Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ceo non é pra lacazáns

domingo, 19 de noviembre de 2023
A parábola dos talentos apréndenos a nos comportar como axentes activos na creación. Non deberiamos esquecer que Deus, cando crea, cando fai xurdir o mundo e a nós nel, realiza tal tarefa facendo reflectir nela o que el é. Agora ben, o Deus cristián é plenitude de vida e de amor entre Pai, Fillo e Espírito. Plenitude de actividade. Por iso, cando el crea a realidade, fainos tamén a nós activos e vitais. Unha materia, unha vida ou unha humanidade inertes e pasivas non terían senso ningún. Iso significaría que Deus se negaría a si mesmo ó se expresar no mundo e en nós.

É algo semellante a cando, por exemplo, os pais dan vida ós seus fillos. Á maneira do Deus que os creou, co amor que mutuamente se teñen, colaboran na creación dun mundo humano, vivo e activo. Pois ¿que son os fillos, por pequerrechos que sexan, senón un impulso de vida, de actividade que se vai multiplicando cada vez máis? Os pais son os primeiros sorprendidos pola incríbel vitalidade dos seus fillos.

Neste sentido, a parábola dos diferentes talentos de que dispoñemos as persoas hai que situala no contexto destas diferenzas. Cada un de nós recibe de Deus, a través da propia bioloxía e do particular contexto social, dons distintos.

Mais o que verdadeiramente importa é que cada un de nós poña ó servizo dos demais os dons que Deus lle deu. Porque, como ben sabemos, Deus non precisa estritamente dos nosos servizos. El é en si mesmo absolutamente autosuficiente. Si os precisan, en cambio, cantos máis preto ou máis lonxe de nós teñen algunha relación connosco. Unha vez máis, a medida ou a tradución máis correcta e exacta do noso suposto amor a Deus é o amor que teñamos ós demais.

Na parábola non quedan ben os preguiceiros, os que non se preocupan por se converter en axuda e apoio dos que están ó seu lado. O mundo funcionaría sen dúbida moito mellor se cada un pensase máis nos outros ca en si mesmo. Esta é a verdadeira actividade que se nos pide que exerzamos cos talentos recibidos. Porque só nos foron dados para os facer frutificar poñéndoos ó servizo dos demais."
Dicíame hai xa algún tempo un bo amigo tras el publicar o seu primeiro libriño nos comezos da súa actividade docente universitaria: “Renunciei ós dereitos de autor e todo o que recade irá parar a unha ONG coa que colaboro, que se dedica a proxectos de xustiza social (especialmente na súa vertente educativa) en América Latina, África, Asia e tamén en zonas pobres do noso país... A partir de agora, tódolos meus libros, sexan literarios ou académicos, irán (en todo ou en parte) dedicados a diversas ONG ou Fundacións... Cada día fago o esforzo consciente de seguir tendo claro que a miña vocación é a que é. Non é ser un ‘profesional da ensinanza’, senón unha persoa que constrúe mundo desde a tarima dunha universidade. Descubrín que ese é o meu lugar, e non outro, e esfórzome niso".

Isto vén sendo -engado eu xa agora- unha das moitas maneiras de cumprirmos nos nosos tempos o mandado evanxélico de pór os propios talentos ó servizo dos máis necesitados. É o mesmo que facía aquela "muller forte" dos tempos antigos, ben loada no libro dos Proverbios da Primeira Lectura pola súa laboriosidade e pola súa xenerosidade cos necesitados: "Bota as mans á roca e os seus dedos manexan o fuso. Tende a palma ó indixente e achega as súas mans ó mendigo".

Finalmente, como por outra parte celebramos neste domingo a "Xornada Mundial dos Pobres", que o papa Francisco botou a andar hai algúns anos e sabemos ben que moitos son pobres xustamente por non dispoñeren de posibilidades de traballo, teñámolos hoxe especialmente presentes na nosa oración e no noso interese por eles, lembrando aquilo que nalgún momento dixo o mesmo papa Francisco: "Cómo me gustaría unha Igrexa pobre e para os pobres!".
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES