Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Delicadeza versus xenocidio (De Oradour-sur-Glane a Nina Reicyn)

martes, 17 de octubre de 2023
A verdade é tan terrible que a extinción en suplicio de todos os nazis xuntos non faría xustiza á morte dun só neno xudeu ante os seus pais no gueto de Varsovia, á dor dunha soa nena xudía ante a morte da súa nai no campo de concentración de Ravensbrück, ao horror dunha única familia perecendo xunta nunha cámara de gas en Dachau ou en Auschwitz, ao traballo forzado ata a morte dun extenuado calquera dos que regalou Franco á canteira de Mauthausen, á fame, á tortura e ao exterminio dunha soa vítima de Hitler ou dos seus cómplices máis ou menos burócratas e máis ou menos banais.

Mais cantas veces queimaron a doce flor da dignidade nos fornos crematorios e cantas incribles veces resucitou pola alquimia da irredutible inocencia en permanente floración: "Resulta incomprensible/ que existise delicadeza/ antes dos xenocidios/ e aínda máis absurdo/ é que existise despois".
Delicadeza versus xenocidio (De Oradour-sur-Glane a Nina Reicyn)
Claudio Rodríguez Fer nas ruínas deixadas polos nazis na vila mártir Oradour-sur-Glane ao vento da historia

Adorno xa é un adorno na poética contemporánea mais como escribir sen ese adorno e como non escribir despois de Adorno contra toda guerra, fame, peste ou dor conscientemente perpetradas. Como non escribir todos os días sobre o máis absoluto mal, como por exemplo o xenocidio perpetrado polos nazis na vila mártir Oradour-sur-Glane, cuxas ruínas musealizadas lembran o masacre de 190 homes indefensos fusilados e de 246 mulleres e 207 nenos metrallados e queimados na igrexa a sangue frío. Como non ler ao benemérito investigador David Ferrer Revull que sen outro interese que o exclusivamente ético rescatou décadas despois a esquecida última mártir da nómina dos dezanove exiliados españois alí inmolados, Ramona Domínguez Gil, que pereceu masacrada xunto ao seu fillo anarcosindicalista, a súa nora e os seus tres netos, os dous menores de nomes tan significativamente identificables co que se pretendía asasinar: Liberto e Armonía.

Por iso eu me inclino ante as fidelidades herdadas máis aló das razas e das linguas e máis acó dos espazos e dos tempos: a refuxiada xudía rusa Nina Reicyn ocultábase na casa das antifascistas galegas -exiliadas no París ocupado polos nazis- Gloria Pérez e a súa filla María Casares, a futura actriz que por certo sempre conservaría o retrato daquela amiga hebrea que lle axudaba a entender, como non, filosofía. A valente e solidaria Gloria, filla de cigarreira da Coruña, pensaba que ninguén podería imaxinar que unha xudía se refuxiase precisamente na casa doutras refuxiadas en situación irregular. Mais finalmente Nina Reicyn foi detida, deportada e exterminada coa súa familia en Auschwitz e desapareceu do mundo ata que María Lopo a rescatou partindo das memorias da súa leal amiga María Casares: "Dende Rusia á Sorbona,/ pasando polo rúa do muíño verde,/ dende Normandía a Estrasburgo,/ pasando pola casa do arco iris:/ os teus pasos desandan os pasos do mal".

E con tenaz paciencia solidaria e comprometido esforzo xeneroso, María Lopo recuperou a memoria de Nina Reicyn localizando os seus escritos, as súas fotos, a súa familia, os seus lugares, en fin, a vida desta amiga electiva herdada da outra electiva amiga que nin a barbarie exterminacionista logrou escamotear a ningunha das dúas Marías nin por tanto ao resto das mulleres.

Porque acaso catro décadas despois da desaparición de Nina Reicyn, María Casares lembrouna para que, outras catro décadas despois das súas memorias, María Lopo a investigase e a dese a coñecer confirmando que a sororidade ten moitos apelidos pero que sempre se chama irmá: por delicadeza ante a barbarie perdeu a vida Nina, con delicadeza contra a desmemoria recuperárona María e mais María. O lume co que os nazis queimaron aquel corpo non queimou o fulgor da lucidez da súa mente, revivida no recordo da súa leal amiga e viva na biografía da súa exemplar valedora contra a inxustiza integral: "A miña ideoloxía/ é a túa delicadeza/ e o meu humanismo/ será sempre a túa ética".

oOo

Véxanse como imprescindible material ao respecto o libro "Recuerda. Españoles en la masacre de Oradour-sur-Glane" e o artigo "Victime oubliée du masacre d'Oradour-sur-Glane" (publicado na meritoria revista do exilio "Les Cahiers du Centre Toulousain de Documentation sur l'Exil Espagnol"), ambos de David Ferrer Revull, así como o próximo libro de María Lopo sobre Nina Reicyn, en algún detalle xa anticipado nos seus numerosos libros en torno a María Casares e na reportaxe "Nina Reicyn, a erudita xudía que non puido salvar María Casares" (publicada por Alberto Ramos en "Sermos Galiza", 11-6-2022).
Rodríguez Fer, Claudio
Rodríguez Fer, Claudio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES