Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deus fala na nosa lingua: presentación na diocese da Biblia en galego

García Cadiñanos, Fernando - miércoles, 15 de noviembre de 2023
Deus fala na nosa lingua: presentacin na diocese da Biblia en galego
Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, luns 6 de novembro de 2023.

Deus fala na nosa lingua. Esta é unha certeza que atravesa toda a historia da salvación. Desde os inicios da creación do mundo, Deus fíxose cercano e próximo para establecer conversación co ser humano co que quere facer coloquio, conversación, e quere establecer un proxecto de amizade. E para iso non quixo utilizar os fenómenos extraordinarios da natureza, os raios e terremotos que as relixións ancestrais relacionaban con Deus, senón que se fixo Palabra. Algo tan sinxelo e versátil como a palabra. "A Palabra fíxose carne e habitou entre nós".

Palabra que posibilita a relación, palabra que aclara as nosas dúbidas e medos, palabra que nos eleva na esperanza, palabra que nos aconsella, consola e alenta, palabra que nos alegra e fortalece, palabra que acompaña tamén os nosos silencios.

Palabra que é pronunciada na nosa propia lingua porque o noso Deus quere facerse o máis próximo connosco e quere facerse comprender por todos, quere chegar a todos.

Porque a Palabra de Deus é para todos. A Xesús, a Palabra feita carne, vémoslle percorrendo as aldeas de Israel dun lugar a outro predicando e anunciando coa vontade de chegar a todos, de conseguir que ninguén quedase excluído do seu anuncio salvador, de buscar que ninguén andase como ovella sen pastor. Por iso, a Palabra de Deus quere selo para todos, para crentes e non crentes, para cristiáns e non cristiáns, para homes e mulleres, para cultos e ignotos, porque encerra unha sabedoría non humana que desenmascara as mentiras e misterios da vida e do ser humano.

Nese sentido, a Igrexa sempre, pero especialmente nos últimos anos a raíz do Concilio Vaticano II, fixo un esforzo por traducir a Biblia a todas as linguas do mundo no seu obxectivo de que esta palabra chegase e fora comprendida por todos, sen mediacións. Así xorde esta tradución da Biblia ao galego. É fermoso que a Palabra de Deus resoe na mesma lingua que utilizaron os nosos clásicos como Rosalía, Pardo Bazán, Castelao, o noso gran Cunqueiro... Pero tamén a lingua que utiliza a Xoana, o Xosé, o Santiago... a lingua do pobo, do noso pobo, porque Deus faise Pobo e ama estar entre o pobo.

Pero sendo para todos tamén é unha Palabra dirixida para cada un: para todos e para cada un, para ti e para min. O papa Francisco exprésanolo moi ben cando di: "A proximidade de Deus non é neutra, a súa presenza non deixa as cousas como están, non preserva a vida tranquila. Ao contrario, a súa Palabra sacódenos, inquiétanos, aprémianos ao cambio, á conversión; ponnos en crise porque «é viva e eficaz, e máis cortante que calquera espada de dobre fío [...] e discerne os pensamentos e as intencións do corazón» (Hb 4,12)".

Quero agradecer moi sinceramente o esforzo editorial que supuxo a realización de todo este proxecto. Un proxecto que, como se viu hoxe, non concluíu senón que segue tendo vida e mantense para seguir facéndoo actual, útil, perfectible. Aí se sitúa esta cuarta edición. Grazas tamén á Xunta de Galicia pola súa sensibilidade ao descubrir a importancia da Biblia como un libro que nos foi configurando e sen o cal é imposible comprendernos e comprender a nosa cultura galega: a súa sensibilidade nunha laicidade positiva é moi de agradecer en tempos onde o sectarismo e a exclusión se abren camiños. Grazas tamén a todos os esexetas que participaron e seguen participando en facer comprensible a Palabra para que se faga intelixible na nosa lingua.

Agora só nos queda achegarnos a ela. Como en toda presentación dun libro non é para que o coloquemos nos nosos anaqueis, senón para que nos acheguemos a ela e descubramos a súa historia que nos fala de amor, do amor dun Deus polo seu pobo, por cada un de nós. Grazas.
García Cadiñanos, Fernando
García Cadiñanos, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES