Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Deus non impón tributos

domingo, 22 de octubre de 2023
Se metedes a man no moedeiro ou no peto, cun pouco de boa sorte igual atopades algunhas moedas. Xunto ás moedas de varios céntimos, podedes se cadra atopar algunhas moedas máis xeitosas. Por exemplo, algunha de cincuenta céntimos, que pode ter por un lado a efixie de Cervantes. Outras poden levar a imaxe da aguia imperial alemá. Ou pode que haxa outras coa imaxe do rei de España ou algunha outra na que estea a face dunha raíña de Holanda.

Dende hai séculos os países e imperios gravan nas moedas as imaxes dos persoeiros de máis sona, sobre todo as dos seus dirixentes, democráticos ou non.

Polo que parece, cando os emisarios dos fariseos foron onda Xesús para lle poñer, segundo acostumaban, a consabida trapela, seguramente non levaba ningunha moeda no peto ou, polo menos, fixo como se non a levase. É lóxico que dos poucos cartos dos que disporían conxuntamente el e mailo grupo dos apóstolos alguén se encargase deles en nome dos demais. Sabemos, por exemplo, concretamente que Xudas, nalgún momento polo menos, cumpriu mellor ou peor con tal función.

En calquera caso, o protagonista da escena, que axiña se dera conta da trapela que lle querían montar, soubo tamén (como non?) a maneira de se comportar pola súa parte como cumpría ó iniciar a súa resposta, é dicir, o desenleo da trapela que lle acababan de tender con estas palabras: "Mostrádeme a moeda do tributo".

Naquel tempo, a moeda que circulaba no país de Xudea era a moeda dun imperio colonizador e asoballante, o de Roma. Se hoxe en día algunha das nosas moedas teñen gravada, por exemplo, a efixie de Filipe VI, actual rei de España, o denario que lle presentaron tería gravada por un lado a face de Tiberio, o emperador romano, que ía acompañada destas palabras: "fillo do divino Augusto, digno de veneración, pontífice máximo".

A teor destas palabras da moeda, o emperador romano aparecía perante os seus súbditos, cidadáns romanos ou colonizados (a estes últimos pertencía Xesús e mailos seus apóstolos), como un ser sobrehumano, divino, aureolado co poder civil e mais co relixioso.

O dilema no que Xesús se atopaba viña ser o seguinte. Se dicía que estaba ben pagarlle o tributo ó César, ó emperador romano, entón quedaba moi mal co seu propio pobo asoballado e, sobre todo, coa súa propia relixión xudía, que sostiña que só a Deus se ha de adorar e render tributo. De feito, no espazo interior do templo de Xerusalén circulaba outra moeda propia (non a romana) para simbolizar alomenos dese xeito que a estrutura relixiosa do xudaísmo no podía estar sometida ó poder romano. Por iso operaban alí os encargados do cambio, xustamente aqueles que Xesús noutra ocasión quixo botar fóra do templo derrubándolles as mesas nas que exercían tal función. Eran como modestas entidades bancarias nas que se cambiaba o diñeiro relixioso polos denarios romanos.

Agora ben, se nese dilema Xesús se inclinaba pola outra alternativa, a de dicir que non era lícito pagarlle tributo ó emperador romano, entón convertíase nun revolucionario ou activista político contra as forzas ocupadoras, os romanos.

Non se trata propiamente de que el non quixese enfrontarse coas forzas de ocupación (os romanos), mais a súa misión, tantas veces posta de manifesto por el, non era política, senón moito máis fonda e universal.

A resposta de Xesús ós emisarios dos fariseos manterase seguramente en tódolos tempos como algo que servirá de eficaz orientación para cantos a escoiten ou lean sen prevencións. Concretamente para nós e para os que veñan despois de nós, pois como crentes profesamos fe en Xesús e ó tempo pertencemos a unha sociedade civil, na que rexen normas e disposicións que en principio non teñen por que colidir coas crenzas relixiosas: "Dádelle ó Cesar o que é do César, e a Deus o que é de Deus".

Sepárase deste xeito netamente, contra calquera tipo de confusión, a Deus de autoridades ou instancias políticas. E se algunha vez tivésemos que escoller entre a obediencia a Deus e a obediencia ó poder político, entón xa sabemos por onde ha ir a nosa elección. E case poderiamos engadir incluso que isto vale tamén cando se trata de autoridades ou mandos relixiosos. Ningún poder civil nin relixioso pode suplantar a Deus ou aquilo que na conciencia persoal consideramos como procedente de Deus, ó que nos sentimos obrigados a escoitar e seguir.

Porque Deus só hai un, tal como nolo recorda o profeta Isaías, na primeira Lectura, cando no século VI antes de Cristo puña el en boca de Deus as palabras que el lle dirixía ó rei Ciro II de Persia: "Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai Deus [...] Eu son o Señor e non hai outro".

Mais este mando ou poder de Deus non é para nos asoballar ou converter en escravos, senón para construír fraternidade e igualdade entre todos. Un reino –tal como adoita proclamar a liturxia- de xustiza, de amor e de paz. E por iso tamén toda a nosa xusta dependencia do poder político ou relixioso non ha ter outro motivo nin outra finalidade senón colaborarmos ó ben de todos. Pois, como ben sabemos, máis alegría produce "dar" que "recibir".

"Dar a Deus o que é de Deus" redúcese por iso en último termo a esta outra fórmula: "dar ó próximo, ós demais, o que esperan de nós". Deus non precisa dos nosos dons. El teno xa todo. En cambio, os demais si que poden precisar e precisan da nosa atención. E Deus quere que amemos os demais como nos amamos a nós mesmos. Só así daremos de verdade a Deus o que é de Deus.

Neste sentido, como hoxe celebramos a "Xornada Mundial da Evanxelización dos Pobos" ou "das Misións", é esta unha boa ocasión para lembrarmos na nosa oración e no noso compromiso persoal tantas persoas, elas e eles, que se entregan de por vida a anunciar a boa nova de Xesús por todo o mundo.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES