Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A literatura infantil e xuvenil galega a través do epistolario de Neira Vilas e Del Riego (II)

jueves, 05 de octubre de 2023
Continuando coa esas cartas que van e veñen de A Habana a Vigo e viceversa, cartas que, por veces, tardan tanto que nalgún momento Neira lle pregunta a del Riego se é que se tuteaban ou non...

Despois da proposta e xustificación de Pepe a respecto da necesidade de que Galaxia crease unha colección de LIXG (literatura infantil e xuvenil galega) van chegando pouco a pouco os froitos.

Del Riego, en carta de agosto de 1967 infórmalle do envío dos dous libros publicados: A literatura infantil e xuvenil galega a través do epistolario de Neira Vilas e Del Riego (II)O globo de papel e O abeto valente e infórmalle de que hai outros en preparación. Neira Vilas contesta ao recibir os libros: "Amais dese "vestido de garda", os temas dos contos e o seu desenrolo son moi intresantes. Ese "apéndice" con asociación de ideias, que axudan a espertar a imaxinación do neno, son un magnífico acerto. Están traducidos a un bo galego e as ilustracións canxan perfectamente. Foi pra min dunha grande emoción esta entrega e tamén prá miña muller, "especialista", por así dicir, en literatura infantil." e remata pedíndolle información sobre a recepción dos mesmos e dúas consideracións para o futuro "abordar temas locales, é decir, tipicamente galegos, de ambientación galega, e facer algunha edición modesta, pra que resulte máis asequible."

En abril de 1968, despois de recibir Polo mar van as sardiñas e O lobo e o raposo confesa Neira Vilas: "Agora si podemos decir que eisiste en galego unha literatura infantil, unha atención ós nenos pra que tamén eles lean en galego" e infórmalle de que nuns tres meses realizarase unha exposición de libros infantís con motivo da Xornada Internacional da Infancia e xa propuxo incluír os seis que leva publicados Galaxia, co cal, o libro infantil galego vai estar representado.

Así se demostra o tipo de persoas das que estamos a falar. Intelectuais que pensaban no que necesitaba o país, que investigaban e achegaban as ideas necesarias para mellorar e que poñían en marcha o mecanismo da imprenta para facer realidade os soños. Tiñan a mirada posta no horizonte comunal e grazas a eles puidemos chegar a onde agora nos situamos. Hai un compromiso co país que, dende os tempos actuais pode resultar pouco crible pero que existiu en tódalas ordes da vida, dende os perigos da clandestinidade ata o tempo incontable dedicado á idea, sen pedir nin buscar a cambio cartos ou currículo.

Bezóns a ambos porque deron os primeiros pasos para esta facer realidade esta manifestación de éxito dentro da cultura galega. Estaría ben que autoras, mediadoras, ilustradoras... o lembraran.

Para rematar quixera recoller o final da carta que don Paco envía a Pepe e Anisia en febreiro de 1993:
"Desde agora, e mirando ao futuro polo que tanto temos traballado, fago votos porque a nosa fe non esmoreza.
Xa nas últimas curvas do camiño, percorrido con coerencia, mándovos a cordial aperta de sempre."

Nota: a lingua estaba por normativizar, polo tanto moitas palabras recollidas do epistolario poden resultar estrañas aos ollos actuais, pero debemos lembrar que a normativa é posterior... e por continuar co prefixo: a normalización conxúgase en futuro (se é posible conxugar quimeras).
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES