Hai persoas que alegran as rúas. Dá gusto atopalas, miran e sorrín como se sempre estiveran recibindo ou dándolle a benvida ás persoas que atopan.

Teño unha amiga que adora a Miguelanxo Prado. Un día pregunteille que era o que tanto lle gustaba del, porque realmente non pode haber ninguén que non sinta debilidade, pero tanto respecto... Encantoume a súa resposta porque me fixo pensar: "Observa as imaxes que fai dos maiores e verás que non teñen os trazos cara abaixo por moi vellos que sexan, el retíralles a amargura, sempre lles conserva a dignidade para enfrontar a vida con ilusión." Tiven que darlle a razón, os anciáns de Miguelanxo están tratados con ese respecto polo ser humano que só o afecto do artista pode outorgarlles.
Así vía eu a Marcelino Sanín, con esa alegría que dá a satisfacción de saber que alegra os lugares polos que pasa, con esa vitalidade que os ollos seguían mostrando aos 89 anos, con esas ganas de vivir e aproveitar todo o que a cidade nos ofrece, disposto a gozar da cultura. Unha presenza constante no Ateneo e nas súas actividades, nos concertos e o teatro. Cun estilo refinado no vestir e no estar, percorría as rúas e saudaba... Unha das cousas que eu máis apreciaba nel era a maneira de aplaudir sempre o que estaba ben feito, de dicilo para que quen traballa se sinta recoñecido. Vin como estimaba de Martiña (a secretaria técnica do Ateneo) a súa profesionalidade. A

última vez que coincidimos foi nun concerto do Ateneo Barroco, antes de saír comentoume que lle estaba gustando moito o festival e pediume que felicitarase da súa parte ao resto da directiva e ao director artístico do festival, Víctor Carou.
O tempo, inexorable, vai deixando caer as follas e o outono é tempo de despedidas.
Agora que xa non coincidiremos con este compañeiro de Ateneo, lembro que a primeira vez que falei con el foi para darlle o pésame na morte do fillo. Penso que -ao non coñecer a súa familia- igual neste caso toca darlle as condolencias á cidade, ás rúas que de certo, tamén, notarán a súa falta.
Seguro que no Alén estarán contentos de recibilo porque sempre se agradece unha presenza amable que gusta da cultura e leva novas do noso mundo.
Neste lado notaremos a súa falta porque a súa presenza alegraba as rúas que camiñamos cada día.