A Baby Jane de Rod Stewart
Saín da casa coa Baby Jane de Rod Stewart. Na beirarrúa o sol pegoume unha labazada na cara, aínda que a tarde está fría. Deixei voar o pensamento para escribir algo. Só asomaba a tal Baby Jane. Antes de chegar ó atallo pasoume un coche de cor branca. E, xa no atallo, o sol e a sombra partía o carreiro de cemento pola metade. Un paxaro cantou, unha pomba alzou o voo, un cogomelo asomaba por entre as herbas e un bonito toxo adiviñábase na distancia, alá ó fondo, na marxe dun lameiro.

Cheguei á Valenzá con Camariñas de Luz Casal e Luar na Lubre. O ruído dos coches xa era máis intenso. A xente esperando no autobús e o meu pensamento ancorado na Baby Jane de Rod Stewart. Aínda que, de cando en vez, quería asomar un verso... incompleto, un conto... sen pés nin cabeza, unha historia... baleira. Así é que seguín pola beirarrúa dereita.
Non tardei en cruzar para a esquerda co Duelo de banjos na cabeza. Vin a un pardal peiteando nun, creo, cacho de pan. O ruído dunha moto asustouno. Os meus pasos cada vez eran máis curtos porque estaba a piques de chegar ó destino e o pensamento seguía sen atopar tema, sustento.
O destino non era outro que un local no que tomei un café mentres escribín sobre nada en concreto e sobre algo en particular. Porque no pensamento seguía dálle que tumba a Baby Jane de Rod Stewart. Menos mal que entre a saída e a chegada o camiño ten a súa distancia.
A ferida
Por momentos penso de poñer un esparadrapo nunha ferida que teño na man dereita. Teño medo a que se me escapen por aí os soños. Decido non facelo, xa que, cos soños, ás veces, tamén bailan un rock and roll os pesadelos e entón case é mellor que sexan estes os que fuxan por aí. Se queren. Que en cuestión de soños e pesadelos non hai vontade que se meta, nin intención que actúe.

Tamén non sei quen me dixo que cubrir a ferida sería bo para evitar que se infecte. Non creo que os microbios ou xermes ou bacterias se atrevan con certos pesadelos. Ademais, sempre fun partidario de que as feridas (neste caso, as feridas físicas) curan mellor ó aire libre. Por iso é que, mellor que quede a cousa como está. E que os soños, opinións, pareceres, xuízos, criterios, actuacións bailen ó seu albedrío. Que a vida son dous días e que tampouco paga a pena angustiarse por unha pequena ferida.
Sei que máis cedo ou máis tarde acabará curando. As feridas curan todas. E se non curan, que carallo, hai que aguantalas. Pero nunca, nunca deixarse vencer por elas. E, si, xa falo das feridas mentais, desas que din que doen unha barbaridade. Hai que saber soportar a dor! Non podemos deixar que nos venza un corte de nada, un golpe da vida. Hai que erguer e poñerse a andar, que o camiño segue, sempre segue. E se non hai camiño, faise. Como dicía aquel: faise camiño ó andar. E durante todo o percorrido, aquí segue: a ferida aberta e ó aire libre. Xa curará. Todo cicatriza.