Ganas de outono
Santalla, Iago - miércoles, 11 de octubre de 2023
O tempo anda tolo. Somos moitos os que lembramos estrear botas en Setembro. Dito hoxe parece unha toleada, pero en épocas recentes, Setembro era un mes falso porque en calquera momento che podía caer un trebón. Agora o verán non acaba nunca e o inverno caracterízase pola suavidade.
É difícil explicar que, noutrora, vimos caramelos nos tellados, que quedábamos sen clase polas toradas que formaba a neve. É difícil explicar que a neve duraba días e incluso semanas.
O que quizais é fácil de comprender é fartura que a neve deixaba tras de si. Pouco a pouco ían reventando os manantiais e a auga era un tesouro que semellaba non ter fin. Ben equivocados estábamos e aquí temos o cambio climático que soamente o atrevemento dos imbéciles é quen de negar.
Alarmar quizais non sirva de moito, pero si concienciar. Temos a obriga de legar o que recibimos nas mesmas condicións e non o imos facer porque nos meteron na cabeza que éramos máis que a xeración que nos precedeu. Agora quizais conveña deixarse de soberbias e rescatar aquela parte do noso modo de vida que era plenamente ecolóxica e que as nosas modernidades decidiron sustituir polo plástico.
Será posible regresar a un modo de vida ecolóxico e sustentable?

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora