Rei doutra caste
Cabada Castro, Manuel - domingo, 26 de noviembre de 2023
Con esta celebración remata o ano litúrxico, antes de que comece o novo no próximo domingo, co inicio do Advento. Trátase dunha festa universalizadora: Xesús, Rei do universo. Rei de toda a creación, desde a máis humilde partícula da materia ata os cumios máis altos do espírito.
A realeza cómprelle a Xesús por el ser a verdadeira "imaxe do Deus invisible" (como se nos di na carta ós Colosenses). Nel amósase toda a plenitude do poder e da grandeza do Pai Deus, Pai tamén noso grazas ó gratuíto don de concedérsenos ser fillos do mesmo Pai de Xesús. "Todo dinos Paulo- foi creado por El e para E". É dicir, por Xesús e para Xesús.
Por iso, en momentos cruciais da súa vida (preto, por exemplo, da súa morte violenta), Xesús afirmará a súa realeza ante Pilato que lle pregunta sobre ela. "Eu son Rei respóndelle Xesús-. Para isto nacín e para isto vin ó mundo, para ser testemuña da verdade". E incluso o título de "rei" figurará no letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: "Xesús Nazareno, rei dos xudeus". Un título que os xudeus rexeitaban, pois para eles era iso xustamente aquilo do que o acusaban, mais que se converteu coa súa morte e resurrección en título universal: rei, non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.
Naturalmente, a súa realeza é moi distinta das realezas humanas. Por iso non lle compracía que, aínda séndoo en realidade, o considerasen rei ou o tratasen como tal. Fuxía, como sabemos, de calquera pretensión popular de o proclamaren rei. A súa mensaxe era, polo contrario, a dunha fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como fan os reis da terra), senón no servizo. Velaquí as súas inmorredoiras palabras: "Sabedes que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e para dar a súa vida en rescate por todos".
Por iso ante o aparente absoluto fracaso da súa misión nas horas previas á súa crucifixión ignominiosa, clarifica unha vez máis o sentido do seu reino así: "O meu reino non é deste mundo. Se o meu reino fose deste mundo, os meus oficiais terían loitado para que non fose entregado ós xudeus. Mais o meu reino non é de aquí".
Neste senso, o prefacio da eucaristía de hoxe descríbenos o seu reino con estas palabras: "reino de verdade e de vida, reino de santidade e de graza, reino de xustiza, de amor e de paz". El foi así rei vital, rei santo, rei amoroso e pacífico desde o berce do Nadal ata a cruz do venres santo. Os reis magos preguntaban xa en Xerusalén polo"rei dos xudeus" que acababa de nacer. E este título acompañarao ata a súa morte. Un rei, polo tanto, distinto, que nace entre pobres e que morre entre dous axustizados. E, porén, é verdadeiro rei, tal como ben o saben representar certas imaxes románicas de Cristo crucificado coa coroa de rei sobre a súa cabeza.
Os reis actuais non dispoñen xa, polo menos nas nosas democracias occidentais, do seu antigo poder. De aquí vén aquilo de que o rei reina, mais non goberna. Con todo, de Xesús podemos dicir con verdade non só que é rei e que "reina", senón que tamén "goberna", aínda que de xeito moi distinto, claro está, que os gobernantes deste mundo. Pola forza do seu Espírito -o Espírito Santo que nos mandou en Pentecoste- é el, si, "distinto" dos demais reis, mais non "distante", porque por medio del habita no máis íntimo de nós mesmos, axudándonos, fortalecéndonos, consolándonos, amándonos. E isto si que é verdadeiro, fondo e íntimo "goberno", un goberno baseado non no poder ameazador, senón na suavidade dese seu amor que se nos manifesta no máis íntimo das nosa conciencias.
Por iso -a diferenza dos reis dos que se di que "reinan mais non gobernan" e que están por dicilo así recluídos nos seus pazos reais- o Xesús Cristo, Rei do universo, "goberna" realmente a nosa existencia toda, participa intimamente da nosa vida, facéndonos tamén polo tanto a cada un de nós partícipes da súa propia vida. Hai entre nós e el unha verdadeira comuñón, que é vida, experiencia, consolo e fraternidade con cantos nos atopemos na vida.
Con este Rei próximo, amigo e irmán, podemos polo tanto tamén falar. Así o fixo o chamado "bo ladrón" tal como se nos di no relato de Lucas do evanxeo de hoxe- cando ámbolos dous sufrían en carne viva a tortura da cruz antes de finaren: "Lémbrate de min cando chegues ó teu reino".
O Xesús Rei, amigo e irmán, non só lle promete ó seu compañeiro de dores unha "lembranza", senón que lle promete e lle dá e ademais "hoxe" mesmo- o paraíso de seu Reino, o Reino dos Ceos: "Hoxe estarás comigo no Paraíso".
Fermosa e conmovedora escena esta na que o Xesús sufrinte non deixa de exercer e practicar cos demais a "misericordia" ata o derradeiro intre da súa vida sen se ocupar das súas propias dores. Bela, conmovedora e reveladora escena. Pois nela manifesta el a súa verdadeira face rexia. El é verdadeiro Rei porque exerce a bondade e a misericordia con todos, rexeitando ata o mesmo intre da súa inxusta morte toda forma de violencia.
Un Rei así non podemos menos de querelo e desexalo. Estamos chamados, coa forza do Espírito de Xesús, a construírmos con el un tal reino.

Cabada Castro, Manuel