Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A miña pedagoxía

martes, 07 de noviembre de 2023
Están a cambiar tanto as cousas que, en calquera momento, substituirán ao mestre por un robot cos últimos avances da intelixencia artificial e mandarannos para casa. Mentres iso non sucede, cómpre que os que nos dedicamos ao oficio de ensinar revisemos os principios pedagóxicos que nos inspiran a facer cada día mellor o noso traballo. Así o tento desde que dei as miñas primeiras clases a finais dos anos 80, e, aínda que fun cambiando, permaneceron comigo uns cuantos principios.

A entrega é o primeiro de todos, sen escatimar o tempo e o bo humor, cando un ensina. Utilizar todos os medios ao noso alcance para que quen nos escoita poida comprender o que dicimos. A linguaxe verbal, tan rica se é ben utilizado, debe ser completada coa linguaxe non verbal e todos os soportes técnicos que nos permitan chegar ao alumnado.

Expresarnos oralmente con rigorosidade e brillantez non está rifado coa amenidade necesaria para non perder a atención do noso auditorio. Ás veces hai que introducir algunha anécdota simpática ou algunha historia curiosa que nos devolva aos que perderon o fío da clase.

Non deixar de formarse, no caso do ensino universitario, de investigar, para que os coñecementos que transmitimos non estean recesos. Ler e aprender sempre para non caer nun ensino repetitivo e mecánico.

Nunha época sobresaturada de información, non importa só transmitir coñecementos senón ensinar o mellor camiño para chegar a eles. Sen regatear o tempo que dedicamos a ensinar nin o espazo: a aula, a titoría presencial, o correo electrónico. Educar é unha tarefa permanente.

Di o refraneiro que "ninguén nace ensinado se non é a chorar", por iso debemos ensinar paciente e amorosamente, lembrando como foron os nosos primeiros pasos e sobre todo que, tamén nós, descoñecemos bastante máis do que sabemos. Non lembro unha soa clase que non me devolvera a alegría de vivir, por moi triste que estivese antes de entrar na aula. A poeta chilena Gabriela Mistral escribiu: "O bo sementador sementa cantando". Ese é o segredo.

Marcelino Agís Villaverde, Catedrático de Filosofía.
Agís Villaverde, Marcelino
Agís Villaverde, Marcelino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES