Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Só irmás e irmáns

domingo, 05 de noviembre de 2023
No anterior domingo comentabamos que no Novo Testamento as leis e mandatos do Antigo Testamento quedaban reducidos a só dous. Se amamos a Deus con todo o noso corazón e o próximo como a nós mesmos, énos abondo. En consecuencia, tódolos demais preceptos ou prescricións só terían valor en canto nos axuden a medrarmos no cumprimento destes dous grandes mandatos.

Pois ben, a verdadeira razón de que isto sexa así está directamente en relación coa mensaxe fundamental de Xesús, que consiste en que temos un Deus Pai amoroso e que, xa que logo, somos todos irmáns.

Tal mensaxe vén sendo unha verdadeira bomba democratizadora nas relacións entre as persoas, pois condúcenos a unhas prácticas moi semellantes ó que ocorre, ou polo menos debería ocorrer, nunha familia. Nesta hai igualdade e diferenza. Algo semellante ó que ocorre, de maneira sublime, no seo mesmo de Deus, da súa Santísima Trindade. En Deus, o Pai, o Fillo e o Espírito Santo son diferentes entre si na súa única divindade.

Así como Deus nos converte a todos en fillos seus, chamados a sentármonos a unha mesma mesa con el, así tamén os fillos no seo dunha familia sentan nunha mesma mesa de amor, confianza e ledicia cos pais. É grande o sufrimento nas familias cando isto non ocorre así.

Dunha ou doutra maneira ó longo da historia, a sociedade en xeral e tamén a mesma igrexa en certa medida deixaron de tomar en serio esta fonda mensaxe de Xesús. En vez de primar sempre, e de maneira clara e concreta, a relación de mutua irmandade, amor e xenerosa confianza entre todos, ocupou o seu lugar non poucas veces unha relación autoritaria, xerárquica, do "ordeno e mando".

No Novo Testamento convídasenos, en cambio, a todos a comportármonos sempre mutuamente como irmáns e fillos dun mesmo Pai. A teor disto, é só Deus o que debe ser nomeado e invocado como ”mestre”, “pai” ou “guieiro”. Ningún outro na terra debería deixarse nomear ou invocar con tales títulos. “Non vos fagades chamar mestre –dísenos nel-, pois un só é o voso mestre e todos vós sodes irmáns. A ninguén na terra chamedes pai, porque un só é o voso Pai”.
Naturalmente, o importante aquí non é o "nome" simplemente. O decisivo é que na utilización de nomes coma eses se veña destruír algo fundamental: a relación de igualdade e irmandade entre tódalas persoas en canto fillos dun mesmo Pai.

Por iso non creo esaxerado dicir que nesta mensaxe radical de Xesús ha de ter toda democracia ou igualdade que se precen a súa verdadeira medida. Mentres existan, tanto na sociedade en xeral como no seo mesmo das prácticas da igrexa, relacións que non se axeiten a estas ensinanzas de Xesús, non podemos dicir que estamos ante un comportamento autenticamente cristián.

Os cristiáns, se dalgún título nos deberiamos gloriar, é –a teor do dito- o de sermos, non de palabra, senón de obra, verdadeiros "servidores" dos demais. Mentres non tomemos isto en serio e de maneira práctica e concreta, tampouco nos deberiamos considerar membros exemplares ou "importantes" na igrexa. Unha vez máis nolo indica Xesús: "O máis importante entre vós ha de ser servidor voso". E "servidor" significa tamén que temos que ser comprensivos con todos, tanto a nivel material como tamén moral. A iso apunta de feito o noso Mestre cando critica impoñer cargas ós demais que nin sequera somos nós capaces de impoñérmolas a nós mesmos.

Temos que loitar no mundo de hoxe para que este espírito que podemos chamar radicalmente "democrático" de Xesús habite na nosa igrexa e en todo o mundo, na sociedade e nas diversas culturas. Non poucos dos movementos relixiosos, sociais ou políticos que estamos a presenciar na nosa época ou dos que podemos ter noticia parecen camiñar nesta dirección. Non se pode permitir que os que están por enriba dos outros polo seu poder económico ou político afonden aínda máis as súas diferenzas respecto dos máis necesitados de medios materiais para viviren con dignidade.

Nisto son tamén con frecuencia os pobres os que nos dan exemplo dese espírito de irmandade ou fraternidade do que se nos fala no evanxeo. Só unha pequena anécdota. Hai xa algún tempo e por esta época outonal do ano estiven nunha das moitas pequenas parroquias desta nosa querida Galiza, onde abondan os castiñeiros. Pois ben, atopeime alí cun labrego xubilado, que vive só. Díxome, en voz baixiña e sen fachendear, que pasaba moitas horas do día recollendo ourizos e castañas dos seus soutos e veigas para as levar el mesmo non para a súa propia casa senón para a Cáritas máis próxima, onde as reciben con alegría e agradecemento. O sinxelo e humilde labrego aprendera a servir, a ser servidor dos demais.

Moito deste espírito fraternal e igualitario debería ter o apóstolo Paulo, cando el mesmo lles di na súa carta de hoxe ós Tesalonicenses que se sentía cheo de tenrura con eles, comportándose, di el, "como unha nai que agarima os seus fillos" e "traballando, ademais, noite e día –continúa Paulo a dicir- para non ser unha carga para ningún de vós".

Este espírito fraternal e servidor de Paulo é sen dúbida o mesmo espírito do Xesús que antes o derrubara do cabalo pra o converter en decidido anunciador da boa nova.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES