Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Querer a todos para querer a Deus

domingo, 29 de octubre de 2023
Aproveitándose das trapelas que lle preparaban os representantes oficiais da relixión xudía do seu tempo, Xesús segue a nos ofrecer a súa visión sobre temas importantes que afectan a nosa vida. É o froito da súa íntima e inimaxinábel relación con Deus-Pai. O que el nos di ou comenta non é senón o que o seu Pai Deus e pai noso tamén nos quere comunicar.

"Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?". Tal é a pregunta que lle fai a Xesús un doutor da lei de entre os fariseos. Pregunta en principio doada de responder. Deus é o primeiro de todo, a nosa orixe, o que nos deu vida, o que nola sostén e o que quere que esta nosa vida perdure, tras finarmos, por toda unha eternidade. O Deus trino e un non tiña necesidade de nós para nada. Por iso, se el quixo que existísemos foi só porque nos quere, porque desexa facernos partícipes a todos da súa vida e do seu amor. A consecuencia é que deberiamos agradecerllo e amalo. Un amor a Deus que se ha de realizar "con todo o corazón, con toda a alma e con todo o entendemento".

Mais Xesús, na súa resposta, irá máis alá da pregunta formulada polo doutor da lei. Porque el quere darlles a entender ós seus interrogadores que as cousas que se refiren a Deus e a este primeiro mandamento cambiaron radicalmente dende que el mesmo é o "Deus connosco", o Deus encarnado, o Deus que se fai compañeiro e irmán noso. Resulta así que o Deus do Antigo Testamento é agora un Deus que lle dá unha importancia infinita a toda persoa. Todos somos agora fillos de Deus e irmáns do seu Fillo primoxénito.

Dende que Deus Pai, xa que logo, se quixo facer presente, de maneira inimaxinábel e insospeitada, no seu Fillo humanizado, non é abondo xa con dicir que amar a Deus é o primeiro mandamento. Non. Hai que lle engadir decontado a tal mandamento que hai outro segundo mandamento sen o cal o cumprimento do primeiro non resulta suficiente nin sequera chega a se cumprir de verdade.

É por isto xustamente polo que el dirá que o segundo mandamento é "semellante" (así mesmo: pensémolo ben), "semellante" ó primeiro. Un segundo mandamento que na súa formulación é moi breve, mais de longos e amplos horizontes e esixencias: "Amarás o teu próximo como a ti mesmo".

En resumo, non se pode dicir que un cumpre co primeiro mandamento se non cumpre con este segundo. Ninguén pode dicir que ama a Deus se non ama o seu próximo, o seu irmán.

Xesús sinala incluso unha medida deste noso amor ó próximo. Trátase dunha medida de moi doada comprensión. A diferenza do primeiro mandamento, sobre o que se nos di que o debemos realizar ou cumprir "con todo o corazón, alma e entendemento" (e que nos pode resultar unha medida incomprensíbel e inalcanzábel), as cousas cambian ben no que se refire ó segundo. Ou é que non sabemos como nos queremos ou amamos a nós mesmos? Máis que sabelo, vivímolo en todo intre e en calquera circunstancia. Procuramos que non nos falle o aire para respirar, os alimentos para comer, a casiña ou o pisiño que nos protexan e defendan etc. etc. Iso de amármonos a nós mesmos facémolo coa meirande espontaneidade e naturalidade do mundo e sen que nolo mande ninguén. Se a cousa así non fose, dende hai moito tería desaparecido a humanidade e nós non estariamos aquí.

Pois ben, esa é a medida que se nos pon para cumprirmos o segundo mandamento: amar os demais como cada un se ama a si mesmo. Unha medida que, por comprensíbel e doada de entender que sexa, non deixa de ser moi alta e esixente.

O quererse a si mesmos, o "egoísmo" ben entendido, é no entanto algo que se converte en esencial para sabérmonos orientar no amor a Deus e ó próximo. Se alguén non se quere realmente a si mesmo, dificilmente será quen de querer os demais e o mesmo Deus.

En relación con isto, nalgún sitio lin algunha vez que na vida cristiá deberiamos ocuparnos de tres cousas esenciais, que teñen todas relación co amor. O amor é unha única realidade con tres caras diversas: amor a Deus, amor ó próximo e amor a si mesmo. Dende nenos aprendemos, en relación coa Santísima Trindade, que hai "tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro". Pois ben, en relación co amor, poderiamos dicir algo semellante: hai tres amores distintos e un só amor verdadeiro. Eses tres amores distintos son o amor a Deus, o amor ó próximo e o amor a si mesmo. Tres amores nos que se amosa de distintas formas o mesmo e único amor que debería presidir acotío as nosas vidas.

Dende o Novo Testamento simplifícase así o noso modo de proceder e de actuar na vida, reducindo a multitude de mandados e prohibicións que tiñan os xudeus a só dous mandados ou, se queredes, a tres: amar a Deus, amar o próximo e amarse a si mesmo. O último, amármonos a nós mesmos, é normalmente cousa doada. O problema está sobre todo no segundo mandamento, o de amar ó próximo, porque se o cumprimos cumpriremos xa tamén o primeiro. Os coñecedores das prácticas relixiosas dos xudeus e dos rabinos que os instruían no tempo de Xesús infórmannos de que se podían contar, nada máis e nada menos, que 613 mandamentos, dos cales 248 eran preceptos e 365 prohibicións. Todos eles tiñan, ademais, o mesmo nivel de esixencia.

Podemos dicir que o Novo Testamento nos liberou plenamente deste complicado mundo normativo antigo para centrármonos nunha soa dirección: a do amor. En realidade, se, como proclamaba Xoán, Deus é "amor", entón Xesús, o Fillo benquerido de Deus, non podía mandarnos facer outra cousa có que o mesmo Deus Pai fai: amar, amar o seu fillo e amarnos a todos nós. Amar, esa é palabra que non pasa.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES