Sobranceiro gran de millo
Cabada Castro, Manuel - martes, 28 de noviembre de 2023
En terra negra e humildosa,
morna ou húmida ó seu tempo,
tenro e seguro medraches
cara ó sol e ós altos ceos.
Soñando en broa e pan quente,
era o teu pendón bandeira,
dando vida e mais semente
á mazaroca vindeira.
Tentación, ai, fuches sempre,
esvelto gran e asollado,
para as miñas vacas mansas
ó pasaren ó teu lado.
Pois prezado era o teu corpo
e dozura para deuses
en tempadas de carencias,
as que sempre van e veñen.
Cando ti eras xa bo mozo,
moi dilixente eu cun sacho
con presteza che arrincaba
as más herbas de ó teu lado.
Contigo amizade a ervella
ó teu pé trabou, no entanto,
facéndose compañeira,
pois valía pra un bo caldo.
Fuches logo en soños de ouro,
tralo gozo da colleita,
festa connosco facer
baixo o teito da palleira:
"rosario", "raíña" e "rei",
"turquesa" tamén agora,
espiga na noite clara,
viva e sa na leda esfolla!
Os teus monllos na invernía
forzas déronlles ás vacas,
no pazo quente da corte,
pra aturaren noites bravas.
Baixarían logo ó muíño
os ouros da túa espiga
entre murmurios das augas
pra facer fariña milla.
Bailan tarabelo e quenlla
ó son do roular da moa,
nobre filla do rochedo
que fai rexa a terra nosa.
Hoxe amasarei na artesa,
quente farei pan de broa
mais filloas con mel bravo,
tamén papas para a avoa.
E no abrente, ó sol nacer,
erguereime alba non alba
pra lle dar seis grans de millo
ó meu galo que o anunciara!

Cabada Castro, Manuel
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora