Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

El sempre está a chegar

domingo, 03 de diciembre de 2023
Damos comezo hoxe, con este primeiro domingo de Advento, ó novo ano litúrxico, coa vista posta xa na festa do Nadal.

"Advento" significa vinda, chegada. Irémonos, pois, preparando, neste e nos próximos domingos, para a lembranza comunitaria e festiva da vinda, da chegada onda nós do Deus que se fixo un de nós. Un acontecemento que marca misteriosamente toda a historia humana. Ano tras ano, estamos así convidados, impulsados a "esperar". A esperarmos sempre. Unha esperanza que ten os seus alicerces nunha fe robusta. A fe nun Deus Pai todopoderoso –tal como se di na fórmula do Credo- que se nos manifestou en Xesús para a nosa liberación e felicidade.

Porque esta nosa esperanza, renovada na manifestación humana de Deus no Nadal, é en realidade unha esperanza que está previamente apoiada e fundamentada no feito mesmo de que Deus está xa desde sempre connosco, onda nós. O Deus do Advento non é, pois, só un Deus futuro, un Deus que virá. É conxuntamente un Deus que veu, que vén e que virá. Un Deus que é, ó mesmo tempo, pasado, presente e futuro. Pasado, porque desde sempre aí está xa Deus, construíndonos, dándonos vida e agarimándonos. Como nolo explica o apóstolo Paulo: "Nel, é dicir, en Deus, vivimos, movémonos e existimos". Deus é desde sempre o facedor e sustentador de todo. Del procede e nel está desde sempre a humanidade toda.

De xeito que neste sentido a Deus non o deberiamos esperar coma se el non tivese estado xa antes onda nós. Mais este Deus que veu xa onda nós, segue a vir, está vindo onda nós acotío, en cada intre concreto da nosa vida. Está sempre presente na nosa interioridade, na nosa propia conciencia, mais tamén no noso exterior, nas persoas todas coas que un día e outro nos atopamos, ben sexa de maneira esperada ou imprevista. Por iso, cando a Igrexa nos convida neste tempo a esperar, faino sabendo que é Deus mesmo, que desde sempre está xa connosco, quen nos dá as forzas, a graza, para podermos así ter azos para esperalo. Esperar a súa constante e repetida chegada, porque a el nunca seremos capaces de recibilo en toda a súa grandeza sobrehumana e absolutamente infinita.

Deus non é nunca algo así coma unha lección que se aprende unha vez e sobre a que xa non precisariamos volver. Deus é sempre algo que nin nesta vida nin na vindeira chegaremos a comprender plenamente. Para iso teriamos que ser nós mesmos absolutamente infinitos, é dicir, coma Deus. E isto é imposíbel.

Por iso, para nós, Deus está sempre a chegar. O noso interior debería estar en todo intre cheo de esperanza. Unha esperanza que é ela mesma un inmenso e prezado galano, un inconcibíbel agasallo, que Deus mesmo nos dá para podermos estar así en disposición de recibilo. De maneira especial no tempo de Advento deberiamos, pois, repetir a invocación que comunitariamente proclamamos na Eucaristía: "Anunciamos a túa morte, proclamamos a túa resurrección. Ven, Señor Xesús!".

Este desexo e petición de que Xesús, o fillo de Deus que se converte nun de nós, veña a todos e cada un de nós, a toda a humanidade e de maneira especial ós máis necesitados da súa axuda e do seu consolo, é o lema que debería presidir todo este tempo de Advento que hoxe comezamos. Porque a súa vinda onda nós no Nadal, participando así en todo da nosa humanidade, é un acontecemento que, por ben sabido e aceptado que sexa, non deixará nunca de nos sorprender por pouco que nel pensemos. Por iso toda preparación vén sendo cativa, todo "advento" queda curto, en relación cun acontecemento tan inimaxinábel e incríbel.

Así, este "esperar" do Advento non é un esperar pasivo ou adormecido. O evanxeo de hoxe convídanos precisamente a todos a sermos responsábeis nas nosas particulares angueiras e quefaceres, a "estarmos en vela", a mantermos viva a conciencia e a non deixármonos vencer polo sono: "Estade á espreita e atentos", "vixiade", "estade en vela". Unha responsabilidade a nosa que tampouco debería ser angustiosa, senón confiada, porque quen vén, aquel que esperamos, é en definitiva un Deus que se nos fixo intimamente familiar.

Por iso, e xa para rematar, engado aínda que a mellor maneira de practicarmos este espírito de "esperanza", específico do Advento, é xustamente levarmos á práctica o que a vinda de Xesús nos anunciará e nos porá diante dos nosos ollos. É dicir: o exercicio consciente e constante dunha irmandade verdadeira e real entre todos, en canto irmáns que somos todos dese Xesús que no Nadal se vai facer, e para sempre, irmán noso.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES