Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dende a Marronda: A fala das Campás (I)

miércoles, 18 de febrero de 2009
Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades
Cando vois oio tocar,
campaniñas, campaniñas,
sin querer torno a chorar.
Cando de lonxe vos oio,
penso que por min chamades,
e das entrañas me doio.
Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.

Rosalía, coa súa poesía, fixo que as campás de Bastabales sexan, sen dúbida, das máis famosas do mundo, verdadeiro arquetipo da campá. A súa sona non vén dada nin polo seu tamaño ou grandiosidade, nin por formar parte dalgún conxunto monumental extraordinario. A sona das campás de Bastabales débese á súa sensibilidade, pois, senten, falan, comunican, interpelan, teñen personalidade propia, mesmo nome propio,con son diferente segundo a circunstancia ou a persoa que escoita.

A campá na sociedade tradicional estaba presente nos acontecementos máis importantes da vida das persoas e dos pobos. Na campá da catedral toledana, a Encarnación, podía lerse: “Laudo Deum verum, plebem voco, congrego clerum, defunctos ploro, tempestatem fugo, festa decoro” Esta inscrición define e resume plenamente a diversidade de funcións que podía desempeñar a campá
A campá, ó longo do ano, expandía a alegría da festa, a tristura da desgracia, informaba ou mesmo exhortaba. Agás o Xoves Santo [1] que permanecía muda despois de mediodía. No concello de Baleira, particularmente na parroquia de Librán, despois da última badalada, ceibábase a xugada e tanto o arado como o carro non se movían do sitio.

A xornada diaria estaba marcada polos sinais da campá, de aí tamén o seu nome de sino. O solpor e o toque de ánimas servía de referencia para o último sinal, o de ánimas que soaba unha hora máis tarde, sobre as oito no inverno e ás nove no verán. Nas cidades empezaba a campá maior da catedral e logo respondían as doutras igrexas, sen que puidesen volver a facelo deica á unha do día seguinte, agás que houbese que dar sinal por pontífice, bispo, persoa real ou membros do cabido da mesma catedral. Nas localidades pequenas esta función correspondía á parroquia.
As Constitucións Sinodais de toda España reflicten con minuciosidade a regulamentación existente sobre o uso das campás.

No Sínodo de Tui de 1528, sendo bispo don Diego de Avellaneda, regula polo miúdo cándo e cómo se deben tocar as campás para as máis diversas actividades “que en cada yglesia, despues del sol puesto, començando a escurecer, haga señal com campana... tangan al Ave María nueve badajadas, de tres en tres... y despues de las nueve badajadas ande un poco la campana autorno por tanto espacio que puedan dezir la Salve Regina y el Credo”.

Don Diego de Muros, bispo de Tui entre 1471 e 1487, que tivo graves enfrontamentos co conde de Camiña, don Pedro Madruga, celebra do 2 ó 6 de novembro de 1482 un importante e necesario sínodo, no que entre outras moitas normas manda tocar as campás contra algúns pecadores “...porque ay muchos en nuestro obispado ...que se casan con parientes e cunnadas e en otros grados vedados, e otros que dexan sus mujeres e las mujeres sus maridos e se casan con otros...e que sy requerido no se apartare de tal pecado, el clerigo cura de la iglesia donde aquel es parroquiano tres domingos o fiestas requera en el logar publicamente que lo echen del logar o feligrisía... e sy non lo quyssiere fazer, el clérigo tanna las campanas en testimonio.” A situación da diocese de Tui era calamitosa como se di no mesmo Proemio do citado Sínodo: “E considerando asy mismo que ha trinta e tres annos que la nuestra iglesia cathedral e obispado de Tui ha estado y estuvo tiranizado e profanado, e que los prelados e obispos no podieron entrar en el dicho obispado por miedo de los tiranos que lo tenían e tovieron ocupado”.

En Ourense durante o episcopado de don Francisco Manrique de Lara celebráronse dous sínodos consecutivos, o primeiro o 12 de abril de 1543 coa asistencia de 600 cregos e o seguinte en 1544 coa presencia de 800 clérigos, establece que cando se tema tormenta ou perigos atmosféricos se toquen as campás en todas as igrexas: “Quando los sacerdotes vieren el tiempo rebuelto, y se temiere tempestad o tormenta de aguas o piedra o ayres, hagan tañer al nublo en todas las iglesias todas las campanas”.

Facer soar as campás, con canta máis aparatosidade mellor, era remedio para combater as tormentas de verán e, mesmo, toda clase de males. Pero algunhas eran máis eficaces e avogosas. Por exemplo, as campás deo Santo de Louzarela (O Cebreiro), tiñan un toque especial que se traducía na oración seguinte: “Tente trono, tente tu, Que Dios pode máis ca tu”. Desviaban o trono cara a outras parroquias co conseguinte medo destas. Había persoas expertas para a ocasión, unha delas conta que entre toque e toque facía unha parada e botaba exconxuros cara ó trono, nunha destas, unha descarga obrigouno, con gran susto, a escapar do campanario. Ademais había a crenza de que o estrondo das campás expelía os ventos para outra parte. Pedro Ciruelo explica todo isto polo miúdo na primeira metade do século XVI: que se hagan los mayores estruendos e movimientos que pudieren en el ayre, conviene a saber, que hagan tañer en torno y a soga las mayores campanas que ay en las torres de las yglesias y las que más rezio sonido hagan en el aire... y hagan soltar los más rezios tiros de artillería..., e los tiren contra la nuue, porque la nuue es unha espessura o congelación hecha por el frío...y con las campanas y las lombardas despárzes e caliéntase algo el ayre, e ansí la nuue se dissuelve o derrite en agua limpia sin granizo o piedra. Lo que no era lícito para Pedro Ciruelo era a crenza, moi extendida, de que nas nubes viaxaban os demoños, sen embargo no século XVII, o Padre Noydens recomendaba tocar as campás porque los demonios temen mucho su sonido, y tanto que oyéndolas, echan a huir, como lo testifican muchos y graues Autores.

Disposicións moi semellantes encontramos en todos os sínodos da Península Ibérica. En Portugal, o sínodo de Braga do 15 de decembro de 1505, convocado por don Diogo de Sousa, manda tocar as campás anunciando a chegada dos visitadores, porque non era infrecuente que abades, rectores, capelläes e rendeiros, quando sentem ou sabem que os visitadores ham de hir â igreja honde eles estam, se absentam della por non serem achados e non darem rezam da sua negligencia acerqua da cura de seus freigueses

Pin Millares, Xosé María
Pin Millares, Xosé María


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES