante na construción da identidade galega e o fixo dende a alta cultural internacional. O Seminario colócanos nun momento no que estabamos á altura dos tempos, o mundo entraba no país e o país chegaba ao mundo. O seu obxectivo era estudalo á vista das diferentes áreas de coñecemento e modernizalo.
Exposicións no Gaiás: 'Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura'.
Na exposición imos pasando polos lugares da súa creación, de Bastabales á casa de Cotarelo Valledor en Concepción Arenal onde se constituíu, as sedes coas que contou, os lugares de reunión e estudo, a biblioteca, os compoñentes, as etapas, as xeiras de estudo (Deza, Melide, Fisterra...), o símbolo creado por Castelao (esa copa do Grial unxida pola pomba e acompañada por cinco estrelas que el mesmo actualizou máis tarde eliminando o lema dos irmandiños "Deus Sciencia Fratesque Gallaecia"), as personalidades de fóra que miraron para nós (como esa Margot Sponer "pioneira nos estudos lingüísticos galegos e autora da primeira tese doutoral sobre a nosa lingua" asasinada polos nazis en 1945, que outra cousa se podía agardar de alguén que aplicou a súa ciencia ao noso ser?), a relación cos países celtas e Portugal (en especial) así como coas institucións coas que compartían obxectivos, as publicacións realizadas, as obras que cada un deles entregaba cando entraba no Seminario a modo de tese de doutoramento... O empeño de iluminar a Terra coa ciencia e o compromiso con catorce seccións para facelo. O galego e o traballo en equipo foron sinais de identidade.

Nove estudantes e profesores o crearon seguindo a idea de Antón Losada Diéguez con Fermín Bouza Brey, Cotarelo Valledor e Martínez López entre outros. As súas doce seccións e coordinadores eran: Cotarelo Valledor de Filoloxía, Castelao de Artes e Letras, Risco de Etnografía, Cabeza de León de Historia, López Cuevillas de Prehistoria, Otero Pedrayo de Xeografía, Xesús Carro de Historia da Arte, Filgueira Valverde de Historia da Literatura, Díaz Rozas de Pedagoxía, Gómez Román de Artes Aplicadas, Luís Iglesias de Ciencias Naturais e Lois Tobío de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas. Toda a esfera do saber... Algo semellante puxo en marcha Avilés de Taramancos na asociación Catavento en Noia nos anos oitenta, entre un grupo de mozos e mozas que non coñecían de onde lle viña aquel interese por poñer en pé un edificio de tal magnitude... Era dimensións que nos quedaban moi afastadas, igual que saber que Noia fora unha das vilas nas que o SEG contara con máis membros (13) só superada por Santiago (88), Ourense (45), Pontevedra (39) e Vigo (27).

A evolución ata construír o proxecto autonomista que entregaron parte dos seus membros en Madrid, veuse truncada polo golpe de estado. Os seus materiais destruídos e só salvados algúns deles grazas á valentía daqueles homes que pensaban máis no común que no propio. Máis tarde o Instituto Padre Sarmiento recupera algo daquel empeño dende o castelán e a ditadura, sería Díaz Pardo quen o renace (de novo e de forma auténtica) no Seminario de Estudos Galegos e nunca debemos esquecer que parte desa utopía faise realidade na creación do Museo do Pobo Galego, un museo de socios e socias que ten man daquel herdo.

A imaxe da creación deste Museo con algún dos supervivintes, coas persoas dispostas a retomar o asunto e cunha muller no medio deles fala dos tempos e de como hai que facer para que non sucumba a idea de iluminar a Terra.

Percorrendo a exposición pasa algo parecido a cando visitamos a de Lorca en Compostela, sentímonos embargadas por unha emoción que vén de vello, dos tempos que foron luminosos e non só se paralizaron senón que foron cara atrás, perdéndose moitas décadas e feitos relevantes, vidas que se viron segadas e ilusións queimadas no lume da sinrazón, no "viva a morte!" e a ignorancia, para diferenciarse do que sempre odiaron, así como a sombra aborrece a luz, a maldade á bondade.

Será que algún día volve ese luminosidade á Terra dos galegos e galegas? Volverá haber xente tan comprometida e xenerosa a prol do país? Ata o avó do ex presidente do goberno español, galego por máis sinais colaboraba no empeño, ata os que permitiron fábricas de celulosas do que ese presidente ampliou a vixencia... porque os tempos é o que teñen, tamén eles crean as atmosferas que posibilitan unha ou outra maneira de actuar.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES