Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ante as eleccións autonómicas: Ten que gañar Galicia!

miércoles, 25 de febrero de 2009
Ante as eleccins autonmicas: Ten que gaar Galicia!

Escribo a última reflexión sobre as eleccións o martes do carnaval, pola mañá. Este ano coincide co 172º aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. O entroido cómpre seguir celebrándoo de xeito tradicional, polo menos no eido gastronómico e familiar, sen que diminúa ou perda o seu senso ledo e retranqueiro. E tamén conservar a memoria lembrando á nosa poeta inmortal que tanto amou á nosa Terra e á súa Xente. Os días do entroido non serven para a vida cotiá porque hai que andar coa cara descuberta e a poder ser “sen entroidadas”. Tampouco laiándonos, a cotío, das nosas carencias. O aviso serve tamén para os políticos. A vida non é unha entroidada. Hai que vivila con claridade e coherencia, sen carautas. E sen lamentacións estériles. Rosalía “xa chorou por todos!”

Volvamos á realidade. Estamos na recta final. O obxectivo que debe reinar no corazón e cabeza dos electores (e nos candidatos e as súas comparsas) ten de xirar ao redor da idea central de que sexa Galicia a protagonista, a que gañe. Sería un erro, unha inxustiza e unha decepción que non gañase. Ou sexa, teñen de gañar os galegos e as galegas. Temos de gañar todos os que loitamos polo benestar dos galegos e galegas por enriba das diferenzas e ideoloxías (escasas ou nulas) do partido (ou partidos) que teñan que asumir a obriga de nos administrar. Saberemos que gañará Galicia cando podamos percibir que se prima a atención ás persoas e aos sectores máis pobres e empobrecidos (por mor do paro, vellez, enfermidade ou outras carencias) e que se coida a súa riqueza natural espallada pola rica terra, coa axuda da súa auga (ríos/mar) e, hoxe en día, tamén co vento. Gañaremos todos e todas, cando experimentemos que segue a medrar un equilibrado e xusto reparto da riqueza natural e se mellora a que nos chegou herdada do traballo e esforzo dos nosos devanceiros. Gañaremos todos e todas (Galicia enteira) cando palpemos que na nosa Terra avanza na xustiza e na solidariedade, como eixo central da nosa convivencia. Somos conscientes de que non vai ser doado.

Ate de agora falaron (tamén barullaron dabondo) os noso incansables e incombustibles candidatos xunto coas súas tamén abondosas comparsas. Mesmo varios deles reforzados con persoal e expertos chegados de fóra. Lograron cansarnos ata aburrírmonos. Non deixaron de se insultaren entre eles e molestar aos demais, no canto de presentar proxectos viables e cribles cara o futuro. Mesmo escasearon as formas, a educación e chegaron a esnaquizar a xa cativa auto/estima dos pobres galegos, máis sinxelos, educados e comedidos. Laiámonos desta campaña, innecesariamente sucia, que non nos merecemos. Está a piques de rematar. Unha mágoa que se teñan gastado millóns de euros innecesarios e, sobre todo, no intre de estarmos padecendo unha das máis fortes e graves crises económicas que prexudican aínda máis aos necesitados de sempre. A ver se son quen de compensalo os que saian elixidos!

Dito isto, chega a nosa hora. A hora do pobo, a dos sen voz na vida cotiá. Agora temos a oportunidade que cómpre aproveitar. A nosa voz é o voto. Voz pobre e cativa, pero que unida á dos outros irmáns e irmás ten capacidade dabondo para decidir, a pesar de tantas trampas, consentidas e legalizadas e mesmo coa negra sombra do voto exterior polo medio, tamén moi entrampado, Cómpre sermos claros, sinceros e directos co noso voto. Más que foron os predicadores e sermoneiros das cativas concentracións e mensaxes da campaña deste ano. Xa que tivemos que renunciar as utopías posibles tratemos de sacarlle partido á case única realidade e oportunidade que temos diante. Busquemos o mellor do posible (En negativo, diriamos, o menos malo dos reais)

