Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Coñecémonos (5)

martes, 28 de noviembre de 2023
O proceso da formación da personalidade

A personalidade de cada individuo humano -en tanto en canto constitúe un ser absolutamente peculiar, diferenciable de tódolos restantes integrantes da nosa especie-, está composta dun conxunto de elementos altamente integrados entre si, que Coñecémonos (5)funcionan dunha maneira coherente. Compren diversas funcións no comportamento e na intimidade da súa conciencia en si mesmo, que en definitiva dan por resultado unha estrutura que opera como unha unidade específica que conforma a nosa personalidade.

Non é posible saber se no momento do noso nacemento, portamos algún elemento que poida considerarse configurativo dun compoñente da nosa personalidade. Cabe admitir, especialmente a medida que progresan os estudios acerca da xenética, que é moi posible que, da mesma maneira que ocorre con outros compoñentes do noso ser que inclúen factores tais, como, por exemplo, a propensión a certas enfermidades, algúns factores da nosa personalidade atópense contidos na herdanza, séxase, resultantes da combinación de compoñentes xenéticos dos nosos proxenitores.

A psiquiatría admite que certas conformacións patolóxicas da personalidade poden ter compoñentes herdados, anque tamén poden influír niso compoñentes derivados do desenrolo da personalidade na convivencia cos nosos ascendentes e/ou con noutras persoas do ambiente familiar e social, durante a primeira idade.

En todo caso, pode afirmarse con certeza que na estruturación da personalidade interveñen, de maneira diversa e en boa medida aleatoria, compoñentes que proveñen dun fondo hereditario, e por tanto, xenético, e compoñentes que proveñen do medio ambiente, considerando este non tanto no seu aspecto físico como en canto ao medio social que rodea ao individuo durante as distintas etapas do seu crecemento e maduración, así como as experiencias que vivimos, e sobre todo os procesos educativos formais e informais que realizamos, principalmente, pero non exclusivamente, nos primeiros anos da nosa vida.

O sostido avance da investigación científica en torno á xenética, e mailo progreso realizado polo proxecto do xenoma humano, ao mesmo tempo que conducen a certas conclusións positivas en canto aos factores herdados, delimita aqueles aos que non é posible asignar esta orixe. En función deses desenrolos, a separación das tendencias "xenetista" e "ambientalista" acerca da orixe e da estruturación da personalidade, -que tivo un impacto importante nas concepcións doutrinarias do Dereito Penal, e a eventual existencia de suxeitos con propensión estrutural ao delito- foi cedendo terreo en favor dunha concepción máis ben "complementarista", que ao tempo que recoñece a coexistencia de ambos factores, deberá aplicarse a cuantificar adecuadamente a incidencia de cada un deles.

En todo caso, os progresos realizados en épocas recentes nos ámbitos da psicoloxía e da psiquiatría, especialmente en relación cos trastornos da personalidade, particularmente no denominado trastorno da personalidade antisocial (TPA), habilitan á criminoloxía moderna a considerar a instrumentación de medidas dirixidas a prever diversos tipos de delitos vinculados á personalidade patoloxicamente agresiva ou á xa de antigo denominada loucura moral, ou incapacidade para percibir adecuadamente os valores que deben ser preservados para a convivencia na sociedade.

Na medida en que se admita que polo menos algúns compoñentes da personalidade teñen, ou teñan, unha orixe xenética, poderá concluírse que no mesmo momento de producirse a fecundación do óvulo materno, e integrarse plenamente a cadea do ADN do novo individuo, nel encóntranse presentes eses compoñentes da súa personalidade; ao mesmo tempo comezará o proceso continuado, e en certo modo, indefinido, da integración desa personalidade a partir do agregado das compoñentes emanadas da súa interacción co mundo exterior.

O desenrolo intrauterino, xeralmente de 270 días, significa para o novo ser un ambiente relativamente illado, onde as súas funcións fisiolóxicas, a medida que van diferenciándose, cómprense ao traveso do organismo da nai. En certo momento é razoable considerar que a diferenciación do cerebro no embrión acada un grado que dá lugar ao xurdimento de certos elementos de conciencia da súa propia existencia e de respostas aos estímulos externos; que xa comezan a conformar un compoñente de memorización, susceptible de influír nalgunha forma da súa futura personalidade.

O nacemento, procesado ao través do acto do parto, configura un cambio de extraordinaria importancia en canto ao medio vital no que se desenrolara o feto. A propia circunstancia de que o parto se desenrole por un proceso natural, que desencadea un evento de índole case catastrófica respecto ao estado anterior do feto, ou por procedementos cirúrxicos eventualmente menos impactantes desde un punto de vista, pode ser un factor de certa transcendencia.

En psicoloxía clínica analízase o impacto deste episodio como un cambio sumamente transcendental, desde un medio acuoso, case silencioso e sen imaxes visuais variadas, ata o medio aéreo, cheo de novos e estrepitosos estímulos sensoriais, (luz, sons, temperatura, sensacións táctiles, movemento, ciclo fisiolóxico, etc.), e mailo proceso eventualmente doloroso e de dificultades vitais do transo vaxinal ata o nacemento; denominándoo "trauma do nacemento".

No momento da nosa nacenza é indubidable que o individuo humano posúe, desde xa, certos elementos herdados; algún deles constitúe meras potencialidades pendentes dun ulterior desenrolo. Certos factores físicos da nosa conformación hereditaria aparecen claramente visibles, tais coma os nosos raxos anatómicos, cor da pel e dos ollos, etc., mentres que outros terán que desenrolarse, máis ou menos cedo, en función da nosa madurez neurolóxica e muscular, como a fala e o desprazamento bípede. Acerca do grado no que o desenrolo desas habilidades é espontáneo ou resulta dalgunha forma de aprendizaxe, poden mencionarse algúns exemplos de nenos "salvaxes" ou "nenos lobos", que non as desenrolaron, polo menos ata que foron inducidos a iso mediante unha aprendizaxe.

Entre eses compoñentes potenciais, xeralmente para nada ostensibles no momento do nacemento ou na primeira época da vida, atópanse as nosas capacidades intelectuais, cuxa evolución resulta máis temperá, ostensible cando existan alteracións do tipo do autismo ou síndrome de Down.

En xeral acéptase que os primeiros cinco anos de vida dos seres humanos son os máis importantes desde o punto de vista de conformar os elementos básicos da nosa personalidade. Neles, o neno establece e consolida factores primordiais da nosa vinculación co mundo exterior, e desenrolamos as primeiras modalidades propias de acción e reacción co medio social. É posible que nese período inicial se establezan algúns compoñente básicos, tanto do que pode considerarse unha personalidade "normal", como da que se encontre afectada por algunhas alteracións respecto dese modelo. En particular certas experiencias vitais esenciais, transcorridas neste período, poden pasar a integrar compoñentes fundamentais da personalidade. As condicións da alimentación, segundo que sexa obtida en forma segura e regular, e coa adecuada calidade dos compoñentes, pode ser un deses factores. Indubidablemente, o ambiente familiar, segundo que provea as compoñentes de afecto, seguridade, protección, disciplina, adquisición do concepto dos límites da acción, oportunidades de desenrolo e de expresión, seguridade en nós mesmos, etc., constitúe un factor de transcendencia importantísima na conformación dunha personalidade equilibrada, ben socializada, emocionalmente estable; ou o contrario.

En certos aspectos, os factores anteditos terán que perdurar durante toda a nosa vida ulterior; ou en todo caso só poderán variarse ata certo punto, algún deles. As carencias do desenrolo físico provenientes dunha alimentación demasiado pobre en proteínas e en compoñentes minerais, durante a época de desenrolo do sistema óseo e neurolóxico, dificilmente poderán ser corrixidas ulteriormente.

Non parecen carecer de certo fundamento científico as opinións dalgúns estudosos do tema, que vincularon o xurdimento das primeiras civilizacións máis avanzadas ao feito de que se tratou de pobos en cuxa alimentación pesaban de maneira importante compoñentes como o trigo (a "media lúa das terras fértiles", Exipto), ou o maíz (México, Perú), así como destacan ao mesmo tempo as limitacións intelectuais xeneralizadas dos pobos ou dos estamentos sociais que non dispoñen dunha alimentación suficientemente rica e equilibrada para os primeiros anos de vida.

Obviamente, a percepción de que eses factores orixinan diferenciacións estruturais na conformación tanto física como intelectual, non soamente con alcance individual senón eventualmente respecto de toda unha comunidade étnica ou de radicación xeográfica, non configura unha actitude de discriminación racial ou social, senón o mero recoñecemento dunha situación da realidade, de feito, á que, en todo caso e en vez de asumir unha actitude de mera negación, será pertinente procurarlle correctivos na medida do posible.

Reiteradamente tense sinalado a importancia do amamantado materno dos nenos ata un tempo axeitado; non soamente desde o punto de vista alimenticio e inmunolóxico senón, e tamén, en función da súa incidencia sobre o equilibrio afectivo do neno. Outro elemento interesante é a vinculación xeralmente aceptada que existe entre o notorio incremento da talla media nalgúns dos países europeos despois da II Guerra Mundial, co importante melloramento das prácticas nutricionais dos nenos.

É evidente que o proceso de conformación da personalidade ten unha etapa de intensa estruturación máis alá dese período dos cinco anos iniciais. Especialmente a partir dos primeiros cinco anos, nos casos nos que a actividade formativa se desenvolva conforme ao que debe considerarse a norma, o proceso educativo asume un papel primordial na conformación da personalidade, a través do desenrolo do compoñente intelectual e crecentemente racional. A educación primaria, transcorrida entre os 5 e os 12 ou 13 anos, prové dun conglomerado dos desenrolos intelectuais primordialmente instrumentais: o perfeccionamento da linguaxe, a adquisición das capacidades da lectura e da escritura e a súa asociada a expresión oral e escrita, cada vez máis autónoma; unida a unha socialización extra familiar determinada pola integración disciplinada a unha organización xerarquizada pola existencia dunha autoridade externa, lexitimada e aceptada. A iso agréganse compoñentes de desenrolo intelectual máis afinado, como as xeradas polos coñecementos aritméticos e xeométricos iniciais, e maila inserción nacional emerxente do coñecemento histórico, xeográfico e cultural, tamén primarios.

É indubidable, non obstante, que nas décadas recentes estes factores soportaron diversas circunstancias adversas. O predominio adquirido polos sistemas educativos informais, tais coma os medios de comunicación masiva audiovisuais, especialmente a televisión, co seu elevado porcentaxe de dedicación temporal, especialmente para os nenos e xoves, debilitou en alto grado a incidencia da lectura e da escritura, conseguintemente a expresión autónoma como medios de adquisición de coñecementos e de pautas de conducta.

Factores como a crecente incapacidade expresiva no seu propio idioma, a pobreza extrema do vocabulario e especialmente das súas formas de expresión idiomática máis sutís, a desastrosa ortografía, son resultado deses factores, así como de certas concepcións pedagóxicas supostamente inclinadas a facilitar a espontaneidade. Todo o cal, sen dúbidas, incide directamente no empobrecemento dos matices e das potencialidades da personalidade, especialmente nas novas xeracións.

A adolescencia, pero tamén a pre-adolescencia, constitúen un dos períodos da vida máis transcendentais para a consolidación da personalidade. A partir dos 13 ou 14 anos o proceso de maduración intelectual e fisiolóxica, a pubertade, conduce á consolidación dos compoñentes innatos e tamén dos adquiridos, que culminan a estruturación da personalidade na súa condición máis firme e duradeira. Aínda que a propia configuración dalgún destes compoñentes poderá determinar no futuro, e ao largo do resto da vida, algunha medida de variacións, reaxustes e adicións que, en definitiva, poderán incorporar matices e enriquecementos, pero dificilmente modificacións importantes da súa estrutura fundamental.

Por estas mesmas circunstancias faise moito máis necesario o coidado da índole e da calidade dos contidos educativos, formais e informais, e das circunstancias de experiencia vital. As condicións históricas imperantes en moitos países, especialmente na América Latina, a partir da finalización da II Guerra Mundial, determinaron a intensificación da incidencia do uso dos sistemas educativos institucionais, tanto formais como informais, en función de inducir no proceso de formación das personalidades xuvenís, determinados efectos negativos, xa sexa en forma intencional e organizada, ou como derivación das políticas de contidos aplicadas en función de supostos resultados de rentabilidade e "marketing" dos medios de comunicación masiva.

A medida que os rapaces avanzan desde os 13 anos cara a plena adolescencia e primeira xuventude, o proceso da súa receptividade educativa, formal e informal, vainos poñendo en contacto cos compoñentes cada vez máis substanciais da vida de relación e de maduración intelectual da nosa personalidade. O proceso fisiolóxico da pubertade incorpora ao seu desenvolvemento íntimo, como á nosa vida de relación, un compoñente de especial transcendencia, que se constitúe nun foco de atención altamente competitivo con outros elementos necesarios da nosa formación persoal, especialmente no plano intelectual e moral. Neste sentido pode dicirse que ao traveso dos insumos vitais e intelectuais procedentes do sistema formal da educación, e dos medios de comunicación social, adquiridos na adolescencia, consolidarase a personalidade, definitivamente, ou case.

Na etapa adolescente a personalidade incorpora xeralmente algunhas pautas de inquietude íntima e de comportamento social, que son resultantes do proceso de auto-afirmación da identidade, que suscitan situacións de enfrontamento cos sistemas de valores e cos sistemas institucionais establecidos na sociedade. Esa impropiamente chamada "rebeldía xuvenil", non constitúe por si mesma unha situación valorable nin aceptable senón unha expresión dun grado de inadaptación ao proceso de consolidación da personalidade, que os propios rapaces deben ser capaces de entender, e que normalmente está destinada a ser superada a medida que avancen cara á madurez, polo que é profundamente indesexable que sexa ocasión de situacións irreversibles.

Desgraciadamente existen na sociedade actual numerosos elementos, algún deles absoluta e inxustificadamente deliberados, que conducen a exaltar como valiosa, a reforzar, e a miúdo a explotar, esa situación inapropiada e temporal da etapa de formación da personalidade na idade adolescente. Esas actividades propician desde a indución ao desmesurado consumismo económico (modas, marcas, ídolos musicais ou deportivos, etc.), ata a captación ideolóxica, pasando pola presentación da violencia e da promiscuidade sexual como conductas "naturais"; a xeneralización das tatuaxes, como signo de "compromiso"; a "militancia" e a "loita" como actitudes valorables e incluso "heroicas", o consumo do tabaco, as bebidas alcohólicas ou as drogas psicotrópicas, como actividades "divertidas"; ou a degradación da linguaxe ata os últimos extremos do soez, do porcallán, como un compoñente da "identidade xeracional".

Nalgún caso desafortunado o deslizamento da xuventude en seguimento desas incitacións lévaos a situacións tan lamentables como o abandono das súas responsabilidades de estudo; o abuso das posibilidades económicas da súa familia; a incapacidade de soster un traballo estable; a indisciplina, a subversión, e incluso o delito; o uso irracional de vehículos a altas velocidades, a drogadicción; a promiscuidade sexual coas frecuentes consecuencias da maternidade prematura, a irresponsabilidade paternal, as aberracións sexuais ou a contracción e difusión das enfermidades venéreas ou o SIDA; sen contar cos que pasan a ser lamentables "heroes", falecidos, dos radicalismos políticos.

Todo isto parece un catálogo truculento e esaxeradamente catastrófico, pero debe reflexionarse serenamente sobre estas circunstancias, contrapoñéndoo á situación dos rapaces que, a partir dunha personalidade estable e solidamente integrada na sociedade, efectúan xeitosamente os seus estudos, e incorpóranse axeitadamente á vida económica da sociedade, constitúen unha parella estable sobre a base do amor e do respecto, e analizan as circunstancias sociais e políticas do seu país con solvencia e con ecuanimidade.

Fronte a estas situacións de verdadeiro perigo para a formación dunha personalidade equilibrada, o grado de desenrolo dunha intelectualidade crítica propia, baseada na intensificación da capacidade de análise racional e, sobre todo, fundado na posesión dun grado axeitado de coñecementos sobre as cuestións fundamentais, é o único instrumento idóneo para contrarrestar a incidencia dos enfoques deliberadamente deformados, a veces involuntariamente resultantes das deformacións ideolóxicas previamente inducidas polos propios educadores nas súas actividades de educación formal.

De igual modo ocorrerá respecto dos contidos dos medios de comunicación social, determinados frecuentemente por axentes que actúan sen respectar a obxectividade en canto á elección e presentación dos seus contidos, ou sen establecer debidamente e en forma explícita o carácter editorial dos mesmos.

Neste senso, unha das mellores expresións da intelixencia consistirá en desenrolar a atención e maila habilidade de discernir, en tódalas expresións sobre asuntos de transcendencia vital, filosóficos, históricos, políticos, ideolóxicos, doutrinais, relixiosos, éticos, corporativos, económicos, publicitarios, propagandísticos, etc., as compoñentes implícitas. Quere dicirse, aqueles elementos que non se explicitan, que se dan implicitamente como indiscutibles, axiomáticos, pero que constitúen en realidade a médula do contido que se trata de implantar nos destinatarios desas expresións, e que lonxe de ser incuestionables son en si mesmos esencialmente discutibles.

O desenrolo da personalidade, en tanto en canto é un proceso vital ininterrompido, prosigue ao longo das alternativas vitais, con diversos matices, en forma continuada.

Xeralmente, sitúase o final da adolescencia en torno aos 21 a 25 anos, en que se completa a etapa educativa; non soamente de integración social e cultural senón frecuentemente de habilitación profesional que provee un medio de autosuficiencia económica. Nun momento variable segundo as circunstancias persoais, ingresamos á etapa de adulto, frecuentemente se consolida unha parella estable e constitúese unha familia, empréndese unha carreira profesional, comercial, ou de outra índole, e trátase de cumprir nela etapas de crecente desenrolo e de mellor posicionamento.

Prodúcese un afianzamento cultural, frecuentemente autodidáctico, desenrólanse os gustos persoais e as actividades de auto-realización, e tamén integracións en grupos sociais afines (clubs, asociacións deportivas, etc.), todo o cal, máis as outras circunstancias vitais, dalgunha maneira reforzan os trazos da personalidade, ou eventualmente os modifican, aínda que dificilmente dunha maneira total.

Os casos máis notorios son precisamente aqueles que, no seu comportamento xuvenil, asumiron posicións extremas, radicais, excesivamente idealistas, aos que o devir da súa vida en madurez, "aburguesados", moderando amplamente aqueles extremismos, a miúdo insertándoos no goce de boas posicións económicas e de prestixio social, de éxito mediático ou político, etc., circunstancias reveladoras de que en realidade aquelas actitudes xuvenís eran meras expresións da súa ansiedade por acadar esas posicións. Isto é moi visible e notorio, especialmente en personalidades cuxa actividade era en si mesma allea no seu contido e na súa profundización conceptual ou técnica aos temas sobre os que asumían actitudes radicalizadas e de protagonismo, aplicando unha das técnicas máis ensidiosas da propaganda, o chamado "testimonial transfer", consistente en valerse do prestixio gañado nun área para pretender solventar autoridade noutra totalmente distinta: desde a pasta dental recomendada polo astro de fútbol ata o candidato político recomendado polo músico exitoso, o literato célebre, ou o galán dos teleteatros.
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES