Na presenza das emocións
Santalla, Iago - miércoles, 22 de noviembre de 2023
Cando isto se publique, xa terei dado en aulas a importancia das emocións na comunicación verbal e non verbal. Fareino a través dos estilos comunicativos e dun fragmento da película de animación "Del revés". Esta película é protagonizada por unha nena que, a moi curta idade, vese na obriga de experimentar un cambio de cidade, de clima e de xente polo traballo dos seus pais. A partir de aquí, xorden conflitos interiores que poñen en acción as emocións básicas da nena: a ledicia, a tristura, a ira, o medo e o noxo. Creo que está en proceso a creación dunha segunda parte onde Riley xa vai ser adolescente.
Levo anos traballando esta película e fágoo da seguinte maneira. Ligo este cinefórum á explicación dos estilos comunicativos. Non en tanto, sempre lle fago ao alumnado a seguinte reflexión: hai que buscar a utilidade de cada emoción. Por iso, na actividade, teñen a obriga de buscar en todas elas o punto positivo e o punto negativo. O que vexo, ao longo dos anos, é que é difícil buscarlle o punto negativo á ledicia ou buscarlle o punto positivo a emociones como a tristura ou o noxo. É necesario saber que o ser humano necesita xestionar situacións diversas e aí é onde teñen a súa función aquelas emocións que tendemos a rexeitar. Por exemplo, ante unha situación de inxustiza, a ira fainos saltar e dicir o que moralmente temos que dicir. A clave é como podemos canalizar a ira nunha comunicación asertiva. Isto implica facela sentir en toda a súa intensidade pero sen danar ás persoas que estamos interpelando.
Neste sentido vexo imprescindible recoñecer emocións, saber que todas son lexítimas e saber, tamén, buscar o mellor xeito de facelas aflorar nunha comunicación axeitada. Quizais nisto consiste aprender a convivir no teu entorno.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora