Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ante as eleccións galegas: Esixamos só o posible!

domingo, 15 de febrero de 2009
Seguimos a ser realistas. Non nos queda outra saída aos electores galegos, incluídos os abondosos (e poida que tamén decisivos, outro ano máis) electores da emigración. As circunstancias actuais de Galicia, o seu arco parlamentario e a situación do bipartito e da oposición, non nos deixan seren totalmente libres. Nin tampouco o son os propios candidatos e os partidos que os sosteñen; nin o pobo sinxelo que está metido neste baile, fóra de ritmo, tempo e compás. Para máis inri, sen comelo nin bebelo. Temos unhas eleccións moi enleadas, condicionadas e mesmo presas dos egoísmos dos partidos. Por todos lados. Xa o iremos comprobando, polo miúdo. Se fose hai corenta anos atrás, todo sería distinto. Estariamos ilusionados e dispostos a esixir e a conseguir... o imposible!

Permítanme unha pequena digresión na achega desta semana. Deixemos voar a utopía daqueles tempos de ilusións e de esperanzas. (Anos 68/78) Maxinen, por un intre, que os actuais partidos, con posibilidade de gobernar (PP, PSOE e BNG) antes do comezo da campaña final e á vista da crise económica que afecta de maneira especial a Galicia (por ser unha das máis pobres do Estado) e porque, ademais, TODOS nos teñen confesado o “seu grande amor á xente e á terra”....acordasen (tamén TODOS, de común acordo, como fixeron antonte co pacto sobre a AP-9) repito, acordaran suprimir todos os actos partidistas? Sabemos dos enormes custes da propaganda. Millóns de carteis, concentracións, viaxes, pancartas, prensa, radio, televisión...Millóns de euros, en tempo de crise económica! Sería tan absurdo dedicar estes millonarios presupostos a resolver os problemas urxentes dos galegos sen traballo e con fame!? E se lle sumamos os que van cobrar TODOS (gañadores e perdedores) polos nosos votos, non lles parece sería boa inversión solucionar os problemas reais de Galicia e demostrar a querenza real dos políticos aos galegos/as!? A idea pode soar a utopía, a imposible! Pero mostraría carraxe, valentía, senso común, actitude de servizo. Un xeito de pór ao pobo por diante!.

Volvemos á evidente e crúa realidade. As necesidades de Galicia.están á vista (paro, pobreza, desigualdade, soidade, abandono rural, miseria...) Saben dela os políticos, aínda que non teñan nin gañas nin forza para remedialas. O amor dos candidatos á súa Xente e Terra, non aparece, con claridade. Nótase nos feitos, nas preferencias polas que loitan. Están por diante os devezos persoais e de partido. Os do bipartito, os que hoxe teñen o poder, están cheos de medo; sobre todo, medo a perdelo; dependen uns dos outros; non son libres; por riba, non teñen as mesmas ideas sobre Galicia, España, nosoutros, os galegos/as. No canto de se axudaren (coa auto/crítica compartida e seria) dedícanse a zumbarlle ao PP ( “Ignóranse 15 días para abrazarse outros catro anos”, Lois Blanco) Non se teñen amor, só respecto. Interesado. Tamén se contaxiaron, en pouco tempo, do que criticaron. (Terceira Idade, bombo, postos de traballo, gastos superfluos, cacicadas...) Somos sabedores do que pensa cadaquén pero non do que pensan e van negociar. Nosoutros, os votantes, non contamos para nada. Pola banda da oposición, nin aprenderon dos seus erros pasados nin deron asimilado os principios da democracia (aínda que a nosa estea en panos menores) e non dan superado o tic da prepotencia e do poder, contando máis con Madrid que coa Terra. Coma os outros, escandalizan no xogo e feira dos votos emigrantes. A todos lles coñecemos os seus amores “primeiros”. Dá mágoa confirmalo.En ningún deles (goberno/oposición) aparece o pobo en primeiro lugar. Por riba, algúns non queren debater (para non ter que amosar as súas miserias) e outros, prescinden de varios temas (¡prohibido en tempo de eleccións!) coma os plans eólico, acuícola, a lingua, os sobresoldos, o voto emigrante, a comunicación, os salarios, mesmo a especulación do ladrillo...¡Veto total porque TODOS (máis/menos) están tamén moi encerellados e mesmo bastante emporcados!

A loita e desconcerto dos partidos, multiplica o desconcerto nos electores. Medran as dúbidas e desconfianzas. Non é para menos! Seguimos alimentando o tan aborrecido caciquismo. Máis cínico e mal intencionado có do tempo dos nosos avós. Sabemos do que falan e tamén do que están a calar “descaradamente” Hai temas que non se tocan. Debe ser porque se nota demasiado a contradición entre o que din e o que fan e porque mesmo cheiran mal. Sinto moito ter que renunciar ás utopías (ao imposible hoxe que, entre todos, podemos facer posible mañá!) e ter que me contentar con procurar acertar co mellor do posible e real. Supoño que á maioría dos galegos/as lles pasa o mesmo. Estamos máis seguros do que non queremos nin debemos votar ca de saber quen o podería facer mellor. A votación preséntase difícil e complicada. Seguen a abondar as verdades a medias que ven a ser outro xeito de mentir. Por comisión e/ou por omisión. Seguen a tomarnos o pelo. Fálannos coma se estiveramos total ou parcialmente cegos ou fosemos bobos de remate. E iso, ademais de estar moi mal, non o merecemos.

Certamente, desta vez, todos (candidatos e pobo) témolo moi complicado. A ver se nos convencen e van configurando programas reais, cribles e posibles Aquí está a raíz do problema. Se non se percibe a posibilidade dun mellor e xusto reparto dos bens de todos, postos con xustiza, ao servizo da Comunidade (a tan cacarexada solidariedade, na boca de todos); se non son quen de se presentar a debater, coa verdade polo medio, de todos os problemas da Galicia real; e non nos dan convencido (con razóns visibles) da verdade das súas propostas e promesas...mellor, que calen! Os políticos teñen que ser os primeiros en arrimar o lombo e pórse na dianteira á hora de se solidarizar cos máis pobres, rebaixándose os seus soldos escandalosos, gastando menos, dando exemplo coas súas vidas. De momento, están a facelo ao revés. Están a ser e a se presentar, de xeito público, como ante/testemuñas do que nos din aos demais. Seguen a faltar feitos. Os que convencen. Mesmo no Evanxeo se nos deixou dito: “...polas obras os recoñeceredes!”.

(A próxima semana vainos traer outra morea de novidades. Positivas e negativas)
Mato, Xesús
Mato, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES