Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Contra fachenda, servizo

domingo, 01 de octubre de 2023
Mateo segue a nos falar da comparanza que fai Xesús do seu "reino" cunha viña e do seu convite a traballarmos nela. A vantaxe deste tipo de comparacións é que así podemos entender mellor a mensaxe que nos quere anunciar. E se a comparación ten que ver coa natureza, coa vida vexetal que nos rodea, tanto mellor, pois na nosa terra conservamos aínda ben de árbores e videiras por moito que lles pese a incendiarios e irresponsables.

No que se refire ás videiras, o reino anunciado por Xesús está aí xustamente, coma o viño, para producir alegría, comensalía e fraternidade. Foron moitas as veces que el comparou o seu reino, o presente e mailo futuro, cun gran banquete onde xente das máis diversas razas e culturas comparte ou compartirá a ledicia de ser fillos de Deus. Algo así como nun xantar de voda onde nos atopamos a gusto con coñecidos, amigos e parentes.

Mais para poder ter esa festa do viño e da fraternidade é preciso traballar antes na viña. Esa viña que é o mundo no que nos atopamos e no que nos relacionamos uns cos outros. Deus chámanos e convídanos a traballar con el e cos demais no cultivo, na maduración e na recolleita deses acios dos que logo se vai facer o viño da alegría e do contento. Somos así colaboradores de Deus nunha tarefa que el quixo que proceda tamén da nosa liberdade e do noso esforzo persoal e comunitario.

E, tal como se nos recorda no texto do evanxeo, o que conta en todo isto non son as palabras ou as promesas que o vento pode doadamente levar consigo a pouco de seren pronunciadas. "Vou, Señor", mais logo non foi... O que conta son as obras, os feitos , por aquilo ben sabido de que "obras son amores e non boas razóns".

Aqueles ós que vai dirixida esta parábola son, segundo nos refire Mateo, "os sumos sacerdotes e os anciáns do pobo". É dicir, os mestres da lei, da palabra escrita ou transmitida de viva voz de xeración en xeración na cultura e relixión xudía do seu tempo. Eran os que tiñan o privilexio da palabra, mais non necesariamente o das boas obras. Facede -dicía Xesús sobre eles noutro contexto- todo o que eles vos din, mais non fagades conforme ás súas obras.

Este privilexio da palabra levou os sumos sacerdotes e os anciáns dirixentes a considerárense a si mesmos como superiores ós demais. Fachendeaban de seren os verdadeiros depositarios e portadores da verdade, do bo comportamento e da xustiza. Eran sen dúbida superiores ós demais no que se refire á súa posición social, á súa relación cos poderosos e adiñeirados. Mais ¿eran eles –no fin de contas- verdadeiramente superiores ós demais? Máis concretamente, ¿posuían eles realmente unha categoría ética ou relixiosa máis elevada cá dos oficialmente "pecadores" ou socialmente mal mirados?

É ben seguro que estes "sumos sacerdotes e anciáns do pobo" deberon de recibir un atordante machadazo cando Xesús lles espetou sen máis contemplacións: "Asegúrovos que os recadadores e mailas prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós".

Él, certamente, no parece levarse nada ben con cantos fachendean de si mesmos, da súa virtude ou da súa bondade moral. Tal como el mesmo dicía noutra ocasión: "Bo, o que se di bo, non hai máis ca un: Deus". Os demais, todos, somos –no mellor dos casos- aprendices, máis ou menos consecuentes, da única bondade, que é só a de Deus. E todo isto, ademais, grazas á súa graza e ó seu amor.

Resulta, alén disto, que esta bondade, a de Deus, é xustamente boa porque é unha bondade pola que el, Deus, se comunica, se dá ós demais no seu Fillo benquerido. Por iso, e con moi boa lóxica, a liturxia de hoxe pon á nosa consideración o texto do evanxeo de hoxe facéndolle preceder un célebre texto da carta de Paulo ós Filipenses.

Paulo neste texto dános azos para termos "sentimentos de agarimo e misericordia" uns cos outros. Recoméndanos tamén non procedermos con "fachenda", "pensando humildemente –segue el a dicir- que os outros son máis ca un". Mais para min o máis importante e decisivo é a razón pola que Paulo nos exhorta a iso. Unha razón ou xustificación que explicaría tamén por que Xesús formulou palabras tan fortes contra a fachenda dos "sumos sacerdotes" e dos seus compañeiros.

A razón está precisamente en que o Deus que se nos manifesta en Xesús é un Deus que non "fachendea" de ser Deus (e ben que o podería!, digo eu), senón que é un Deus que se rebaixou libremente a si mesmo en Xesús ata o nivel máis baixo da nosa propia humanidade. Paga a pena volver escoitar o texto paulino da Segunda Lectura: "El [é dicir, "Cristo Xesús"], con ser de condición divina, non se agarrou con cobiza ó seu ser igual a Deus; senón que se espiu do seu rango e asumiu a condición de escravo, feito en todo semellante ós homes. Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz".

Por iso a vida e mailo comportamento de Xesús na concreta sociedade do seu tempo, na que el se manifestou coma "un home calquera", son a verdadeira condena do autocompracente comportamento dos mestres da lei.

E xustamente ese rebaixamento do Fillo de Deus, do que nos fala Paulo, é o que fará que o Pai-Deus o vaia despois "exaltar sobre todo", tal como di o mesmo Paulo.

Se queremos, polo tanto, en canto cristiáns e seguidores de Xesús, sermos grandes (e deberiamos desexalo de verdade!), xa sabemos cal ha ser a nosa folla de rota para acadar tal grandeza. O camiño é, como o de Xesús, o do noso "rebaixamento" no servizo e amor a cantas persoas nos toque en sorte atopar na vida.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES