Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A misteriosa e incógnita Valura (86)

viernes, 24 de noviembre de 2023
Os alugados e o mundo Valuro segundo Manuel María

Manuel María dános unha mostra moi representativa do que era o mundo da seitura dos alugados en Lugo, con todo luxo de detalles, o que vén a ser un documento etnográfico moi representativo, non soamente dos alugados, senón tamén da seitura en Galicia; aínda que fala moi polo miúdo da nosa sega, botamos en falta as dúas A misteriosa e incógnita Valura (86)maneiras de segar dos nosos segadores e que na Ponte de Outeiro teño observado e tamén feito algunhas veces. As dúas formas de segar dos nosos segadores son: "á presada" e "á manda".
Segar "á presada", xa o di a palabra, consiste en ir suxeitando as pallas que collen nunha man, arrastrando esta para adiante do suco e cando está chea proceder á súa seitura.
Para segar "á manda" hai que pasar para diante o rego pola cal un metro ou o que vexa o segador e coa man esquerda ir traendo a palla que se vai segando e botando enriba da outra que aínda non se segou, de tal maneira que non caia e ir cortando a que vai seguindo ata que se acaba o medio metro ou o metro que nos propuxemos, chegando, ás veces, a formar un mollo en cada manda.
Os segadores rápidos sempre usan a forma de "á manda", salvo honrosas excepcións, os máis novos e as mulleres segaban "á presada", por iso eran os que facían os outros labores, non menos complexos que eran os de atar os mollos. Tampouco cita Manuel María a indumentaria das atadoras posto que todas elas pola Valura levaban "os manguitos" nos antebrazos que eran como unhas mangas de tea con gomas nos extremos para que non entrasen as arganas e, ao mesmo tempo, para protexer os brazos das espigas. Feitas estas disquisicións principiamos co que nos di Manuel María:
A cuadrilla de segadores que nos presenta na revista Grial está formada por tres parellas, tres homes e tres mulleres, en total son seis persoas, naturais dunha pequena aldea de cara a Parga (Lugo), onde os veciños menos arriscados, os menos fortes e os máis vellos ían ás segas a Lugo porque os máis novos e os máis arriscados collían para Castela.
As segas de Lugo comezaban polo san Pedro e había cuadrillas de alugados que tiñan clientela fixa e quedaban apalabrados dun ano para outro. A terra de Lugo para os alugados comezaba en Paradela e remataba en Rábade.
O mercado máis importante de alugados era o de Lugo e facíase na porta de san Fernando, alí era onde se contrataban os alugados axustando as contas, regateando, facendo que se ían para volver despois e facer o trato máis tarde.
As fouciñas para a seitura facíanse na maior parte en Laxosa ou Santa Comba, vendíanse na feira de San Pedro en Nadela, tamén en Lugo e en Rábade. O traballo da seitura, tanto o da herba como o da palla eran durísimos. A faena da seitura comezaba ás sete da mañá, cando se lles daba aos alugados un anaco de pan e unha copa de augardente "para matar o verme" e ás veces un anaquiño de queixo. Logo saíase para a agra e afiábanse as fouciñas. En cada parroquia había un bo corredor encargado de "correr ós alugados"... era o que ía diante da cuadrilla, posto polo amo. Sobre as nove levábase o almorzo á leira que consistía en caldo de rustrido ou papas. Rematado o almorzo vólvíase afiar e á unha chegaba a cesta do xantar na que ía caldo e pan con touciño e tamén, ás veces, viño. Seguíase segando ata as sete da tarde, que se facía a merenda outra vez con pan e touciño. A partir desa hora ata a posta do sol xuntábase o pan e facíanse os medeiros, que cada un levaba a carga dun carro do país. Á posta do sol recollíase a cuadrilla e dábaselles de cear na casa onde estaban contratados. Os alugados durmían na palleira ou na cociña nun feixe de palla. Pola mañá ao raiar o día, erguíanse, lavábanse un pouco ao pé do pozo e outra vez a principiar o choio.
Os alugados de Manuel María son contratados en primeiro lugar polo Sr. Gonzalo de Buratai que lles puxo un "corredor" que os rebentaba tendo que marchar e renunciar ao cobro dos seus xornais, logo foron contratados por un señor de Lugo que tiña casa no barrio do Carme, que os tratou moi ben. Manuel María xa o fai adrede poñendo antes a este señor para ser despois contratados por un Valuro de Samartiño, desta maneira pon en solfa o tratamento do Valuro, que era o veciño máis rico da parroquia e... por algo sería, porque "na casa do Baluro traballa todo dios", sendo el o que vai diante dos alugados na seitura, facendo de "corredor" da cuadrilla de alugados o propio amo. A muller do Valuro anda coas atadoras e de vez en cando róñalles. O fillo de doce anos xunta nos mollos e "anda lixeiro como unha donicela".
Hai que destacar que a casa do Valuro é a de xente moi traballadora, incluso podemos dicir que viven por e para o traballo pois o Valuro mentres os alugados cean, el dá de comer ao gando, tamén é el o que vai segando diante e marcando o ritmo da seitura. A súa dona vai tamén á agra atar os mollos e de cando en cando sóltalles unha fresca ás atadoras para que non se entreteñan, manifestando así o EGOÍSMO da Valura cando di:
- Hai que baixar máis a man a esas pallas
- O ben de Deus non é para apedrar

O mesmo fillo de doce anos é capaz de xuntar os mollos de cinco fouciñas e sempre caladiño, sen dicir nin un chío.
Este egoísmo extremo que nos pretende mostrar Manuel María nos valuros, artéllao tamén na comida que lle ofrece aos alugados, así, pola mañá dálles un a anaco de pan seco antes de saír para a agra, faltando a perceptiva augardente; ao almorzo lévalles caldo de rustrido; non se comen as once nin a merenda e o xantar e a cea fanse con touciño cru, marelo e "dun grosor dunha mao travesa"; o pan é mouro, como o carbón, e o viño está ausente.
Este egoímo está tamén presente no feito de que o Valuro quere facerlles traballar de máis pois teñen que levar cadanseu feixe de herba para o gando despois de facer a seitura e aínda por riba quere que lle pillen, sen cobrar, outra leira que quedou, para que o fagan ao día seguinte, ao que se negan os alugados e motivo que expón o Valuro para que lle fagan, logo, unha rebaixa do tratado, ao que tampouco acceden os alugados.
Nós rematamos con estas significativas palabras do propio autor:
"...Homes como o Baluro hai moitos. Xentes que se pasan a vida traballa que traballa cansándose como burros pra nada e pra ter o mesmo que teñen os demais. Hai que deixar a cada un coa súa teima. O Baluro é posíbel que non sexa mal home".

Salve Valuria!


NOTA:
GRIAL. Revista Galega de Cultura. Nº 14. Octubre. Novembre. Decembre de 1996. Vigo. Manuel María.- Os Alugados. Páxs 442-443.

Texto: Xosé Otero Canto
Fotografía: Anxo Grande Penela
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES