Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Iluminados e iluminando

domingo, 12 de noviembre de 2023
Unha vez recibín dun amigo un chiste de Forges (hai varios anos que finou). Quizais saibades que, aínda que o caricaturista naceu en Madrid, o seu pai era galego e apelidábase Fraguas (aínda que o fillo cambiou despois Fraguas por Forges). Na caricatura estaban representados os pais duns rapaces e mais estes. O pai lía nun xornal de gran formato, a nai manexaba os mandos da tele e os rapaces entraban con ademán decidido onda eles e dicíanlles: "Acabamos de tirar a tele e mailo ordenador ó patio. Isto é unha revolución. Esiximos que nos contedes contos... e cousas. Iso"...

Volvendo ó noso. Falábase antes con frecuencia da Biblia, do Antigo e do Novo Testamento, como dunha "Historia Sagrada". No Novo Testamento, como ben sabemos, Xesús fala en parábolas, en "contos" poderiamos dicir, que conteñen grandes verdades. Non só os rapaces, para poderen durmir, fecundar a súa imaxinación e saber orientarse na vida, todos precisamos que nos conten historias ben artelladas e que conteñan importantes verdades. Por iso as boas novelas teñen tantos lectores.

Os xornais, en cambio, mais sobre todo a tele e outros medios métennos, non poucas veces, tantas cousas na cabeza e na imaxinación que, no canto de nos serviren para orientármonos e formármonos axeitadamente, o que non poucas veces fan é manipularnos e utilizarnos para os particulares intereses políticos ou económicos dos que os dirixen.

A "historia sagrada" ou o "conto" do Novo Testamento que se nos refire hoxe é o das dez mociñas que agardan a entraren na sala de vodas cando cheguen os noivos. Preséntasenos unha vez máis o reino de Deus como un encontro festivo e un ledo xantar de parentes e amigos. O reino de Deus é descrito así como o conxunto dunha humanidade que celebra festivamente a irmandade mutua entre os seus membros e con Deus.

O tema da luz é tamén importante. Xa se nos dixera en varias ocasións que Xesús era "a luz do mundo". Mais, como consecuencia disto, tamén: "Vós sodes a luz do mundo". Alí, pois, onde está Deus, alí hai luz e claridade. Mais tamén onde queira que esteamos deberiamos converternos en luz para nós mesmos e para os demais. A luz crea calor e constrúe espazos novos e abertos para podermos camiñar con seguridade e tranquilidade.

As cinco mozas atoladas das que nos fala o "conto", a parábola, non se preocuparon moito de seren luz para si mesmas ou quizais tamén para os demais. Ese foi o seu erro.

Lembro ben cando eu era aínda un rapaz nunha cativa parroquia da pontevedresa Terra de Montes. Cando anoitecía, ó principio, ademais do lume da lareira había algunha candea acendida, ou un candil de aceite (semellante seguramente ós candís das virxes do evanxeo) e despois ás veces un candil de carburo. Nos anos corenta a meu pai ocorréuselle facer alá abaixo no río un cativo e familiar muíño no que tamén había unha dínamo que producía algo de corrente continua para así podermos ter luz eléctrica na nosa casa e nalgunhas casas veciñas. "Ide botar a luz", dicíanos. E subiamos ó piso alto da casa para erguermos pouco a pouco unha panca que por medio dun arame movía alá abaixo no río un dispositivo que daba entrada a auga para producir luz. A luz da lámpada que estaba enriba da miña cabeza era primeiro de cor vermella e tornábase despois xa máis clara e branca. Eu tiña a impresión de ser o creador da luz. Mais non. Eu só poñía os medios para que a forza da auga do río se convertese onda min en lámpada para escorrentar a escuridade.

Si. Temos que nos esforzar en amarmos a luz e en sermos, en canto poidamos, luz tamén para cantos estean connosco. Mais luz verdadeira e primordial non hai, en definitiva, máis ca unha. Unha luz que para nós, os crentes na boa nova de Xesús, é este en canto manifestación resplandecente do Pai-Deus, que ilumina, como se nos di tamén noutro texto do Novo Testamento, "a todo home que vén a este mundo".

O texto do evanxeo pode, se cadra, deixarnos un pouco de angustia polas cinco mociñas que se durmiron e non estaban a punto cando chegou o noivo. Quizais por iso, cando estamos aínda relativamente preto do día no que nos lembrabamos dos nosos defuntos, tráenos Paulo unhas palabras tranquilizadoras na súa carta ó Tesalonicenses. "Non queremos –dísenos alí- que esteades desinformados acerca dos mortos, para que non vos agoniedes coma os outros, os que non teñen esperanza. Porque, se cremos que Xesús morreu e que resucitou, do mesmo xeito Deus, por medio de Xesús, levará con El os que xa morreron".

Él é, pois, e serao sempre, "Salvador", como o seu mesmo nome hebreo significa. Mais para que tal "salvación" se realice en todos e cada un de nós, temos que procurar achegarnos a quen é luz e calor, con fe e confianza. O noso Salvador non perde nada da súa luz ó compartila connosco. Pola nosa parte, tampouco nós perdemos nada da luz recibida ó compartila cos demais.

Este poñérmonos en contacto con Deus, Luz do mundo, realizámolo dunha maneira formal e comunitaria na celebración eucarística. Mais tamén cando nos dirixamos a Deus na oración ou nos poñamos ó servizo dos demais, cumprindo así ese segundo mandamento que é "semellante ó primeiro". Así, deste dobre e unitario modo, amando a Deus e os nosos próximos, é como iremos recargando unha e outra vez as nosas pilas para sermos de verdade, nós tamén, "luz do mundo", luz para os demais.

Mellor sermos pequenos soles. Mais tamén a lúa, aínda ser ter luz propia, pode iluminar os pasos dos camiñantes cando o sol se retirou a descansar.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES