Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A arte dos palíndromos

jueves, 02 de noviembre de 2023
Henrique Neira é un xornalista, escritor, historiador, debuxante e investigador. Na actualidade exerce como profesor de galego.

A súa produción como escritor é moi variada, percorrendo camiños que van da internet á informática, da historia local á ilustración ou á fotografía, do estudo acerca de diferentes lugares da Ulla á música e ás festas, da literatura infantil á poesía de A arte dos palíndromospalíndromos... Semella que nada lle é alleo.

En 2021 publicou dous libros de palíndromos, nos que demostra a súa capacidade de analizar as palabras ata dar cos versos (case) matemáticos. Palíndromo que vén do grego palin e dromos: volver e ir para atrás. Un xogo literario, unha proba lingüística, un verso a modo de número capicúa que se suma aos seguintes nas liñas que seguen e compoñen un poema. Así o define: "pode lerse indistintamente de dereita a esquerda e de esquerda a dereita sen que cambie o sentido". Así explica o seu traballo: "No verán de 2020 tiven a curiosidade de indagar cantos palíndromos podería obter nunha consulta a un pequeno dicionario de lingua galega. Vendo que obtivera un bo feixe de palabras palíndromas e algunhas que podía xuntar con outras letras con vocábulos para conseguir novos palíndromos, busquei novos termos e empecei a compoñer aproveitando que os contidos de moitas das frases así escritas pertencían a campos semánticos semellantes".

Dous libros: SÉCULO BO LUCES publicado por Medulia e que dedica á súa familia de aquén e alén mar, nel títulos como "O de medO", "E Ada fada é", "Sabre, herbaS, Saga, dagaS", "Se tarde, hedra, teS", O rol, ó lorO", "O ánimo domínaO", "Soños e desoñoS", "Aí se opere poesíA", "Oda dadO", "É teatro, horta e tÉ".

Del son, tamén, as imaxes da cuberta e páxinas interiores: fotografías de portas que semellan abrir o camiño a eses versos que buscan a beleza tendo en conta a simetría; unha aritmética lírica que semella transcender o propio vocábulo para entrar nun camiño espiritual que xoga co misterio. Hai algo de enigma nese significado que se duplica nos dous sentidos.

Sucede o mesmo en A ULLA VAL LÚA onde ademais de fotografías atopamos debuxos da súa autoría e que aparece publicado por Andavira. Unha introdución avanza "Unha breve reflexión sobre os palíndromos" onde Neira dá razón das súas dotes de investigación acerca desta presentación literaria e asesora a súa construción. Aparecen aquí poemas con títulos tan suxestivos como "Arde VedrA", "O eco óeo o ceO", "AlalÁ", "O son é nosO", "Naos soaN", "Arao voarA", "Aire e ríA", "Aire seríA", "Aí íA", "¿Somos, non somoS?" (que para non faltar ás regras ortográficas podería ser un "Somos, non somoS" que segue a ser tan galego como a dúbida, como esa manía de unir os contrarios, de afirmar que Deus é bo pero o demo non é malo") para rematar con algo tan magnífico como "Amo idiomA". Títulos que nos anticipan o que atopamos nos poemas.

Xa Gonzalo Navaza escribiu o libro de poesía A torre da derrota que nos emociona nese título no que fronte á altura se ergue a caída no fracaso. Igual que no palíndromo se xoga coa dereita e a esquerda, aquí faise co arriba e abaixo. Subir para caer, erguerse para a desventura.

Pere Tobaruela, ese catalán que defende a nosa lingua, escribiu outro libro de palíndromos, neste caso dirixido á rapazada: SoñoS, nos que enreda coas ilustracións. E agora faino Henrique Neira, para que o xogo continúe.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES