Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Filosofar en Galicia

jueves, 16 de noviembre de 2023
O pasado xoves, día 16 de novembro, comezaron na Facultade de Filosofía os 17º Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago, organizados pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía (a SIFA) que, nesta edición, están dedicados ao tema "A filosofía no mapamundi. Pensar as filosofías nacionais nun mundo global".

Filósofos e investigadores de distintas universidades españolas, de Portugal, Estados Unidos, Polonia, Francia ou de Xapón, e, por suposto, das tres universidades galegas, reflexionarán durante tres días sobre o paradoxo dunha ciencia que ten vocación de universalidade pero que se elabora desde a realidade concreta de cada pensador.

Trátase dunha edición especial porque cúmprense 30 anos desde que organizamos en 1993 os I Encontros, patrocinados entón polo Plan Xacobeo 93 da Xunta de Galicia. Con tal motivo estará aberta ao público a exposición "30 anos da Sociedade Interuniversitaria de Filosofía". Unha sociedade científica que reuniu no seu seo a filósofos de distintas universidades españolas e europeas. Posteriormente tamén de América e do Xapón.

Este ano renderemos unha homenaxe póstuma a un dos nosos máis queridos colaboradores, o profesor e filósofo italiano Antonio Pieretti, falecido a mediados de setembro do pasado ano 2022 aos 82 anos e que foi membro fundador da nosa sociedade filosófica e vicepresidente desde o ano 2010.

Con máis vontade que medios, logramos nestas tres décadas que pasasen por Galicia, (Santiago de Compostela, A Coruña e Pontevedra) egrexios representantes de 81 universidades de Europa, América, Asia e África. No noso ánimo estivo compartir a creación filosófica galega e española con aquela que se está facendo en calquera recuncho do mundo.

Desde o ano 2017, a SIFA entrega a unha personalidade filosófica que se destacou polas súas realizacións no noso ámbito o Premio Sapientia, consistente nunha figura conmemorativa e un libro homenaxe, patrocinado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Recibírono Carlos Baliñas, fundador da Facultade de Filosofía compostelá en 1974; Acílio da Silva, catedrático e Vicerreitor da Universidade do Minho; a profesora da Universidade de Vigo Purificación Mayobre, pioneira dos estudos de feminismo e de xénero en Galicia; e este ano entregarémosllo á profesora Luisa Portocarrero, catedrática da Universidade de Coimbra e vicepresidenta da SIFA.

É un foro que convida a vivir a filosofía en vivo e en directo e que publicou máis de 20 libros coas actas destes Encontros Internacionais de Filosofía no Camiño de Santiago, conscientes de que, como dixo o senador romano Cayo Tito, "verba volant, scripta manet" (as palabras lévallas o aire e o escrito permanece).

Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES