
A cidade ten unha programación de exposicións sempre interesante. Ás veces algunha destaca moito, outras veces van todas formando un bosque que dá aire á urbe, pero sempre sempre permite dedicarlle un par de días a ese ocio cultural que nos dá paz interior e nos sitúa no mundo.
Estes días atopamos na Casa do Cabido Lorca en Compostela, comisariada por Henrique Alvarellos, o artífice de artefactos culturais que sempre van máis alá dos libros que edita. Preséntaa así "Santiago de Compostela exerceu en Federico García Lorca unha enorme atracción. Visitou a cidade en varias ocasións en 1916 e 1932, e aquí publicará os seus versos en lingua galega, os insólitos Seis poemas galegos (Edicións Nós, 1935)".
Atopamos manuscritos debuxos orixinais seus, fotografías das súas viaxes a Galicia e Santiago, vídeo da montaxe de La Barraca na praza da Quintana, diferentes edicións dos seis poemas, cartas dos amigos, reprodución do poema caligráfico a Rosalía...
A exposición envólvenos, fainos entrar naquel tempo glorioso de República e cultura, de debuxos creativos e textos poéticos. Un fragmento De Santiago a Coruña que aparecerá recollido posteriormente no seu libro Impresiones y paisajes emociónanos porque esa maneira de escribir de Lorca é puro magnetismo aínda cando non pretende facer arte. E a letra, esa marabillosa caligrafía con riscadas e borróns. Cando visita por primeira vez Santiago e Galicia, aos dezaoitos anos, e declara Esto me hipnotiza, cando escribe a Salutación elegíaca a Rosalía de Castro, aínda en proceso de revisión e corrección:
Desde las entrañas de la Andalucía
Mojados con sangre de mi corazón
Te mando a Galicia dulce Rosalía
Claveles atados con rayos de sol.
Que este ramo llegue a tu sepultura
Tal como una llama de las que el Señor
Para iluminarlos en su noche obscura
A los doce apóstoles un día envió.
Caigan los claveles en tu calavera
Manchando su blanco marfil de pasión
Y hagan el efecto de una cabellera
Con trenzas de sangre nevada de olor
Llevan el rocío de mi madrugada
Pondrán en tu cráneo vacío mi amor
Y en tus manos tristes rumor de Granada
Llenando de estrellas a la noche atroz
Que como ceniza de sombra quemada
Cubre la covacha de tu panteón.
Enriquécese, a mostra, coas imaxes que Lorca foi introducindo nun par de libros dedicados a un amigo e cos retratos que do poeta realizaron os seus amigos galegos: Maside, Seoane e Cebreiro.
O espazo destila esa atmosfera de creatividade en estado puro, que se produce ás veces cando algún anxo baixa á terra a visitarnos, cando nalgún tempo florecen os valores cidadáns coas artes e a cultura no sitio que lles corresponde e todo resplandece... ata que chegan as sombras a cubrilo todo.