Temos que falar desde a liberdade, en xustiza, con coherencia e con responsabilidade. Teñamos a coraxe de perdoar (sen consentir e aprobar) tantas mentiras, troulas, insultos, aduanadas e aldraxes recibidos. Temos que seguir adiante. Somos quen de superar todas as dificultades. Estamos xa afeitos. Témolo probado e comprobado, moitas veces. Oxalá acertemos na elección, nada fácil, por outra parte. Hai poucas opcións. Na práctica, so dúas. Por iso debe ser moi pensado e repensado o noso voto. Que tamén todos vostedes, ao xeito desde este espazo de Galicia/Dixital (no que un grupo de amigos reflexionamos en voz alta) analicen o que debe e pode ser mellor para todos os galegos e galegas. A última é definitiva palabra, agora, témola nosoutros, os votantes. Cómpre votar en conciencia, coherencia co que queremos e temos dereito. Unha Galicia mellor para todos só pode ser posible arrimando o lombo tamén todos e todas.Cadaquén desde a súa situación e a súa realidades e posibilidade dentro da nosa Comunidade galega..

Somos persoas adultas. Con dereito a voto. Debemos ser tamén esixentes, críticos, construtivos sen deixármonos levar pola paixón e/ou a comodidade. Cómpre peneirar, analizar, pensar e medir. Tamén pesar (ben pesado) o noso voto. Temos moitos datos (máis ca suficientes) sobre as persoas e personaxes que se presentan. Se algo hai claro, desta vez, é a vontade e as intencións que foron manifestando (dun xeito ou de outro) cada un dos candidatos. Coñecemos a súa calidade e os seus méritos, pero tamén as súas debilidades e limitacións. As deles e as das persoas alleas e engadidas na campaña. Houbo grandes erros, moitas lagoas e algúns silencios nas dúas opcións que xa probaron goberno, máis ou menos tempo. Con máis/menos acerto.Deixaron as súas pegadas. Agora mesmo, na campaña, sobre/abondou o desconcerto e o descontrol. Algúns deles quedaron totalmente espidos, amosando as súas miserias e contradicións. Todos teñen moito ou bastante que mellorar. A ver se van aprendendo A xente nova, os fillos da abundancia e do consumo, parece lóxico que estean tentados a pasar de todo. Pero as persoas adultas, nosoutros, non debemos. Temos que implicármonos para mellorar a situación na medida que podamos.

Pola miña banda, pido coherencia e responsabilidade para os votantes. (Tamén, claro está, aos candidatos) Creo que todos, eles e nosoutros, temos que asumir, cadaquén e de xeito distinto, as nosas responsabilidades. Nosoutros votar en conciencia, en liberdade, con xustiza e responsabilidade, como xa deixamos dito. Suxiro, ademais, como cidadán cristián, que celebra a Coresma como Camiño que leva á Pascua (á festa da Liberdade e da Vida) nos armemos coa fortaleza de vivir en máis austeridade e en actitude de servizo e solidariedade cara os demais. Estamos cheos de palabras e promesas e baleiros de feitos/obras. A situación en Galicia non é boa. Necesitámonos todos. Non debemos vivir de caridades nin de subvencións. Ten de haber máis equilibrio e máis igualdade de oportunidades para todos. Non debería facer falla, a estas alturas do País, que “Cáritas Galicia” (formada polas diocesanas de Santiago, Tui/Vigo, Mondoñedo/Ferrol, Lugo e Ourense) e a Fundación Barrié de la Maza tiveran que asinar un convenio de colaboración para axudar, xaora, a familias afectadas pola crise. Será durante o ano 2009. Chámase “Programa de Axudas de Emerxencia Social”, para a que a Fundación dedica un fondo de 300.000 euros. O resto que faga falla vai aportalo Caritas. O Pobo galego. Nosoutros. Será unha axuda para casos extremos de necesidade (alimentación, vivenda, aluguer, auga, luz) e educativos e médicos. Soa a esmolas. A tempos idos do leite e do queixo (da axuda americana)
Co desexo de que o vindeiro domingo votemos todos e todas en paz, liberdade, xustiza, coherencia e responsabilidade, comparto alegría, ilusión e esperanza de exercer o noso dereito e deber de axudar a mellorar esta nosa fermosa Terra, chamada Galicia..

Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES