A 'moralina' Vaticanista
Cardalda, Theo - jueves, 12 de febrero de 2009
Hai uns días atopeime a un compañeiro que coñezo hai moitos anos; foi deputado polo PSOE e hoxe retirado da política activa, aínda que milita en dito partido. A pregunta que lle fixen foi: ¿Que che parece o recibimento que lle fixo Zapatero e parte do seu goberno ao segundo de abordo do Estado Vaticano, Cardenal Bertone?. A contestación que me deu non a agardaba, dixo: ¡Unha baixada de pantalóns en toda regra!. Iso foi o que eu mesmo pensaba. Que se deixe este goberno de tantas carantoñas, agasallos e peloteo que ata sentín vergoña allea. Que se poñan dunha vez por todas a renovar un novo Concordato para os tempos que corren no Estado Español. O actual está caduco e cheira a puro franquismo.
O primeiro que tiveron que aguantar os que considéranse agnósticos, os que cren noutras relixións, en fin, os que cremos que pertencemos a un estado laico foi as declaracións que deu metendo a gamba na inxerencia dos asuntos políticos do Estado Español xa que veu como representante doutro país, como podería ser calquera ministro de exteriores de calquera estado do mundo mundial. Veunos a ensinar esa moralina tan casposa e hipócrita que ata da noxo escoitala. A mesma cantareira que veño oíndo hai décadas.
Con que dereito moral nos poden ensinar estes señores do Estado Vaticano, cando eles mesmos non a practican. Xamais escoitei estar a favor da Convención Internacional sobre a eliminación de tódalas formas de discriminación da muller. Que clase de estado é que xamais asinou o Pacto Internacional de Dereitos económicos, culturais e sociais, o Pacto Internacional de Dereitos civís e políticos, a Convención Internacional de Dereitos dos traballadores, o Protocolo para abolir a pena de morte. Neste apartado xamais tiveron a delicatesen de berrarlle a EEUU, un estado que se di democrático e teñen os corredores da morte cheos a esgalla. Disto entende moito un tal Bush e o Papa o recibiu con grande entusiasmo tendo como ten as mans machadas de sangue, que nin con augarrás remata de limpalas. O máis grave de todo foi o apoio dese estado Vaticano a bicos e apertas cos crueis dictadores de Sudamérica.
Coido que aínda pensan que España é o seu coto vedado e seguen coa aquela nostalxia do poder que tiveron unha morea de séculos con aquelas masas de incultos, supersticiosos e atemorizados. Pode ser que aínda teñan parte desa forza, pero hoxe no século XXI moitos dos cidadáns non comulgan con rodas de muíño.
¿Que queren? De España xa o teñen todo e moito máis, tanto a nivel económico e en concertacións escolares, axudas, etc... Ou tamén queren que aceptemos a súa moralina que lles deixemos que nos persigan tratando de impoñer os seus credos, machucando e esmagando calquera inicio de liberdade e crítica. Os non crentes os que practican outras formas de relixión sempre respectaron o seu dogma, cousa que eles xamais respectaron e non falemos dos tempos do franquismo que toda España era como unha Adoración Nocturna imposta a sangue e lume.
Estamos nunha sociedade libre, laica, ilustrada que só quere acadar o benestar e a felicidade a súa maneira sen imposición de dogmatismos e outras herbas de recendos que feden a rancio.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora