Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pasamos das lareiras á cultura globalizada (16)

martes, 10 de octubre de 2023
Meus queridos frades...
Pasamos das lareiras á cultura globalizada (16)
Fondeira do convento de San Cibrao. Ben visibles as chafalladas das sucesivas restauracións.

Meus queridos frades, estaba aberto o portalón das encuastras, e como faltaba media hora para a misa parroquial..., acordeime de vosoutros e, entrei!

Estou paseando polo que foi a vosa horta, e de paso, pídovos audiencia: ¿Queredes falar comigo, que me sigo considerando fregués de Montecubeiro? Para presentarme: Meu bisavó tivo aquí dous irmáns; por suposto que foi cando este edificio estaba enteiro, que agora, ¡xa vedes!, isto que queda en pé, tan mal restaurado, non é máis que a parte traseira do convento, pois o resto..., o resto tamén descansa en paz!

¿Onde están as vosas almas, almas que non ánimas; e de paso, cantos sodes, cantos fostes, sumando beneditinos e dominicos, por suposto? Xa sei que estades no Ceo, pero, Ceo tamén é aquí, aquí en San Cibrao, pois, como Deus está en todas parte, aquí o temos, e vosoutros con El!

Sendo eu cativo, e dada a circunstancia de que cheguei a saber o Astete, da primeira á última, un franciscano que, a falta vosa, veu predicarnos unha novena das ánimas, emperrouse en levarme para Herbón, pero meu pai queríame de morgado, e como os curas non podían, nin poden, casar..., non se desfixo de min! ¡Miúda decepción se levaría cando lle dixen que, xa que non fun ao convento, iría voluntario para o Ministerio, outro convento, coa diferenza de que en Madrid xurábase, comezando pola bandeira! Agora sigo casado, a Deus grazas, así que, o de Herbón, definitivo! Pero estou disposto a facer un noviciado con vosoutros, meus frades queridos e admirados..., se me aceptades! Se me aceptades virei por aquí a miúdo, que se está o portalón pechado, salto a parede, pois, de momento, aínda estou áxil!

Daquela, ¿por onde empezamos? Se outra cousa non mandades, comezarei polo Credo..., para que vexades que sigo sendo crente, e iso a pesar dos dez anos que pasei en territorio musulmán! Xa sei, xa, que dá igual dicir Deus que Alá, que Deus hai un só; iso si, baixo tres formas, ás que chamamos Trindade. Queridos frades, que guapo é lembrarvos, imitarvos! ¿Imitarvos? ¡Non vai ser fácil, pero, intentareino! O primeiro que vos quero preguntar, se non é pecado: ¿cantos quedan na parroquia con un entrego frade, fose beneditino ou dominico? ¡Nesta soidade, e non caer na tentación? ¡En todo caso temos o antecedente de Rosalía, filla dun cura, e ben boa, ben sa, ben intelixente que saíu!

Outra que ardo por preguntarvos: ¿Que tal lle foi a Mendizábal no Ceo, perdoásteslle? Como non me contestades, vou calar, mais seguirei falando só; falando só pero facéndome á idea de que estou dialogando con vosoutros, meus queridos frades. Vou falar moito, pero escribirei menos, un case nada, porque este portátil pesa o seu, e os dedos tamén se cansan de teclear. En todo caso xa repican as campás, así que entrarei na igrexa, que logo empezará don Manuel co seu Introibo ad altare Deu! ¿Como envexo a don Manuel, e que feliz sería eu se os curas se puidesen casar, pois, daquela, mañá mesmo me ía para Herbón, xa que antes non me deixaron!

Xosé María Gómez Vilabella
-.-

Na escaleira
Pasamos das lareiras á cultura globalizada (16)
Na escaleira, si; indecisos, si; ¿daquela, a que vén iso de molestarnos se tal opinan de nós, dos galaicos? ¡Pois eu téñoo a moita honra! Torpes, e ridículos, son eses sabios de vía estreita que non precisan elixir, que non saben dubidar. ¿Haberá cousa máis científica, máis profunda, que dubidar metodoloxicamente ante as circunstancias confusas e difusas, ou inéditas para o actuante?

En cambio pintan a Xustiza representada nunha cega que manexa unha balanza de dous brazos, sopesando... ¡A Xustiza é obxectiva, unidireccional, non comparativa, pois nela non se pode, non se debe elixir entre vara ou metro! A Xustiza é, rotundamente, unicamente, o camiño central, o recto, o correcto, aquel que leva ao premio dos bos e ao castigo dos malos; aquel que indica as consecuencias de extraviarse. Dous brazos son, deberan ser, as posibilidades volitivas: acertar, ou errar!

¿Acertar con respecto a que, ou a quen? ¿Errar con respecto a que, ou a quen? Non hai decisión pequena sen grandes consecuencias, á corta ou á larga, para nós ou para o próximo. Tanto é así que, se a cortina está baixada, se non albiscamos as consecuencias mediatas, ¿quen ousa tacharnos de indecisos? ¡Só os prudentes son / están indecisos! ¿Un galego indeciso...? ¡Aí o tedes, aí tedes un sabio, un prudente, un experimentado! Iso non é óbice para que, na ineludible, non dea un paso á fronte, pero disposto a asumir as consecuencias. ¡Isto é responsabilidade!

¿Tanto custa un si coma un non? A saber, porque o custe dirano as consecuencias, e non sempre se coñecen ab initio! Só os pobos inmaturos, ou os nenos mal criados, están prestos a dar zancadas, pase o que pase, teñan ou non o abismo diante dos ollos. ¿E se hai cortinas? ¿Por que se di que os pobos que ignoran a súa Historia están condenados a repetila? Ou tamén, ¿por que o home é aquel animal que tropeza dúas veces na mesma pedra? ¿Non será porque soñamos grandezas, logros fáciles, en vez de afianza-las pisadas?

Os italianos din iso de que, "Chi va piano, va sano e va lontano!". ¡Se van amodo é que dubidan, que elixen, ou tratan de elixir, o mellor camiño, o que leva a..., ¡á meta proposta, por lonxe que lles quede! ¡Prudencia, reflexión, estudio previo, que son a base do edificio da seguridade, das consecuencias positivas! En tódolos ordes da vida, incluído o económico, tan abafante hoxe en día. ¿Que fixemos cos recursos escasos? ¡Deixar de ser galegos e imita-los veciños: tira-la casa pola ventá, darlle un rotundo si á fantasía, ao luxo, a molicie..., irnos polo camiño cómodo, avanzar antes de ata-los zapatos! Nalgún caso, nin zapatos, que botamos a correr descalzos, descalzos e sen provisións, sen reservas, sen alforxa! ¿Fixémolo polo que dirán, por iso de que nos chamaban indecisos? ¡Se así foi, é que non somos tan vacilantes, tan prudentes, como de nós se dicía!

Xosé María Gómez Vilabella
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES