Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Outra ONU é posible?

viernes, 06 de octubre de 2023
Pechou as súas sesións a Asemblea Xeral da ONU. António Guterres, o seu secretario xeral, deu a voz de alarma ante as preocupantes evidencias do cambio climático: "a humanidade abriu as portas do inferno", dixo. E aí quedou como frase lapidaria a modo de síntese deste foro número 78.

Cabe recoñecer que a ONU ten asumido nestes anos un importante papel na loita contra a crise ambiental. É, con certeza, un dos eixes onde acadou certo éxito Outra ONU é posible?discursivo, ao igual que no arbitrio, a pesar das fallas, de respostas no eido humanitario tanto en trances civís como militares. Ata podiamos admitir certa guía no ámbito do desenvolvemento, cos ODS, a Axenda 2030, etc. Isto contrasta coa falta de progreso efectivo na solución de moitos conflitos, coa perda de peso na prevención ou na mediación. Esa outra axenda non para de medrar con crises crónicas como Palestina, o Sáhara Occidental ou Caxemira, poñamos por caso, unha listaxe á que se suman outras novas en medio do que parece unha impotencia estrutural.

Nesta asemblea xeral, dos líderes dos cinco membros permanentes só estivo Biden, e a sombra da perda de interese na ONU por parte das grandes potencias abriu un debate paralelo sobre a encrucillada da propia organización. Guterres non lle deu valor ás ausencias pero pode que alguén baralle outorgar prioridade xa a outros foros máis recentes (G20, por exemplo) que expresarían en mellor medida os cambios na estrutura do poder global cunha ONU que persiste ancorada en 1945.

O risco de que a ONU perda o seu papel central no sistema internacional, cando menos formal, está aí, inda que, hoxe por hoxe, non cabe agardar mudanzas drásticas. Unha probabilidade é que mingüe o seu papel, reducíndoo a instancia de debate co impulso dos emerxentes e como coordinadora de respostas pero co agravante da redución do xa en por si limitado poder global.

A ONU evolucionou, certo, en comparanza co seu esquema orixinal, pero o núcleo da súa estrutura segue estancado. Hai procesos que, en teoría, non deberían resultar problemáticos como engadir á rotación rexional en determinados cargos a rotación de xénero (só 4 dos 78 presidentes da asemblea xeral foron mulleres). Pero a posibilidade de introducir cambios no Consello de Seguridade segue a ser remota.

Se a ONU non quere debilitarse nun momento crítico do debate sobre a abordaxe das fendas na gobernanza global, ten que encarar de vez esa reforma, longo tempo demorada. En relación ao Consello só se fixo unha vez, en 1965, cando o número de membros pasou de 11 a 15. E debera facelo no marco dunha reflexión que contemple non só os cambios na xeopolítica global senón tamén na propia sociedade internacional. E aí, o principal dato, é a emerxencia, como actores destacados, da sociedade civil e os suxeitos non estatais.

A democratización do sistema internacional pasa, necesariamente, por aquí, como tamén no eido estatal, a democratización da política exterior pasa por incorporar nela as entidades subestatais e a propia sociedade. Ese G193 que é a ONU non pode seguir instalado por mais tempo nun sistema internacional centrado moi prioritariamente aínda nos estados. Reformarse e abrirse ou perder o paso. Sen dúbida, será un dos dilemas dese Cumio do Futuro que se prepara para 2024.
Ríos, Xulio
Ríos, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES