Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Voda de Deus co mundo

domingo, 15 de octubre de 2023
Xesús é ben clariño nas cousas que nos conta. Era un home do pobo e entendíase ben coa xente corrente, referíndose a cousas concretas e a experiencias ordinarias e comúns. Non falaba coa linguaxe dos chamados "entendidos", ós que ás veces non se lles "entende" a pesar de seren considerados "entendidos".

Dito isto, ¿quen non recibiu algunha vez un convite para unha voda ou desexou, polo menos, que o convidasen? E se non ten experiencia do que ocorre nunha festa ou nun xantar de voda, sobre todo se se trata dunha voda popular ou tradicional, convídoo a ler o que escribiu Curros Enríquez no seu engaiolante poema, incluído no seu libro "Aires da miña terra", que leva como título "Unha voda en Einibó".

Entre nós as tradicións teñen moita forza por aquilo que dicía xa o P. Sarmiento no século XVIII:"“os galegos son tenaces en manter os seus costumes". E as nosas vodas en tempos pasados duraban tantos días e eran tan abondosas en xantares, bebidas e demais, que os responsábeis políticos e eclesiásticos (bispos ou autoridades civís, que viñan daquela maioritariamente de fóra de Galicia) tiveron que poñer couto, sobre todo desde o século XVI, a tales excesos. Porque, tal como polo menos argumentaban os responsábeis eclesiásticos ou civís, aquel dispendio podía mesmo chegar á ruína dos que convidaban á voda.

Aínda así, as nosas vodas galegas tradicionais adoitan manter aquela abundancia de material comestíbel, que tanto lles chama a atención ós que veñen de fóra do país. Unha vez tiven que asistir nun dos mellores hoteis (se non o mellor) de Madrid a unha voda de xente de moi alto poder social e político. Sendo como era o acontecemento ben lonxe da nosa terra, non foi nada estraño que alí houbese, si, moita etiqueta e finura de relacións, mais pouco exceso ou abundancia daquilo que a nós tradicionalmente tanto nos vai.

En realidade, o que pretenden os que convidan a unha voda é manter e fortalecer os vencellos de amizade e relacións que unen os noivos e familiares máis próximos cos demais. E iso realízase creando comensalía, amizade e alegría por medio dun xantar.

Sabemos que Xesús no comezo da súa vida pública asistiu como convidado, el e maila súa nai, a un xantar de vodas (as coñecidas como as vodas de Caná de Galilea). Era unha maneira de anunciar, xa desde o principio e de maneira plástica, por onde ían ir os tiros, para dicilo dalgunha maneira... En realidade, o que el nos vén anunciar como mensaxe fundamental, é que todos, mulleres e homes de tódolos tempos e lugares do mundo, formamos unha mesma comunidade de orixe e de destino, unha mesma rede de relacións fraternais. Somos todos fillos de Deus, irmáns polo tanto entre nós e chamados a sentármonos á mesma mesa con el e así írmonos asemellando cada vez máis a el ó participarmos da súa divindade.

Por iso non se acaba de entender moi ben por que somos tan reticentes a aceptarmos un tal convite. Quizais incluso por el se nos presentar como algo tan grande e incríbel que nos semella pura fantasía ou ilusión.

A parábola cóntanos que os convidados á voda do fillo do rei ou simplemente non querían ir, ou formulaban escusas, como a de que estaban moi leados, que tiñan moito que facer ou que estaban metidos ata a cabeza en "negocios" que non lles permitían a asistencia. En definitiva e tal como adoitan dicir as persoas que se consideran importantes. tratábase de problemas de axenda.

Pois ben, fronte ás estudadas escusas dos convidados, o convite vén sendo basicamente unha invitación a respondermos con xenerosidade e agradecemento ó desexo de Deus de que sexamos plenamente felices con el. Xustamente en función diso puxo el desde o principio nos nosos corazóns unha infinda querenza ou tendencia á felicidade. Pois ¿quen non quere ser absolutamente feliz? En perfecta coherencia con tal tendencia ofrécenos el gratuitamente, por pura xenerosidade e graza, estarmos na súa compaña, participando da súa felicidade e do seu poder. Sen que para iso teñamos que andar a escoller, na lista de voda para un tal acontecemento, o pertinente regalo. Pois Deus non precisa de nós cousa ningunha. El é absoluta plenitude e xenerosidade. Só quere regalarse el mesmo a todos e cada un de nós en toda a súa grandeza e en todo o seu amor e xenerosidade.

Á vista de todo isto, o lóxico e axeitado sería, xa que logo, aceptarmos sen máis este inimaxinábel convite de Deus e dedicármonos en consecuencia, en alma e corpo, a vivirmos esta experiencia dun Deus que quixo vir estar connosco para sempre. Unha experiencia á que está chamada a humanidade toda, tódalas persoas de boa vontade.

Porque en realidade a voda da que aquí se fala é en certo modo a voda de Xesús mesmo con toda a humanidade. O Fillo de Deus, ó se encarnar ou converter nun de nós, casa, é dicir, emparenta en certo modo con toda a humanidade: cos homes e mulleres do mundo enteiro, de maneira especial cos máis pobres, necesitados ou discriminados.

Este emparentamento está decidido por Deus Pai e decidido ficará para sempre. Deus non vai deixar que o que el realizou -volvo dicir: a voda do seu fillo coa humanidade toda- vaia ser como unha voda fracasada ou como unha simple voda de conveniencia, formal ou a distancia. Deus levará a cabo os seus designios e as cousas naturalmente sairanlle ben. Algo disto semella xa anunciársenos na parábola cando alí se nos comenta que, a pesar dos egoísmos e particularismos das escusas duns e doutros, a sala de voda se encherá: "Saíron –dísenos alí- ós camiños os criados e xuntaron a tódolos que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda".

A celebración eucarística vén sendo algo así como modelo ou anticipo desa voda da que se nos fala no texto do evanxeo. Empezamos así en certo modo a sentir e saborear a presenza de Xesús entre nós, oíndo a súa palabra e recibíndoo a el mesmo con agradecemento na comuñón, uníndonos así tamén deste xeito simbolicamente á humanidade toda, coa que el, o Fillo de Deus, está permanentemente unido e para sempre.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES