Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Homenaxe a Don Ramón Castromil

jueves, 05 de octubre de 2023
Sempre fun partidario de utilizar criterios innovadores para acadar a galeguización da sociedade fuxindo das inertes e manidas inercias. Para tal fin cómpre un método de análise que inclúa o imprescindible e rigoroso coñecemento da realidade que se quere transformar; grandes dóses de intuición para adiantarmonos aos futuros aconteceres cando non hai abonda información sobre eles; e a utilización dunha elaborada asociación de ideas que nos aproximen á complexidade sobre a que queremos actuar, e tamén a necesaria audacia para acadarmos os obxectivos propostos.

Vén isto a conto porque o Foro E. Peinador deseñou un acto para homenaxear ao gran pianista e empresario don Ramón Castromil Ventureira, director xeral da empresa familiar cunha numerosa frota de autobuses que vertebrou a Galicia costeira, unindo o norte co sur, desde Ferrol a Vigo.

A imaxe corporativa da empresa levouna a cabo nos anos trinta o cartelista Camilo Díaz Valiño. Foron tamén moitos os escritores e escritoras que incluíron nos seus textos literarios alusións á empresa. Ramón Otero Pedrayo cando describe a viaxe en avión que fai en 1950 a Buenos Aires chamoulle "o Castromil do aire".

Estas reseñas previas sérvennos para explicar unha vez máis como a diglosia coutou a necesaria audacia dos nosos galeguistas que non traspasaban as liñas que separaban as prácticas literarias do resto das actividades, mesmo as económicas, nas que eran unha illa de galeguidade os "Laboratorios Zeltia" e empresas afíns, propiedade do empresario Antonio Fernández López; o resto do tecido empresarial vivíu e segue a vivir aínda hoxe de costas a Galicia cun estatuto xurídico propio, que defende a cultura e a lingua de noso.

Cando desde o Foro E. Peinador e o colectivo Galeguizar Galicia ( www.galeguizargalicia.gal ) asumimos o reto de comtemplar a conquista de novos espazos de uso para a lingua galega, solicitámoslle a un coñecido galeguista cultural que actuase de mediador con don Ramón Castromil. Lémbrome que lle fixeramos tal encargo dada a amizade que mantiña con el. Era tan estreita que os matrimonios adoitaban cearen xuntos todos os venres. "En que ligua fala vostede con el, de que falan?" preguntámoslle ao mediador. A resposta foi clarexadora: en castelán e abeirando os problemas políticos de Galicia; falaban de temas triviais. Evidentemente era unha relación diglósica e renunciando ao maxisterio socrático galeguizador. A intelectualidade galeguista nunca fixo nada por tender pontes. Algúns asistían convidados ás sobremesas dos xantares de coñecidos empresarios para amenizarlles a dixestión con contos de lareira, falando en castelán. Coñecín a varios. Cando lles afeei esa conduta por non aproveitaren esas ocasións en aras dunha maior galeguización do país, xustificaban o seu proceder coa mesma argallada: "é moi difícil; galeguistas, si, pero con prudencia, non vaia ser que molestemos aos que nos convidan", dicían.

Ramón Castromil acudíu a unha cita connosco na que lle explicamos a anómala desvertebración cultural do pais, e da necesidade de poñerlle remedio, incorporando o empresariado á defensa da nosa identidade. Quedou sorprendido, e respondeu asi: "Nunca ninguén me fixo tal proposta. Por min, podemos empezar mañá". A súa resposta é merecente da figurar na antoloxía do morno galeguismo de moitos próceres.

Galeguizar a Empresa Castromil foi cousa de seis meses. Nese período de tempo bautizáronse os autobuses cos nomes de escritores e personaxes históricos. Os monitores de tv utilizáronse para divulgar o patrimonio cultural do país , e os aparatos de radio para acompañar aos viaxeiros con música galega Viaxar nos autobuses da empresa supuxo unha terapia cultural importante para moitos galegos. "Teño que coller o Rosalía de Castro", "Eu o Xelmírez", dicíanse uns a outros. Facían os traxectos lendo exemplares dos "Contos do Castromil", editados por milleiros, escritos para a ocasión por máis de vintecinco autores, que os condutores lle entregaban co billete en galego. Nunca os condutores se sentiran tan orgullosos e identificados coa empresa.

O próximo día 10, o Foro E. Peinador convoca, ás 11:00 horas un acto académico, aberto ao público, no Salón Nobre de Fonseca, en Santiago de Compostela, coa presencia dos tres reitores das universidades galegas, responsables de institucións públicas e empresarios galeguizados. Outros que anunciarán desde o estrado a incorporación ao movemento de galeguismo empresarial. Ás 13:00 horas, na Intermodal (nova Estación de Autobuses) da cidade, procederase á inauguración dun busto de Ramón Castromil grazas ás colaboracións do Concello de Santiago e Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Xosé González Martínez é Presidente Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES