Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Vilalba, en tren

miércoles, 18 de febrero de 2009
Cando eu era pequeno en Vilalba cantábase aquelo de “Santa Marta tiene tren /pero no tiene tranvía”. Eu non sei se esa Santa Marta sería a de Ortigueira, que a fin de contas ten o tren da costa, e Vilalba soñou con el durante moito tempo.

O tren significou a chegada do progreso a moitas cidades e hai que fixarse en Curros que proclamou á locomotora como o Cristo dos tempos modernos. E foi vital, fixándonos por aquí cerca, para Lugo, para a Pobra de San Xiao, Sarria, Monforte, e xa non digamos para Rábade, Begonte ou Baamonde, resultando Baamonde a estación natural de Vilalba.

Vilalba puido ter tren se se houbese executado algún dos proxectos que xurdían como fungos na segunda metade do século XIX, no que as comunicacións se consideraban do maior interese.

Do mesmo xeito que agora as comunicacións por estrada cruzan territorios, vertebran comarcas, unen poboacións e permiten a circulación a gran velocidade por Galicia, hai que ter en conta que naquel xa lonxano tempo ninguén podía prever que os vehículos automóbiles puidesen existir e moito menos proliferar. En cambio o tren era unha realidade relativamente barata na que o máis costoso era o tendido dunha vía ferrea pola que circulaba o xigante de ferro.

Hoxe na provincia existen os tendidos férreos de Coruña a Madrid e o ferrocarril da costa, tendo desaparecido o tren entre Vilaodrid e Ribadeo para sacar o mineral obtido nos fornos de A Pontenova. Pero quedaron no camiño, en puro proxecto, as lineas que propugnaba a Sociedade Económica de Amigos do País, que entre outros prevían ferrocarrís entre Baamonde e Foz pasando por Vilalba, un ramal de Vilalba a Viveiro, outro de Vilalba a Ferrol, e outras vías que unirían a Lugo con Ribadeo xa fose pasando por Meira e A Pontenova, xa polo corazón da Terra Chá, e mesmo por Vilalba e Mondoñedo. Todo quedou en proxecto, e a construcción de estradas, a mellora paulatina destas e a xeneralización dos automóbiles de uso privado arrumbaron para sempre estas vellas ideas e proxectos.

E sen embargo, o tren segue a ser moeda política e punto importante nesta campaña electoral. Ricardo Varela, número un do PSOE por Lugo, prometeu en Monforte unha boa conexión por tren -e por estrada- coa meseta e o resto de España. E o Ave entre Portugal e Galicia funcionará aló pro 2013, para o que só faltan catro anos.

Para o Ave estase traballando con atención especial a A Coruña, Santiago, Vigo e Ourense, quedando Lugo fóra de atención prioritaria porque a conexión con Madrid vai desde Ourense por Lubián, e a via que entra por Monforte está aínda en estudio.

Lugo ten unha autovía en dirección a A Coruña e Ferrol porque quedaba nun obrigado camiño. No tema do tren non é así e a pesar de que quedamos nun razoable camiño físico, estamos a velas vir aínda que nos conten todos os contos do mundo.

En fin, que para ir en tren de Lugo a Ribadeo haberá que ir por Coruña, Ferrol e toda a costa. O que parecía razoable, rendible e sinal de progreso hai máis de cen anos, non será posible alomenos noutros tantos.

Que xa veremos, porque agora fiamos todo no automóbil e nas estradas, pero a ver que ocorre andando o tempo cos combustibles. Xa se propugnan coches eléctricos para non ter que consumir petróleo, e as industrias máis importantes do ramo – Citroen en Galicia e Renault en Valladolid- fían nestes coches e nas axudas do Goberno o seu futuro.

Quen sabe se no futuro se chega á conclusión de que o tren volve ser interesante e Vilalba resulta ser punto de referencia para a conexión do norte da provincia co centro e co sur.

Cousas máis difíciles se teñen visto e conseguido.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania