Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Guerrilla girls. Portfolio Compleat, 1985-2016 exponse no CGAC en Santiago.

jueves, 26 de octubre de 2023
Trátase dunha adaptación para o CGAC da exposición producida polo CAAC (Centro Andaluz de Arte Contemporáneo) de Sevilla e comisariada por Tolanda Torrubia (Xefa do servizo de actividades e difusión do Centro de Creación Contemporánea de Guerrilla girls. Portfolio Compleat, 1985-2016 exponse no CGAC en Santiago.Andalucía) e Santiago Olmo (director do CGAC).

Unha exposición que é unha mostra de documentación sobre o colectivo Guerrilla Girls formado en Nova York como un grupo anónimo de artistas de acción feminista que apareceu por primeira vez fronte ao MoMA no que se mostraba unha gran exposición internacional de pintura e escultura na que aparecían trece mulleres fronte a 169 artistas. Apropiándose da linguaxe visual da publicidade transmiten mensaxes críticas que nos obrigan a reflexionar.

Elas, que se presentan cunha cabeza de gorila sobre un corpo de muller acostuman facer preguntas: "Teñen que estar espidas as mulleres para conseguir entrar no Metropolitan Museum de Art?". Nel, en 1989 menos do 5% dos artistas de arte moderno son mulleres pero o 85% dos espidos son femininos.

Trátase do reiterado tema: a muller, especialmente o seu espido é moi representado, pero tarda moito en aceptarse como artista. Aparece na obra cun corpo moi sexuado, ao longo do tempo, dende a escultura grega aos cadros mitolóxicos de corte ou as que ocupan os cadros no cubismo ou o pop, mentres as mulleres artistas eran invisibilizadas (aquelas que traballaban nos obradoiros de pais e compañeiros ou soas). Igual que o uso do espazo público e o privado, o mundo da arte tamén separaba absolutamente o lugar de cada sexo. Mulleres sobre o lenzo, homes co pincel. Mulleres modelos e musas, protagonizando cadros de moito renome como as "majas" e as venus, as prostitutas de Touluse-Lautrec, as Catro Estacións, Lady Godiva, as bailarinas de Degas, as Tres Grazas, a Moza da Perla, Muchacha na Ventana, as Señoritas de Avignon ou a Mona Lisa.

A muller, obxecto do desexo, nobre ou burguesa acompañando ao seu home, virxe na iconografía relixiosa pero non artista que mostra o que fai e pasa á historia da arte. A recuperación de mulleres artistas doutras épocas é algo no que aínda se está traballando: Hildegarda de Bingen, Sofonisba Anguisola, Artemisa Gentileschi, Clara Peeters, Berthe Moristot, María Blanchard, Georguia O'Keefe, Sonia Delaunay, Luísa Roldán, Gertrude Stein, Fride Kahlo, Tamara de Lempicka, Remedios Varo, Maruja Mallo... son algunas das invisibilizadas por décadas.

As Guerrilla Girl chaman a atención con esa mestura iconográfica de corpo feminino sexuado e máscara de gorila para ocultar o rostro, traéndonos a bela e a besta, o delicado e o bruto, King Kon na cidade, os dous extremos postos en contacto. Sempre dende o anonimato, estas mulleres artistas "descoñecidas" asumen ese papel na intervención social. O discurso que presentan denuncia o patriarcado na arte (ese ámbito que pensaríamos libre), utilizando sempre a ironía e o sentido do humor.

Un documento, que se entrega cando visitas a exposición, axuda a observala con detemento ao tratarse dunha mostra máis verbal que plástica. Léndoa imos observando as preguntas: Que teñen en común estes artistas?, Que teñen en común estes galeristas? (para demostrar que os artistas non se preocupan da presenza das súas compañeiras artistas ou as galerías que non mostran o traballo das creadoras), Cantas mulleres realizaron exposicións neste museo o pasado ano?, Cal foi a peor revista de arte para as mulleres o ano pasado?, Nestas galerías menos do 10% das obras expostas son de mulleres, Boletín de cualificación das galerías de arte, Estes críticos non escriben o suficiente sobre as artistas, As vantaxes de ser muller artista, As empresas de autobuses son máis progresistas que as galerías de arte de NY, Cando o racismo e o sexismo xa non estean de moda, canto valerá a túa colección de arte?, Estás vendo a metade do panorama sen a visión das mulleres e das artistas de cor... Porque igual que ocorre sempre co feminismo cando se defende ás mulleres tamén se fai co resto dos grupos "minorizados".

Polo tanto, estamos ante unha exposición para coñecer e pensar.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES