Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mirar a cidade. Unha visión poliédrica. Exposición de Fuco Reyes

jueves, 19 de octubre de 2023
Sempre me chamou a atención o feito de que as persoas sexan sensibles a uns vértices da realidade e non a outros. Houbo un tempo no que para ser progresista chegaba con ser de esquerdas, pero logo foi evolucionando a visión e era preciso ser ecoloxista, feminista, nacionalista (si vivías nun país ao que lle negaban a identidade), incluínte... Fronte ao nacionalismo sempre houbo unha reticencia, igual porque lles tiña un aire a Mirar a cidade. Unha visión poliédrica. Exposición de Fuco Reyesvello e romántico ou a aldeán e pouco viaxado; díxose de todo para non aceptalo como unha máis das barreiras a superar. Igual que fronte ao feminismo se tenta o bulo para non aceptar que é igualdade de homes e mulleres e non superioridade de ningún dos sexos. Igual que fronte ao ecoloxismo se quere situar o progreso, os avances tecnolóxicos e o futuro, pero non vai haber futuro sen natureza respectada, cunha emerxencia climática que nos consume e unha carreira tola cara á destrución.

Todo isto vén a conto da exposición citada: "Mirar la ciudad. Una visión poliédrica". Como se pode, a estas alturas, titular unha mostra sobre Compostela, en Santiago, en castelán? Seguro que ten razóns: vana ver os turistas (e non os galegos?). De calquera maneira dá pena que alguén que semella sensible a outros campos non o sexa á lingua do país no que vive, a unha lingua "minorizada" en risco de extinción.

As fotos son moi boas e mostran a cidade nun silencio no que o espazo e o tempo xogan nas coordenadas. O vello e o novo, o case abstracto, o minimalismo, o granito construído, o barroco que ocupou o espazo dos textos nos Séculos Escuros, porque cando non se escribía no papel facíase co granito, porque aínda estabamos vivos. Cada tempo tráenos a súa cidade. Cada espazo fala dun tempo. Pode que eu guste do vello visto dende os ollos novos, as torres da catedral chegando a nós a través dunha estrutura actual de liñas rectas e imaxe case xeométrica. A cidade é de todos e de cada unha das persoas que a habita ou visita. O imaxinario de cada paseante tinxe o que ve, dálle un tacto distinto. Pero tamén é certo, que cada camiñante lle deixa a súa pegada, cada mirada lle achega un pouso de luz, cada palabra referida a ela escribe o libro infinito da eternidade do noso tempo. E... morreremos todos, quedarán as pedras.

Compostela é unha aldea, a máis grande de Galicia en palabras de Pedrayo. Unha urbe pola que atravesamos e nos integra cos que viviron antes e os que han vir. Un universo inesperado que nos sorprende cada día cunha beleza imposible. Un lugar no que a arquitectura se mostra para confirmar que o vello vai permanecer pero o novo non sabe envellecer.

A cidade é orixe e destino. Principio e fin, alfa e omega. É a Itaca á que volvemos, na que agardamos que retornen todos os que se foron, na que recibimos a todos os viaxeiros que aman a beleza, a Compostela na que queremos permanecer. Os peregrinos fan fotos a cada instante no Obradoiro; nós percorrémolo catro veces ao día polo menos, en cantas imaxes quedaremos plasmadas? En cantas fotografías se nos verá movidas, borrosas, en movemento, mentres eles miran a cámara, sorrín e disparan. Só agardamos que non leven a alma da nosa cidade, que nola deixen como a atoparon, que a respecten como o facemos aqueles que a vivimos e a coidamos, que a vestimos cada día para recibilos, que a amañamos para que a atopen fermosa, que sandamos cada unha das súas feridas co amor que lle profesamos, dende os antigos tempos, co obxectivo de que permaneza para o futuro, agardando a que toda a humanidade que queira a poda visitar no seu esplendor. Nós coidámola, igual que facemos coa lingua que vén dende as cantigas medievais que se cantaban nas súas rúas e máis alá.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES